XORNADAS LNB DA FIN DE SEMANA

0
156

       Xa falta pouco para rematar a temporada 2018-2019 LNB e as Conferencias Rías Baixas e Noroeste queren dar os últimos retoques ás clasificacións para presentalas o máis fermosas posibles nesa cita única da Final LNB 2019, do 26 de maio en Compostela. Así, na conferencia Rías Baixas as prazas en Categoría Individual Absoluta que tería a Conferencia por porcentaxe de participación serían 22, pero, hai que sumar dúas prazas máis, unha a do Coroceiro Actual e outra a praza do Aberto das Estrelas 2019 da Pontenova. Na Categoría feminina as prazas por porcentaxe de participación serían 11 e unha praza máis da Campioa Actual LNB feminina. En Equipos son 3 prazas, que semella moi decididas, salvo pandemia en Gharaboto. 

     En canto á categoría de Varados as prazas por porcentaxe están así a día de hoxe: ao Norleste corresponderíanlle 6,6 prazas, ao Noroeste 3,8 e ás Rías 9,6, daquela, se redondeamos pódese comprobar que hai unha praza, para completar as 20, que se terá que decidir na participación das últimas xornadas. Esta xornada de Poio, con previsión de choiva, abre o horizonte a aqueles xogadores que están a un ou dous varados dos 6 que marcan a fronteira das prazas de finalista. O pavillón de Lourido é propicio para realizar a arte do VARADO. 

     

     No Noroeste a segunda praza de finalista LNB en equipos é a que falta por decidir, aínda que ten moita vantaxe APB sobre MAC. Na Categoría Absoluta, pensamos que a novena praza, que ocupa L. Fontán, podería estar ao alcance de Enrique, Cotelo e Eladio. Ademais, se a xornada se leva ao pavillón Edu pode despedirse definitivamente da praza de podio ou, quen sabe, se asaltar a posición de Lito Pena, quen tampouco se adapta moi ben a espazos cerrados.
       En Categoría Feminina, a segunda praza de finalista deberán loitala Cruz e Mariña, con bastante vantaxe para a de Campo da Feira. Na Categoría de Varados, parecía todo decidido, pero se climatoloxía é adversa todo volve a abrirse. Deste xeito, Edu, Kevin e Óscar Ponte van ter a súa última oportunidade nesta xornada de Laxe, xa que, as choivas que veñen do norte igual levan a palanadoras e palanadores ao pavillón en lugar de levalos á praia. De todas as maneiras, está EGASA movendo fíos en Meteogalicia para que leven as nubes cara a Lugo. Non quere ver nin en pintura o pavillón. Veremos se ten tanto poder como presume. 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome