XORNADAS DA FIN DE SEMANA NORLESTE RÍAS BAIXAS

0
200
        Celebrada a xornada 11 da Conferencia Norleste, podemos afirmar que a raza do norte do país é dunha fortaleza e afouteza fóra de discusións, xa que, nin HUGO puido impedir que xogaran na carballeira de Mosteiro (Pol). Iso si, as condicións influíron de xeito diferente no rendemento de xogadoras e xogadores. O líder Charly, de Carabullo, ganou a xornada e, ademais de alimentar o seu palmarés de vitorias, dou un paso definitivo para conseguir o Título de Conferencia. Regueiro foi segundo na xornada e cos 22 ptos conseguidos alcanzou a terceira praza do podio na xeral. Terceiro foi Pepe Outeiro, outro dos PD (Postos Dez). Está claro que xogar en superficies de herba e cun alto grao de humidade adáptase perfectamente ás condicións dos palanadores da Terra Chá. Algo terá a raza chairega!!
  
       As cousas quedan deste xeito, no tocante ás prazas que dan dereito a participar nas Finais LNB 2018. Moita emoción na categoría de equipos, pois despois desta xornada Chaínzos-Cadaval púxose por enriba de Troitas Bravas, mais, son só 6 ptos de diferenza. Na categoría Feminina, o título está decidido en favor de Geni e as prazas pensamos que tamén o están. En Varados, coma noutras temporadas, Remourelle dictará sentenza. Na categoría Absoluta apenas quedan 3 ou 4 prazas por adxudicar, xa que, Jorge e Coedo están a 6 ptos da última praza ocupada por Cortón. Non poden descoidarse Geni, Noé nin Alvariño. Pensamos que os demais, en situacións normais de terreo de xogo e de climatoloxía, manterán estas prazas. 
      O título será para Charly. As outras dúas prazas de podio están aínda por decidir. Manu Pozo ten vantaxe de 5 ptos sobre Regueiro e 6 sobre Daniel. Daquela, ata a última xornada haberá posibilidades para os tres de acadar o podio definitivamente. Ao mesmo tempo, a categoría de Equipos, cremos que xa ten campión e será o eterno Billardeiros Musicais de Ribadeo. De todos os xeitos, as previsións parecen fiables, non obstante, que ninguén se descoide nestas dúas últimas xornadas.

O MILAGRE DE SAN BIEITO

       A xornada de Mourente xogouse no pavillón de Lérez. Como sempre que se xoga en superficie rápida de 40 metros foi un festival de varados. Tanto é así, que se igualou a marca histórica LNB de número de varados con 41. Estas xornadas, tamén dan lugar a sorpresas e así sucedeu, pois a vitoria foi para Taxeiro de Valpaços Terra Quente. Ademais, foi o xogador con máis ptos conseguidos, 26. Salva foi segundo, un habitual destes lugares, e Tania, a outra sorpresa, sobe por vez primeira a un podio da Categoría Absoluta. Salientar na categoría de equipos o tremendo desastre de Lúa de Forza que o levou ao penúltimo posto na xornada. O equipo verde non chegou aos 50 ptos.

      Despois de sumar os puntos da xornada 14 as clasificacións quedan deste xeito nos postos que dan dereito a ser finalista LNB 2018.
      
      Cremos que a clave do éxito do equipo de Valpaços nesta xornada estivo na bendición que lles dou Charri antes de comezar a xogar. Aquí vemos ao abade de Bueu, Salvador Santos, dando a bendición urbi et orbe ao equipo morado. O patriarca Taxeiro ganou a xornada, Tania foi terceira, Adriana foi primeira na Categoría Feminina e Tomás foi terceiro na Categoría Infantil. Amais de ser terceiro en Equipos e ganar en Equipos Femininos. En fin, unha xornada Santa para o equipo de Vigo. O abade Santos acercárase uns instantes antes ao mosteiro de Lérez para recoller auga sagrada coa que despois regou os estómagos morados. O Milagre de Lérez, como xa se coñece a esta xornada 14, sucedeu o sábado.
Rodri está atravesando unha etapa dura na súa vida, pero por fin xa se lle ve alegre. Este mozo de Armadiña tivo complicacións no seu embarazo, pero por fin aquí está co seu retoño. Agora anda buscando ao pai, que pola cor do bebé todo fai indicar que come moita cenoira.

      
O atractivo da billarda para @s máis cativ@s é evidente. Incluso son capaces de deixar outros xoguetes durante uns minutos para suxeitar un palán. Vemos como Naia e os dous Hugos visualizan os vídeos do Día das Estrelas para mellorar o seu golpeo. 

Rial levanta o palán en dirección a Laura. Fantástica instantánea cun simbolismo extraordinario. Desde aquí queremos felicitar a Lau e a Diego, pois a tripa que se aprecia no corpo da de Combarro non se debe ás consecuencia dos nutrintes que lle proporcionou a graxa ao caldeiro da comilona do Día das Estrelas, senón que é froito do amor. En definitiva, desexamos que o novo ser poida coller con saúde o palán, alá polo inverno 2018.

Alicia e Yaiza. As sabias ensinanzas da avoa sempre son acollidas con esa bondadoso ou… xesto da neta.

O novo abade de San Bieto de Lérez, Salvador Santos, estivo bendicindo a Armadiña tamén, pero semella que non son persoas de fe e non xurdiu o efecto esperado no seu rendemento deportivo.

Cheli pedindo consello á Campiona Nacional 2017. Palabras da de Gharaboto: “que suplemento vitamínico podo tomar para mellorar a visión?”

Un novo xogador de Armadiña debutou en Lérez. Aquí o temos ao lado de Cho. Non nos foi facilitado o dosier biográfico de tan atractivo palanador por parte da delegada de Armadiña, cando o teñamos informaremos.

Gelin, gran actor e mellor xogador de billarda. Podemos apreciar como o tratamento para evitar a caída do pelo non lle funcionou, aló polo 1960, cando empezou a utilizalo. 

O efecto zombi chegou á LNB. Vemos a dous deles dispostos para iniciar a caza na búsqueda de carne. 

Inés e Suso. Vemos como o armador, Jesús Rosales, non confundir con armadiño (xogador do equipo Armadiña), saca a billeteira antes do sorteo de grupos para encontrar acubillo nun grupo favorable.

Juanma, Zaira, Adriana. A billarda do século XXI

Moldes e Fariña. A billarda no sangue.

Pili e Rial. A guerreira alegre e o xogador pacífico.

Salva e Irene. Mirando ao futuro ou quen sabe se a Hugo (que boa rima!) 

Ricar, Lito e Luís Gon forman a bandeira tricolor da futura república da Ría de Pontevedra. Azul, vermella, Azul.

Tomás recibe indicacións para dar as brazadas correctas sobre a piscina de cemento de Lérez. 

Lúa de Forza buscando reforzos para o seu proxecto de futuro. Entre o Xián e o Xan empanadan a Hugo de Corredoiras. Non vos estrañe para o ano ver ao neno de Bueu vestir de verde. Xa coñecen ben en Corredoiras os métodos do equipo de Sanxenxo.

Santiago e Gerardo. Un co logo do equipo no lado esquerdo e outro no lado dereito. Cada quen ten o corazón onde quere. 

Ana sabe que debe arrimarse á Campioa Nacional, Chefa, para encontrar o golpeo perfecto.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome