TODOLNB fala con MARCOS RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ “Markytos”

0
132
      Markytos,
como bo super heroe, foi bautizado co lume dun palanazo a comezos dos
90. Naquel intre adquiriu o super poder de golpear a billarda como
ninguén, mais el non o soubo, ata que no 2007 coñeceu a LNB. Desde
o primeiro momento golpeaba a billarda dun xeito espectacular, pois
subíaa ata os ceos e cando baixaba petáballe tal palanazo que as
billardas aturuxaban. Co paso dos anos converteuse no máis grande
xogador de billarda da LNB.
      Certo
que nos xenes lle viña de serie a habilidade para este xogo, xa que,
Geni e Daniel Rguez son seus pais. Así e todo, quen ía supoñer que
aquel golpe nos fociños ía ter efectos tan beneficiosos. Os seus
logros deportivos van estar moito tempo como marcas de referencia da
LNB. Tres veces logrou o Título LNB Individual e tres veces o de
Equipos. Unha vez foi Campión LNB de Varados. Ten Títulos de
Conferencia en Individual, en Equipos e en Varados. En definitiva,
ten a tripe coroa LNB e de Conferencia. Entón, que retos lle quedan?
Seguir gozando con xogar á billarda é o seu obxectivo de presente e
de futuro.
      De
todas as maneiras, como home de música, sabe que cada novo concerto
é unha empresa fascinante polo que ten de incerta, ao tempo que
atractivo cada novo escenario. Daquela, cada vez que ten que golpear
a billarda sente esa sensación marabillosa de tensión e alegría
que precede ao éxito dunha perfecta percusión sobre a madeira ou ao
fracaso dun impacto contra o aire.
     Mantense
fiel ao equipo que o formou, Billardeiros Musicais, e quere rematar a
súa carreira deportiva en BMU. Aínda así, a outra franquicia
histórica da Conferencia Norleste, Remourelle Bulls, non oculta a
oferta millonaria que está preparando para intentar a súa fichaxe.
Muriego sacou a poxa varias das súas obras pictóricas e ampliou
horario de misas e rezos, Lucía está facendo horas extras,
Villarino e Flores xa empeñaron as pezas de ouro da súa dentadura e
Milio, Jorge e Xermán, deixaron o consumo de bebidas efervescentes
durante un mes, e todo isto coa saudable intención de conseguir os
3.000 euros mensuais cos que pensan derrotar a vontade férrea e
inquebrantable de Markytos. Veremos que sucede!
Estas
son as substanciosas opinións de Markytos sobre a LNB e o mundo da
billarda. 
Nome
e apelidos:
Marcos Rodríguez
Rodríguez
Lugar
e data de nacemento:
Ribadeo.
1980-08-31
Lugar
de residencia:
San Xillao.
Ribadeo
Ano
de debut:
2007
Equipo
actual:
Billardeiros Musicais
-Cando
e como foi o teu primeiro contacto co xogo da billarda e coa LNB?
O
primeiro contacto (e nunca mellor dito), foi cando era pequecho, con
10-11 anos, meu pai levoume a Sta. Cruz e colleu uns paus para
ensinarme como se xogaba a isto da billarda. Púxenme detrás del e,
claro…, aí tiven o meu primeiro contacto… Foi coa cara,
concretamente. Non se me esquecerá na vida. Coñecín a LNB nun
Campamento Musical que fixemos en Ribadeo no 2007. Viñeron dar un
taller de Billarda e en seguida me gustou. Fixemos equipo para xogar
na LNB. Os grandes daquela época eran David Díaz, Xermán, Ismael
Cabana (o Zidane da billarda), Calvete, Carmiña, Villarino…
-Que
accións propoñerías para que máis nenas e nenos practicasen
billarda?
Eu
penso que temos que empezar por conquistar os pais e nais d@s
rapac@s, pois, por moito que aos cativos
lles guste a billarda, se despois os pais non os levan xogar é
imposible que vaian ás xornadas de liga. En Ribadeo, concretamente,
temos moitas actividades deportivas e a billarda podería ser unha
máis, por que non? Pero, primeiro, teriamos que ter xente disposta a
dedicar o seu tempo para ensinarlles a xogar mediante talleres nos
coles, e segundo, teriamos que organizar unha liga anual, durante o
curso, para ter aos cativos motivados. Esta sería unha primeira
idea, ao meu parecer.
-Cales
son as túas principais virtudes como xogador de billarda?
Non
sei se lle podo chamar virtude, pero creo que levo bastante ben a
presión no xogo contra outros xogadores.
-Que
aspectos técnicos, físicos ou psicolóxicos che gustaría mellorar?
Gustaríame
mellorar en todo, xa que sempre se pode mellorar. Este ano, a pesar
de ganar esta última xornada, estou pasando unha mala racha. Creo
que a peor racha en canto a porcentaxe de acertos no golpeo da
billarda, desde que empecei a xogar. Así que, máis ca nunca debo
mellorar no meu xogo e superar a presión que me meto eu mesmo en
cada partida.
-Ordena
estas superficies de xogo segundo a túa preferencia, TERRA, HERBA,
AREA, ASFALTO, CEMENTO, PAVILLÓN.
Preferencia
non teño ningunha. O que menos me gusta é o pavillón, pois
paréceme que desmerece moito este xogo. Perde en canto a
espectacularidade, tanto no propio xogo como na forma de golpear de
todos os xogadores. Pero, en definitiva, o terreo é igual para
todos. Algúns saímos favorecidos nuns terreos e outros saen
noutros.
-Que
manías ou rutinas tes cando vas xogar un Aberto da LNB?
Bufff!
Manías moitas. Son unha persoa que me gusta a rutina en canto a
facer do mesmo xeito a preparación dun golpe. A metade das veces non
me dou nin conta da metade dos “ticks” que teño. Moitas veces
mos din despois na casa. Recordo cando empecei a xogar a isto que
antes de facer o primeiro lance, dáballe unha volta ao brazo,
chamábanlle o helicóptero, Rubén Otero e compañia, a modo de
coña, jajaja… A día de hoxe, coloco a billarda, acércome a ela,
dou dous pasos atrás e realizo o golpe. E podería seguir
contándoche manías ata mañá, jajaja….
-Como
inflúe a túa formación en instrumentos de percusión no teu xeito
de golpear a billarda?
Pois,
non o sei, pero o agarre que teño no palán é como o da baqueta,
salvando a diferenza das dimensións, claro está.
-Cales
son as fortalezas e debilidades de teu equipo Billardeiros Musicais?
As
fortalezas son que funcionamos coma un equipo en canto a
organización. Dámonos consellos uns aos outros despois de cada
golpe, intentando remediar os posibles erros. As debilidades, pois
que estamos moi xustos de persoal. Necesitamos fichar de cara a poder
seguir arriba nas clasificacións (xa tiramos un par de cañas de
cara á temporada que vén, a ver que pasa!). Non creo que a media de
idade sexa o problema, como xa lin noutras entrevistas de diferentes
compañeiros, creo que o problema principal é que somos 6 no equipo
e non podemos fallar ningún. Somos o equipo a vencer na Conferencia
Norleste e iso fixo que o resto dos equipos formaran uns cadros de
xogadores máis numerosos para, deste xeito, ter máis marxe de erro
e, tamén, máis posibilidades de puntuar.
-Cales
son os teus obxectivos para esta temporada, tanto individuais como
colectivos?
Individualmente
quero clasificarme para as finais de Santiago, tanto na Categoría
Absoluta como en Varados. Respecto ao colectivo, quero axudar ao meu
equipo Billardeiros Musicais a estar o máis alto que poidamos.
-Que
hai de certo en que a clave dos teu éxitos deportivos está na túa
agudeza auditiva? Seica escoitas frecuencias por debaixo dos 0 dB, o
que che permite oír o latexo acelerado e nervioso dos teus rivais
cando saben que se teñen que medir contigo.
Nada,
todo mentira. Ten en conta que son percusionista, agudeza auditiva?
Non entendemos diso, jajaja… Eu recordo que cando empecei a xogar a
isto, cando tiña que xogar contra David ou Victor de Vilamar, contra
Zidane ou Xermán, que era xente que xa pilotaba isto, mentres nós
estabamos empezando, poñíame super nervioso. Supoño que á xente,
a día de hoxe, pasaralle o mesmo que me pasaba a min. Pero, ao
final, todos somos iguais e non hai que esquecer que isto é A
Billarda.
-Toda
a xente da billarda sabe que un bo ou mal día teno calquera, pero
ter tres días bos e que estes tres días coincidan coas finais LNB
só o conseguiches ti. Para ti, cales foron as claves do triunfo
naqueles momentos gloriosos?
Lembro
o primeiro ano que fun, estaba super nervioso, pero quería facer un
bo papel. Fun pasando roldas ata encontrarme na final, e tiven o día.
Tes que ter unha porcentaxe moi alta de acerto no golpeo e ademais
ter a sorte do campión. Sempre se necesita unha carreira con sorte e
recoñezo que as tres veces que ganei tiven unha carreira desas. A
clave para o triunfo, penso que é o que comentaba anteriormente,
canta máis presión vou tendo mellor xogo. Estou máis concentrado
canto máis me esixe o xogo. Polo menos, esta é a sensación que
teño.
-Que
tería que suceder para que por fin aceptases a oferta dos Remourelle
Bulls?
Os
Remourelle Bulls, aínda que están pasando por momentos difíciles,
para min é un dos equipos aos que máis cariño lle teño. Sempre
foi o noso eterno rival. Desde o principio, eramos como o Real Madrid
e o Barcelona, pero sempre desde o punto de vista deportivo. Son un
equipo mítico da Conferencia Norleste e espero que algún día
volvamos a velos aí arriba, no sitio do cal nunca deberon baixar.
Unha apertaza para todos eles. O meu equipo sempre foi Billardeiros
Musicais e espero seguir nel mentres siga xogando á billarda.
-Gustaríanos
saber o teu parecer sobre os outros equipos da Conferencia.
Carabullo,
está preparado para ser campión de Conferencia e campión LNB?
Carabullo
ten un equipazo!!!! Para min o mellor equipo que ten agora mesmo a
nosa Conferencia. Sen ningunha dúbida teñen que gañar algún ano a
Conferencia Norleste (espero que non sexa este, jajaja) e, por
suposto, o Nacional. Os BMU intentaremos poñérllelo difícil. Unha
apertaza para eles, tamén.
Troitas
Bravas, poderán esta temporada acadar a praza de finalista LNB?
Pois,
podería ser, por que non? Creo que os Troitas teñen unha cousa ao
seu favor, que se volve en algo en contra, tamén, e é o número de
participantes no equipo. Son moitos e hai xogadores de moito nivel
que non acaban de despegar por esta razón. Que ninguén se me
enfade, por favor. É simplemente unha opinión persoal. Apertas
mil!!!
Chaínzos-Cadaval,
perderon efectividade esta temporada ou son os quilos de máis que
collen as súas vacas sagradas para poder pasar o inverno sen notar o
frío da chaira?
Jajaja!
Pois, outro equipo forte que non acaba de despegar. A razón non a
sei, pero, para min teñen un equipo que debería dar moitas alegrías
aos seus. Teñen a Cortón, iso xa é un plus. Pepe Outeiro, que o
mesmo che xoga coa dereita que coa esquerda, en fin… Pepe Vidal,
xogadorazo… e así todos. Apertas compañeiros!
Remourelle
Bulls, o equipo que máis e mellor fichou esta temporada, porque non
acaba de funcionar?
Non
o sei de verdade, pero gustaríame, como xa dixen antes, que volvesen
a estar aí arriba. Unha aperta para todos!!
Billarda
Verde, o único equipo da Conferencia con Campo de Billarda, que lle
falta para que sexa un equipo con opcións de finalista LNB?
O
problema é que esta Conferencia Norleste ten equipos moi fortes,
entón, non depende só de que teñas un bo equipo, xa que, os demais
tamén o teñen. Apertas, compañeiros!
Polka
Miseria, que debe facer para ampliar o seu cadro de xogadores e
xogadoras?
Negociar
con Troitas, jejeje. Non sei, pero depende dos obxectivos que teñas
para o ano. Tampouco precisas un montón de xogadores. O caso é
pasalo ben. Apertas amigos!
-Finalmente,
aí vai a pregunta incómoda: todo heroe ten un antagonista que o pon
en dificultades e neutraliza os seus súper poderes. A Superman a
Kriptonita inmobilizábao. A que palanador ou palanadora non queres
ver diante e por que?
Home,
a min gústame xogar con todos. No seu momento dábame medo Lola
Eiras, a “mataxigantes”, pero hai tempo que non nos encontramos.
A quen lle gusta estar no grupo de Charly, Santi, Daniel, Manolo,
Geni, Paula, Lorena, Navallo, Sachas, Isma, Regueiro, Pepe Outeiro,
Pepe Vidal…? E así un montón máis. Xogadores incómodos polo seu
xogo non che gusta encontralos, pero, se queres ser o mellor hai que
roelos e gañar a todos. A Conferencia Norleste é unha das máis
duras polo nivel dos seus xogadores, e uns fan medrar aos outros.
Espero que sigamos medrando, pero, sobre todo, que sigamos gozando de
cada momento, uns cos outros.
Unha
forte aperta a todos os que xogades á billarda e vémonos pronto nas
pistas !
 


Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome