SISTEMA DE COMPETICIÓN E PUNTUACIÓN 2019-2020

SISTEMA DE COMPETICIÓN 

A Liga Nacional de Billarda na Conferencia NorOeste na tempada comprende 18 xornadas que se disputan entre os meses de Setembro e Maio en horario de 11 da mañá. Ademais da liga regular pódense disputar distintos abertos que non serán puntuables e que se xogarán polo sistema da liga.

O sistema de competición da liga para cada xornada está conformado por dúas fases:

– Fase de grupos

– Fase de cadros ou eliminatorias

Os equipos non contarán cun mínimo nin cun máximo de palanadores e palanadoras. O recomendable de cara á posíbel participación na FinaLNB é que sexan alomenos 6 participantes. Non é necesario que participen todos os xogadores ou xogadoras en cada aberto da liga regular. Tamén pódese participar nun aberto sen ter equipo.

FASE DE GRUPOS

Segundo o número de participantes conformaranse 2 ou 4 grupos.

– Ata 11 participantes: 2 grupos

– De 12 e máis participantes: 4 grupos.

De ser posíbel disputarase en dúas pistas de xeito que os grupos 1 e 2 farano na pista 1 e os grupos 3 e 4 farano na pista 2.

Para a liga regular o sorteo farase por un sistema de listaxe de números aleatorios asignando cada participante a un grupo diferente dos existentes pola seguinte orde: grupo 1, grupo 3, grupo 2 e grupo 4. Tentarase conformar os grupos con igual número de participantes.


Os xogadores e xogadoras de cada grupo enfróntanse todos xuntos entre si de xeito consecutivo segundo a orde que o sorteo deparou para o grupo. Disputaranse 5 carreiras e a orde de saída invertirase en cada carreira de xeito que o xogador ou xogadora que saia primeiro, na seguinte carreira golpeará en último lugar. O número máximo de golpes de desprazamento (ou quendas) por carreira é de 4 golpes.

Unha vez rematadas as 5 carreiras pasan á seguinte fase os 3 xogadores ou xogadoras de cada grupo que obteñan máis puntuación.


Os desempates que afecten á orde dos xogadores ou xogadoras xa clasificadas desfaranse a “billarda longa” cun só golpe de desprazamento desde a zona de saque, saíndo primeiro quen o fixese de último na anterior carreira, e gañará quen consiga achegar a billarda mais perto da liña de varal ou faga varado. Se sae fóra pola liña de fondo ou se sae polas liñas laterais ou de banda directamente fóra sen tocar previamente no terreo de xogo será punto perdido. Os desempates que afecten á posibilidade de estar nos postos que dan acceso á seguinte fase será a carreira completa entre quenes empatasen, saíndo primeiro quen o fixese de último na anterior carreira, e de continuar o empate despois desfarase a “billarda longa” cun só golpe de desprazamento saíndo primeiro quen o fixese de último na anterior carreira.

FASE DE CADROS OU ELIMINATORIAS

Segundo a clasificación obtida en cada grupo cada xogador ou xogadora enfrontarase a quen corresponda doutro grupo tal e como se indica nas actas, enfrontándose sempre o primeiro dun grupo co terceiro doutro grupo e os segundos entre si.

Disputarán 2 carreiras e o xogador ou xogadora que golpee primeiro, na seguinte carreira sairá en segundo lugar. Gaña a carreira quen primeiro supere a liña do varal coa billarda pero sempre no mesmo número de golpes que o outro xogador ou xogadora. Se superan a liña do varal coa billarda no mesmo número de golpes prodúcese un empate. Se despois de 4 golpes ninguén chegase á liña de varal darase por perdida a carreira para ambos os dous xogadores ou xogadoras. O número máximo de golpes de desprazamento (ou quendas) por carreira é de 4 golpes.

Pasa á seguinte eliminatoria quen teña maior puntuación na suma das 2 carreiras. O desempate farase a unha terceira carreira completa saíndo primeiro quen o fixese de último na anterior carreira, e de continuar o empate despois desfarase a “billarda longa” cun só golpe de desprazamento saíndo primeiro quen o fixese de último na anterior carreira.

FINAL A TRES

 
A última eliminatoria será unha final a tres xogadores ou xogadoras. Disputarán 3 carreiras alternándose para comezar cada carreira. Gaña a carreira quen primeiro supere a liña do varal coa billarda pero sempre no mesmo número de golpes que os outros xogadores ou xogadoras. Se tres superan a liña do varal coa billarda no mesmo número de golpes prodúcese un empate e levan a mesma puntuación. Se dous superan a liña do varal no mesmo golpe prodúcese un empate entre eles e quen non o fixese queda sen puntuar. Se só un xogador ou xogadora supera a liña do varal coa billarda e aínda quedan golpes de desprazamento os outros dous xogadores ou xogadoras diputarán o seguinte golpe e puntuarán sempre que superen a liña do varal coa billarda nese último golpe. Se despois de 4 golpes ninguén chegase á liña do varal darase por perdida a carreira para os tres xogadores ou xogadoras. O número máximo de golpes de desprazamento (ou quendas) por carreira é de 4 golpes. Gaña o aberto quen teña maior puntuación na suma das 3 carreiras. O desempate farase a unha cuarta carreira completa saíndo primeiro quen o fixese antes na primeira carreira, e de continuar o empate despois desfarase a “billarda longa” cun só golpe de desprazamento saíndo primeiro quen o fixese de segundo na anterior carreira.

SISTEMA DE PUNTUACIÓN

FASE DE GRUPOS

Establécese unha puntuación en función do número de golpes necesarios para superar coa billarda a liña do varal, deste xeito todos os xogadores ou xogadoras que o fagan no mesmo golpe (ou quenda) levarán a mesma puntuación:
– 1 golpe (varado): 6 puntos.

– 2 golpes: 5 puntos.

– 3 golpes: 4 puntos.

– 4 golpes: 3 puntos.

– Resto: 1 punto.

A puntuación final de cada participante na fase de grupos logo das carreiras disputadas é a suma dos puntos acadados por cada xogador ou xogadora en cada carreira

FASE DE CADROS OU ELIMINATORIAS.

Cada xogador o xogadora sumará para sí os puntos que consiga nas carreiras disputadas obtendo 1 punto por carreira gañada ou empatada e 0 puntos por carreira perdida.

Se despois de 4 golpes ninguén chegase á liña de varal darase por perdida a carreira para ambos os dous xogadores ou xogadoras.

FINAL A TRES.

Cada xogador ou xogadora sumará para sí os puntos que consiga nas 3 carreiras disputadas obtendo:
– 2 puntos por carreira gañada: se son dous no mesmo golpe levaran tamén a mesma puntuación.
– 1 punto se o fai no seguinte golpe: só se quedan dous xogadores ou xogadoras para desputalo.
– 0 puntos por carreira perdida: sempre que os outros xogadores ou xogadoras xa puntuasen nos anteriores golpes ou se quedan dous para desputar 1 punto ningún entre nese golpe. Se despois de 4 golpes ninguén chegase á liña de varal darase por perdida a carreira para os tres xogadores ou xogadoras.

CLASIFICACIÓN CATEGORÍA INDIVIDUAL ABSOLUTA.

Sumaranse os puntos que obteña cada participante en cada xornada.
En cada xornada os puntos que obteña cada xogador ou xogadora será a suma dos puntos obtidos na fase de grupos. Quen pase á fase de eliminatorias ademáis sumaránselles os seguintes puntos:
Por pasar á fase de eliminatorias: +1 punto.

Por cada eliminatoria gañada: +1 punto.

Gañador do aberto: +2 puntos.

2º clasificado do aberto: +1 punto. 

CLASIFICACIÓN CATEGORÍA EQUIPOS.

Sumaranse as 4 mellores puntuacións individuais do equipo en cada xornada.

CLASIFICACIÓN CATEGORÍA VARADOS.

Sumaranse os varados que obteña cada xogador ou xogadora en cada xornada.

CRITERIOS DE DESEMPATE NAS CLASIFICACIÓNS XERAIS.

Nas clasificacións xerais os desempates faranse na última xornada. Os xogadores e xogadoras que non asistan á última xornada perden o seu dereito a desempatar e quedarían na clasificación situadas por detrás do xogador ou xogadora que sí asistiu a esa última xornada.

– Clasificación individual absoluta: os desempates serán polo sistema de competición da fase de grupos pero disputándose tantas carreiras coma xogadores ou xogadoras teñan que desempatar e alternándose para comezar cada carreira. No caso de producirse aínda algún empate disputarase unha careira e de continuar o mesmo desempatarase a billarda longa comezando polo último xogador ou xogadora do grupo.

– Clasificación equipos: os desempates serán polo sistema de competición da fase de grupos polo que cada equipo escollerá 4 xogadores ou xogadoras que disputarán 4 carreiras pero alternándose para comezar cada carreira. Sumaranse os puntos para o equipo acadados por cada xogador ou xogadora en cada carreiraNo caso de continuar aínda o empate desfarase o mesmo a billarda longa comezando polo último xogador ou xogadora do grupo.

– Clasificación varados: o desempate farase con 5 golpes desde a zona de saque. De facer varado máis de un xogador ou xogadora e continuar o empate atenderase á proximidade doutra billarda á liña de varal noutros golpes. Se ninguén fixese varado será por proximidade da billarda á liña do varal nalgún dos 5 golpes.

– Durante a tempada de liga: para a elaboración das clasificacións provisionais en cada xornada empregarase o criterio de quen obtivese maior número de puntos nunha xornada e quen fixese un maior número de varados nunha xornada.