TODOLNB fala con… CHOUSA

0
217

 

      Hoxe imos saber algo máis de Victor do Irixo, coñecido na LNB polo alcume de CHOUSA. Este pura sangue da billarda é unha persoa cunhas raíces que buscan afianzarse nas profundidades da terra do país, ao mesmo tempo que cabalga na búsqueda do ideal social, no que a colectividade sexa esencia e a tribo patrimonio.

 

       Certo que con el empezou todo para Chousa, co festival da Chaira 2013. Neste grandioso Festival da Terra Chá xogou por vez primeira á billarda. Desde aquel sábado 20 de xullo Chousa recoñeceu como seu o horizonte da LNB, recuperar a práctica da billarda en todo o país e normalizar esta actividade lúdica, deportiva, cultural, social e patrimonial do pobo galego. El sabía que este xogo formaba parte da nosa cultura, pero non tivera ocasión de xogar de neno.
       Despois da experiencia de Baltar, o do Irixo incorporouse á liga regular na segunda xornada celebrada en Ponte de Outeiro, en outubro de 2013. Naquela época integrouse no equipo da chaira CRUZADOS.

 

       Un ano e 6 días despois, na Pontenova, subiu a un podio LNB por primeira vez. Este lugar da Praza dos Fornos semella do seu agrado, pois foi aquí onde, hai unha semana e media ganou a súa primeira xornada LNB.

 

As características técnicas de golpeo unidas a unha estrutura biomecánica excelente fan del un dos talentos da LNB. Capaz de lograr xestas inesperadas como sucedeu na Final LNB 2016.

 

       A súa historia deportiva está marcada polo Día das Estrelas 2016 de Pol. Tivo unha actuación notable, o que unido a que os ocupantes do podio xa estaban clasificados, permitiulle conseguir unha das prazas para disputar a Final LNB dese ano.
       En Compostela, o 29 de maio de 2016, Chousa cabalgou sobre a terra do Manuel Paz do Castiñeiriño como invencible xinete da Apocalipse que anunciou a entrada da Terra Chá no Alboio da Fama da LNB. Proclamouse COROCEIRO NACIONAL para sorpresa e satisfacción dos seus compañeiros e compañeiras da Conferencia Norleste. Quizais o abrazo máis emotivo foi o do seleccionador nacional FLORES, quen abrazou a Chousa coa maniobra de Heimlich para evitarlle o atascamento da gorxa chea de berros de alegría e satisfacción.
   

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome