XORNADAS DA FIN DE SEMANA

0
114
         Esta fin de semana é moi especial, xa que, ademais das xornadas de liga nas Conferencias Rías Baixas e Noroeste disputarase a XII edición da Copa Cantábrica. Para contextualizar a importancia deste evento, diremos que foi no 2006, mentres a LNB estaba en pañais, cando Asturies acolleu, por vez primeira, á Auténtica de Billarda no seu territorio. Un acto simple, mais de enorme trascendencia para este xogo marabilloso. Tamén, como sucede en Galicia coa LNB, no Principado hai un grupo de persoas integradas no CNL (Conceyu Nacional de Liriu) que se esforza por recuperar este xogo milenario, chamado Liriu, nas terras de Pelayo.
    Deste xeito, describía aquel momento histórico o noso Libro Sagrado, ovaral.blogspot.com:
     “Pasaban escasamente uns minutos das 10:30, cando un silencio atronador se apoderou da Guagua da LNB, maxistralmente pilotada polo comandante Luis. Chegaba a tan agardada hora da primeira lista de convocados para defender as cores da Galiza no seu debut fronte á selección asturiana, nas terras de Piyarnu, concello de Castrillón. Durante a parva, no restaurante “A Lupa”, a tensión palpábase na faciana da expedición galega. Faltaban moi poucas horas para o debut histórico e os palanadores e palanadoras da Galiza instintivamente buscaban a billarda para golpear incluso baixo as cadeiras e as mesas do restaurante. 
    Doce foron os elixidos : Bixi, Ginés, Calvete, Carmiña, Toño, Teresa, Vicente, Ana de Lourenzá, Sevando, Ana, Xermán e Ismael, dos cales dez saltaron ao cemento pulido armados con paus e billardas para tentar carrexar o triunfo cara ao país galego. Pero, Asturies non ía ser a pera en doce que moitos pensaban. Os Xose e David do Spoting Petapouco e a María das Fanecas Bravas uníronse aos palanadores e palanadoras da LNL (Liga Nacional del Lirio), paraguas baixo o que se preparou todo o continxente astur para plantarlle cara, a iso das 13 h á selección galega, coñecida popularmente coma A AUTÉNTICA.
    Como era de agradar, un dos intres máis emotivos foi cando as dúas seleccións formaron en rea a caron das bandeiras, para escoitar e cantar os respectivos himnos. Todo un espectáculo que as ducias de siareiros das dúas seleccións calificaron coma máxico e emocionante. Pero, o espectáculo tiña que comezar e foi unha coñecida da afección galega, María, a palanadora de Fanecas Bravas da LNB, a que lanzou a primeira billarda ao aire Piyarnu, para dar inicio ao Primeiro Internacional de billarda da historia. Asturies iniciou a competición marcando o ritmo cun sencacional Albarín, poñendo a raia a unha das estrelas galegas como é Calvete, pero, pese a que Asturies o intentaba con gañas e decisión conducidos por un experimentado David Díaz, Galiza non daba o brazo a torcer e ía sacando, pouco a pouco, estalos da súa maior experiencia na alta competición. Foi entón cando, no medio dun enorme trebón de auga, que obrigou a suspender momentaneamete a competición, se produciu o gran barreno, Ismael. O Zidane da Billarda, liderou o despertar da selección galega, cando máis acosada e necesitaba estaba, e coma un xinete na tormenta, montado nun garañón de Cornería, foi quen de conducir aos palanadores e palanadoras galegos ao triunfo final por un axustado 27-21.”

Primeiro cartel. A partir do ano seguinte empezou a chamarse COPA CANTÁBRICA
   

Manolo Flores, seleccionador galego, intensificando as sesións de adestramento de cara á XII COPA CANTÁBRICA

       Por suposto, debido a que a competición regular non se detén, o seleccionador actual, Manolo Flores, debe facer unha convocatoria na que non pode contar con xogadoras e xogadores das Rías Baixas. Pensamos que aínda que se vexa afectado o potencial da Auténtica por esta circunstancia, non está en perigo a vitoria galega, pois, segundo opinan voces informadas, o seleccionador ten “Flor”. Desde que leva no cargo non colleitou ningunha derrota. Por este motivo, moitas persoas tamén lle chaman “Invictus” a Manolo. Liriu sempre! Billarda sempre!
     
    A competición regular non se detén e xa están os carteis das vindeiras xornadas: RÍAS BAIXAS e NOROESTE.  
    

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome