2019-2020 SISTEMA DE COMPETICIÓN

0
309

Regulamento

1. O deporte da billarda ten por obxectivo chegar a superar a liña do varal coa billarda. Para isto os/as palanadores/as sitúanse na zona de saída, colocan a billarda no chan por detrás desta liña e golpean a billarda na punta para que dea un chimpo. Despois, cando esta está no aire hai que desprazala con outro golpe. A orde de golpeo é consecutiva.

2. En cada quenda, o/a xogador/a só ten unha opción válida de golpe, é dicir, sempre que toque a billarda co palán, aínda que aquela non brinque, considérase opción de tiro e a quenda pasa ao seguinte palanador ou palanadora. Unha vez a billarda está no aire pódeselle golpear tantas veces como a habilidade de seu o permita. Unha vez que a billarda xa toca o chan non pode ser golpeada para desprazala. Se isto ocorre deberá volver ao lugar anterior.

3. A orde de xogo queda establecida no sorteo inicial e non se pode alterar. Se o/a participante é nomeado/a, alomenos tres veces, para que xogue na súa quenda e non está presente perderá a opción de dar ese golpe. Se se reincorpora ao xogo farao dando o golpe que lle corresponda segundo a orde establecida previamente.

4. Se alguén golpea a billarda cando non foi nomeado polo xuíz ou desde un lugar incorrecto deberá repetir o golpe na súa quenda e desde o lugar que o xuíz determine.

5. Se unha billarda en xogo impacta nunha persoa ou en calquera obxecto que estea dentro do terreo de xogo considerase golpe válido e deberá quedar no lugar onde se deteña. Se ao golpear ao obxecto ou persoa sae fóra do terreo de xogo sen tocar o campo previamente considerarase fóra, entón volverase a dar o seguinte golpe desde o lugar do golpe precedente.

6. Se alguén golpea intencionadamente unha billarda en movemento dun contrario este deberá repetir o golpe desde a mesma posición.

7. Unha vez dado o golpe de desprazamento hai que esperar a que a billarda se deteña por si mesma. Se despois é movida por calquera circunstancia natural ou humana deberá volver ao lugar onde se detivera.

8. Se unha billarda que está parada na pista é golpeada por outra en movemento deberá volver ao lugar no cal estaba inmóbil.

9. As liñas que delimitan o terreo de xogo forman parte do mesmo. Polo tanto, o corpo da billarda debe pasar totalmente aquelas para considerala fóra do campo ou dentro do varal. Aínda que despois volva a dentro do terreo considerarase que xa pasou as liñas. A billarda deberá tocar o chan cando pase a liña do varal para considerarse que entrou. O mesmo sucederá para considerala fóra do terreo de xogo.

10. Cando a billarda se pare nun lugar do campo onde non sexa posible xogala o xuíz determinará o lugar máis próximo desde o cal é posible xogar a billarda no seguinte golpe.

11. Se alguén utiliza material non regulamentario será penalizado coa perda dos puntos conseguidos na carreira ou carreiras nas que xogara con ese material. O xuíz de campo velará para que se cumpran as medidas, para o cal actuará de oficio ou a petición de calquera xogador para comprobar as medidas regulamentarias do material.

12. É obrigatorio a utilización da cinta de seguridade no palán. Se alguén non utiliza a cinta de seguridade será penalizado coa perda dos puntos conseguidos na carreira ou carreiras nas que xogara sen utilizala. O xuíz de campo velará para que se utilice a cinta de seguridade.

13. O equipo deberá estar adscrito unicamente a unha Conferencia LNB. Daquela, na primeira xornada na que participe deberá indicar tal circunstancia. Todos/as os/as xogadores/as dese equipo estarán inscritos nesa conferencia elixida. Isto dará dereito a optar ás prazas para participar no FINALNB por esa conferencia.

14. Non se poderá cambiar de equipo durante a temporada. Se alguén deixa un equipo por calquera motivo, poderá seguir xogando, mais farao sen pertencer a ningún equipo novo.

15. Cando un/ha xogador/a consegue introducir a billarda no varal dun só golpe, consegue un varado.

16. Calquera xogada dubidosa ou reclamación será resolta pol@ xuíz/a de campo ou principal e @ xuíz/a de varal.

 

MATERIAL e MEDIDAS

 

PALÁN

Pau que se agarra coa man e co cal se golpea a billarda.

Será de madeira e cunha lonxitude comprendida entre 60 cm e 55 cm. O seu diámetro entre 3 cm e 1,5 cm.

 

BILLARDA

Pau que se coloca no chan e que é golpeado co palán.

Será de madeira e cunha lonxitude entre 25 cm e 18 cm. O seu diámetro entre 3 cm e 1,5 cm.

 

VARAL

Lugar ao que hai que chegar coa billarda.

Dúas varas verticais ou dous postes. Distancia entre as varas: 3,60m.

 

CAMPO DE XOGO

Espazo onde se xoga.

Una superficie de terra, area, herba, asfalto, cemento, goma ou madeira. Terá unha lonxitude de 50m. A súa anchura será de 20m. (Sempre que o lugar de xogo o permita).

 

ZONA DE SAQUE

Lugar desde onde se inicia o xogo.

Desde calquera punto por detrás da liña oposta á liña do Varal.

 

SISTEMA DE COMPETICIÓN

 

SORTEO

O sorteo dos 6 grupos realizarase 30 minutos antes do comezo da xornada. Toda persoa que se anote unha vez comezado o sorteo irá ao grupo que lle corresponda segundo estes criterios:
1º-Ao lugar de quen se anotou para o sorteo e confirma que non vai xogar.
2º-Ao grupo que teña menos xogador@s, por orde alfabética.

1ª FASE: GRUPOS

5 carreiras. Pasan as 4 maiores puntuacións de cada grupo para a fase de cruces eliminatorios.

2ª FASE: CRUCES ELIMINATORIOS

1 carreira en cada cruce ata decidir 1º-2º-3º postos.

4 golpes cada carreira. Para resolver calquera empate darase un golpe. A orde de saída para este golpe será inverso ao da última carreira.

 

SISTEMA DE PUNTUACIÓN

 

FASE DE GRUPOS

-5 ptos, 4ptos, 3ptos, 2ptos e 1 pto por orde de entrada no varal.
-Unha vez que entren 5 ou mais xogador@s antes de dar os catro golpes rematará a carreira.
-Quen non entre non puntúa, ou sexa, non haberá ptos por proximidade.

FASE DE CRUCES ELIMINATORIOS

1 pto quen quede eliminad@ no primeiro cruce.
2 ptos quen quede eliminad@ no segundo cruce.
3 ptos o 4º posto.
4 ptos o 3º posto.
5 ptos o 2º posto.
6 ptos o 1º posto.

Todos os participantes sumarán un punto por participación.

Empates a puntos

Os criterios de desempate nas clasificacións serán:
1º-Maior número de vitorias en xornadas.
2º-Maior número de ptos en xornadas.

Na clasificación de varados:
1º-Maior número de varados nunha xornada.
2º-Desempate na última xornada.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome