Xornadas da fin de semana: NORLESTE-RÍAS-NOROESTE

0
175
         A vindeira fin de semana LNB será magnífica, pois haberá xornada en todas as Conferencias.

       Fantástico vídeo anunciando a 3ª xornada Norleste que se disputará no Alto da Cadeira (Trabada). Lugar de paso do Camiño Norte e un dos concellos que acolleu a 5ª xornada  daquela primeira temporada LNB 2005-2006. Este concello da Mariña Oriental está no epicentro do revolucionairo terremoto da billarda. Aquel pequeniño movemento telúrico chamado LNB, que se iniciou en outubro de 2005 e que está subindo na escala de Ritcher, volve a un lugar emblemático, non exento da néboa de misterio. A información contida no Varal confirma que a primeira vez que se xogou en Trabada fíxose na Praza da Feira, ou sexa, no centro da vila. Pois ben, ao ano seguinte trasladouse a organización da xornada ata o Alto da Cadeira. O terreo de xogo marcouse a carón da capela de San Marcos. O ceo quixo que fora un día de chuzos. De todos os xeitos, a xornada comezouse… mais, houbo que adiala, xa que, o terreo convertiuse nunha lameira. Desde aquel día, cada vez que se xoga na Cadeira sobrevoa a ameaza dunha climatoloxía adversa… moi adversa para o salto das billardas. Veremos que sucede este vindeiro sábado. 

       Na Conferencia Rías Baixas recupérase un concello que xa acollera xornadas da desaparecida Conferencia Sur. O lugar será un estadio de atletismo e a billarda volve a un terreo de herba natural. Esta temporada o esplendor da práctica da billarda regresou á zona sur do Morrazo para quedarse. Despois da xornada xogada en Moaña, disputarase en Cangas a 5ª xornada. Podemos dicir que o Morrazo na súa totalidade xa é terra sementada. 

        A Conferencia Noroeste ten a Carballo como capital estratéxica da Comarca de Bergantiños para continuar a expansión da billarda cara ao oeste e cara ao sur. Este lugar ten un potencial enorme, tanto polo número de habitantes como pola difusión nos medios de comunicación das actividades que se realizan aquí. Entón, o impacto mediático debe axudar a visibilizar o traballo de divulgación d@s compañeir@s da Noroeste. Cada fin de semana que nos xuntamos, estamos manifestando ao país que esta aventura marabillosa chamada LNB quere manter vivo un xeito de interactuar e relacionarnos de maneira saudable, arredor dunha actividade entretida, divertida e de enorme identidade cultural.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome