TODOLNB fala con… ROI REY CASTRO

0
266
       Roi Rey Castro é o D’Artagnan dos mosqueteiros de APB Santa Marta. O equipo da Laracha conseguiu formar un trío de presente e de futuro con Roi, Kevin e Dilan. Este trío de mosqueteiros forman a garda persoal do Rey, Vilas II e foron adestrados para cumprir unha única misión: CONQUISTAR O TRONO da Conferencia Noroeste, en poder dun equipo que ten un nome que non podemos lembrar, pois, ese equipo xa terá o seu momento, cando demostre algo nas Finais LNB 2019.
       Roi ten unha curta traxectoria na LNB, pois, esta é a súa cuarta temporada de competición. Tal vez, por ser un xogo que lle transmitiu seu pai, quizais, por ser unha actividade social divertida, quen sabe se debido a que en cada golpe se acubilla para sempre un anaco de existencia irrepetible, o certo é que o seu sorriso confirma a excelencia dun deporte tradicional que encontrou un lugar no corazón deste universitario.

 

Nome e apelidos: Roi Rey Castro
Lugar e data de nacemento: A Coruña. 1995-03-12
Lugar de residencia: Santiago de Compostela
Ano de debut: 2014
Equipo actual: APB SANTA MARTA

-Cando e como foi o teu primeiro contacto co xogo da billarda e coa LNB?
Foi a través de meu pai (Julio Vilas). Cando el levaba xogando un ano ensinoume as bases e o concepto da billarda. Despois, xoguei algunha vez en 2014 (8 xornadas), pero, non foi ata 2016 cando comecei a xogar máis a miúdo na Conferencia Noroeste.
-Que accións propoñerías para que a práctica da billarda chegase á poboación escolarizada?
Integrala como introducción na materia de Educación Física. Penso que é un xogo perfecto para que gocen e se divirtan as nenas e nenos. O ideal sería establecela como actividade extraeescolar máis regulada, pero iso, conleva unha infraestrutura profesional que non temos dispoñible por agora.
-Cales son as túas principais virtudes como xogador de billarda?
Penso que non teño ningunha virtude en particular. O que intento é tomarme en serio cada golpe e, á vez, ter presente de que o fundamental é pasalo ben. Tamén, considero importante animar e ser positivo de cara aos
demáis palanadores e palanadoras..
-Que aspectos técnicos, físicos ou psicolóxicos debes mellorar?
Ás veces doulle demasiadas voltas a como vou golpear a billarda. Non obstante, decateime que cando mellor xogo é cando me concentro e só penso en metela no varal
-Ordena estas superficies de xogo segundo a túa preferencia: TERRA, HERBA, AREA,ASFALTO, CEMENTO, PAVILLÓN
Terra, area e herba gústanme por igual, se non está moi mollado. Pavillón e cemento paréceme que cambian o xogo demasiado, sobre todo, no pavillón, pois a presenza dun teito provócame dúbidas á hora de golpear.
Do asfalto non son partidario, xa que, despedaza as billardas demasiado.
-Cales son as claves da enorme evolución que experimentou o teu xogo?
A práctica é a clave. Ademais, hai momentos nos que noto que teño máis confianza e véñome arriba.  Neses momentos é cando mellor o fago. Últimamente debería adestrar e practicar algo máis para seguir avanzando. Tamén, debería deixar de trocar o tipo de billarda tan a miúdo.
-Que opinas das túas posibilidades para ser Campión de Conferencia?
Actualmente ningunha, non teño a habilidade suficiente nin os puntos por xornada, pero, espero poder aspirar nos proximos anos.
-A que xogadores vés con condicións para ser Campións de Conferencia?
Collazo é a primeira opción, mais, Juan Carlos e Eduardo poden darlle problemas se se relaxa demasiado. Xulio e Lito tamén poden dar a sorpresa se xogan a bo nivel.
-Que farías para que máis xente xogase á billarda na túa comarca?
Intentar que os concellos publiciten as xornadas LNB e lle dean máis importancia e soporte para facer novos formatos e incluír torneos en máis festas e centros educativos.
-Vés posible que esta temporada remate o dominio de Campo da Feira?
Véxoo imposible, realmente. Son moitos xogadores e de moita calidade, pero, intentaremos rematar coa súa marca de xornadas gañadas.
-Cales son as fortalezas e debilidades de teu equipo APB Santa Marta?
Fortalezas, que somos todos moi cercanos e confiamos uns nos outros. Sempre intentamos ter un ambiente de risas e apoio, o cal fai que competir sexa moi agradable. Debilidades, que somos poucos. Individualmente podemos
todos mellorar, como equipo penso que non.
-Cales son os teus obxectivos para esta temporada, tanto individuais como colectivos?
Individualmente intento clasificarme para as finais, pero, o que máis desexo é que APB se clasifique por equipos.  E, sobre todo, pasalo ben e continuar moitos anos.

 

       A súa traxectoria deportiva está marcada pola explosión do seu xogo na temporada pasada. Roi é un millennial que descubriu a billarda no 2014. Isto significa que non xogou na súa infancia nin na súa adolescencia. Daquela, foi dura para el a primeira fase de competición (2014-2015), xa que tivo que enfrontarse a xogadores e xogadoras con experiencia e moi solventes no desempeño do palán. Despois dunha temporada de excedencia (2015-2016), volveu con intención de quedarse. A temporada pasada conseguiu un segundo posto na 7ª xornada, e o que foi o seu cénit deportivo, polo de agora, foi semifinalista na Final LNB Individual Absoluta 2018. Este estado de forma semellou desaparecer no comezo desta temporada, xa que, nas dúas primeiras xornadas non estivo a este nivel de excelencia. Pero, non foi máis que un estado pasaxeiro, as dificultades do comezo de curso. A partir da terceira xornada comezou a súa recuperación. Así, na 6 xornada disputada en Boedo-Culleredo, xa subiu ao segundo posto da xornada e confirmou que pode estar cerca do podio da Categoría Absoluta.

 

 

       En maio deste ano 2018, Roi foi semifinalista da LNB. Non perdeu ningunha carreira da fase de cruces e só un tiro de desempate, despois de tres carreiras empatadas, contra Lito, foi quen de deixalo fóra da Gran Final. Foi unha tarde magnífica na que Roi demostrou o que se pode conseguir con dedicación, emoción e… unha boa madeira dos bosques da Laracha.

O seu palmarés está por escribir. Só leva 37 xornadas LNB disputadas, pero, son moitos máis os TAB nos que Roi participa e isto estase notando no seu nivel de xogo. Veremos ata onde pode chegar o herdeiro ao trono do Rey Vilas II da Laracha.

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome