Vindeira xornada LNB NOR domingo 26 xaneiro. Filloas perde o norte e MAC ficha a Litopótamo

0
555

Chega un dos Abertos míticos e místicos da LNB NOR. O adxectivo de mítico venlle polo campo de xogo mixto, metade cemento, metade herba e a distintas alturas, todo un reto para calquera palanadora e palanador. Moi perto está a igrexa parroquial de San Román das Encrobas, de estilo románico construída no s. XII. A igrexa foi trasladada desde Gontón, xunto co cemiterio ao lugar de Pontoxo, próximo ás Encrobas pero máis illado, entre os anos 1996 e 1997. Na actualidade o templo, que xa fora reformado no século XVIII, presenta unha planta rectangular dividida en tres corpos aliñados a diferentes alturas, coma o terreo de xogo.

 

O misticismo provén daquel místico de esquerdas, como en algún medio denominaron,  Moncho Valcarce. Un cura nacido na Coruña e do que podedes encontrar máis información na web Irmandade Moncho Valcarce. O vindeiro domingo 26 de xaneiro durante a disputa da xornada 10 da LNB NOR, será homenaxeado o cura das Encrobas, no lugar de Pontoxo, unha parroquia cercedense que foi emblemática pola rebelión veciñal, liderada por Valcarce, na defensa das súas terras e das súas casas nos intentos de expropiación por parte de Fenosa para poñer en marcha a central térmica de Meirama. Permanecerá sempre no corazón da LNB NOR.

 

Por outra beira, en canto á actualidade dos equipos, tivemos acceso a un documento confidencial que FIL está filtrando interesadamente para ver de sacar tallada. En fin, adaptar o regulamento á súa conveniencia. Xa estamos habituados a este tipo de falcatruadas no NOR, o que nos sorprende é que desta vez veña dun dos equipos con máis señorío da LNB. Será que meteron un raposo entre as pacíficas ovellas filloeiras coa fichaxe de Landras? Quen sabe?

Tamén, sabemos que MAC equipo local estaba preparando algo de impacto para a xornada de Pontoxo. Realmente, non nos críamos o que nos comunicaron desde a secretaría de prensa de MAC. Enviamos a EGASA para comprobar o sucedido. Este é o texto do telegrama que nos enviou Araña EGASA, “Certo, a medicación que tomou Lito Pena para recuperarse da súa operación na man tivo uns efectos nada beneficiosos para o xogador de MAC. Vómitos, diarreas, febre, visión borrosa, dores de cabeza… Non obstante, como lle sucedeu a todo héroe, a toda heroína, a algún semideus, o bo de Lito adquiriu super-poderes. Si, non digades Lito…Pena, dicide LITO…PÓTAMO. O seu super-poder é o do berro hipo-atronador que lanza cada vez que non lle dá á billarda e co cal desestabiliza a todo rival que se lle poña por diante”. Despois, a través de mensaxe de voz tamén nos dixo o seguinte, “Miña naiciña… quen para a este animal! Pensei que O home Araña era invencible ata que escoitei o berro hipo-atronador. A ver se leva por diante a Collazo!”.