TORNEOS ABERTOS DE BILLARDA no verán

0
237

       No Campo de Billarda da Seca en Poio celebrouse o Aberto de San Xoán. 45 participantes disfrutaron dunha temperatura ideal e dun terreo olímpico excepcional. A brisa da Ría de Pontevedra que acaricia as palmeiras da Reiboa proporcionou o frescor necesario para desenvolver o máximo potencial de rendemento humano. Deste xeito, a competición puxo a cada quen no seu sitio. 
        Unha análise polo miúdo déixanos varias hipóteses moi plausibles de cara á temporada 2018-2019. Primeira hipótese: Armadiña loitará polo título. Cho continúa coa súa progresión, ao igual que Peque. Manu e Rodri son valores seguros. Isto significa que Armadiña será o C’s das Rías Baixas, que poña en discusión a hexemonía do poder bicéfalo de Corredoiras e Gharaboto? Todos os indicios levan a pensar que a franquicia celeste vai estar moi cerca deses dous equipos. 
       Segunda hipótese: a categoría infantil vai quedar en mans dos infantís de Armadiña. Co paso de Juanma e Adriana á categoría absoluta queda aberta a porta para os outros nenos e nenas que vivían á sombra destes dous extraordinarios xogador@s. 
        Terceira hipótese: Charri ten o mal de ollo. O fenomenal palanador de Bueu afirma que alguén lle votou un meigallo, pois non se explica o baixo rendemento que está tendo. Desde os últimos meses da temporada pasada non acerta a golpear a billarda como facía antes. Vaise poñer en mans de profesionais. Xa acudiu a unha cita cunha especialista titulada en Vudú. Abaixo vemos a foto de Charri nunha sesión desta técnica ancestral.

        Nas fotos seguintes pódese apreciar o xeito de golpear que identifica a cada unha e cada un dos xogadores. O mesmo que cada quen ten un xeito peculiar, particular e único de camiñar, tamén ten unha maneira persoal de golpear que o identifica. Esa maneira de golpear nace coa persoa, senón mirade as dúas últimas fotos nas que aparece o Xián de Rexenxo, un neno de 5 anos que está aprendendo, e de que maneira, a xogar billarda. A súa escola de billarda foi e é a LNB. A súa familia encárgase de levalo xogar e de ofrecerlle o material de xogo. O demais, traíao el dentro. A súa ilusión e entusiasmo por darlle golpes á billarda pon a proba a paciencia dos seus proxenitores, pois non para de xogar na súa casa, poñendo en perigo vidros e portas. Neste comportamento infantil está reflectido un dos obxectivos da LNB, que non é outro que o de transmitir ás novas xeracións o amor a un dos nosos xogos tradicionais máis arraigado na cultura galega. O mesmo sucedeu e sucede con Oscar Caldas, outro neno coa billarda no sangue. Despois, están outras nenas, Ainhoa, Icía, Nerea, Naia, María Caldas, Antía… e outros nenos, Ares, Hugo, Alexis… que xa saborean o pracer de xogar billarda nun ambiente agradable. 
        

JM CAMIÑA

LUÍS CAMIÑA

MACHI

MANU

MARGA

MÓNICA

PACO VIDAL

PAPI

PEQUE

ROSANA

TANIA

TAXEIRO
XAN

XIÁN

XIÁN