RESUME FINAL DE ANO 2017

0
170
IMPACTO NA SOCIEDADE E NA CULTURA GALEGA

CONFERENCIA NORLESTE
CONFERENCIA NOROESTE
CONFERENCIA RÍAS BAIXAS

       Convén contemplar as obras realizadas para valorar o impacto destas sobre a humanidade, na maior parte das veces. Cerrado o ano competitivo coa celebración da xornada da Conferencia Rías Baixas, temos os números de participación. Estes indican que 270 persoas practicaron billarda ao xeito LNB. 139 fixérono na Provincia de Pontevedra, 83 na de Lugo e 48 na da Coruña. A participación media nunha xornada LNB nas Rías Baixas está en 79 persoas, en 50 na Conferencia Norleste e en 32 na Noroeste. Desde a temporada 2005-2006, a LNB leva organizado 496 xornadas de liga, 131 na Conferencia Norleste, 116 na Noroeste, 101 nas Rías Baixas (Conferencias activas a día de hoxe), 64 na Sur, 43 na Centro, 34 na Andaluza e 7 na Bezouqueira (Conferencias non activas a día de hoxe). En xaneiro de 2018 chegarase ás cincocentas xornadas. 
       Cadaquén interpretará estes datos de xeito persoal e centrará as súas reflexións nunha ou noutra cifra de interese, mais o que todos e todas sentirán é que esta aventura marabillosa chamada LNB está deixando pegada na sociedade galega. A decembro de 2017 son os seguintes medios de comunicación impresos e dixitais os que informan sobre a LNB: El Ideal Gallego, El Progreso, La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra, DxT Campeón e La Comarca del Eo, así como os medios radiofónicos Cadena SER (A Mariña) e a Radio Galega (programa Galicia en Goles). 
Resume deportivo no ecuador da 2017-2018

       Cada Conferencia rematou a primeira metade do camiño que as conducirá ata as Finais 2018 de Compostela. As grandes figuras da Billarda ocupan os postos de honor e a ninguén lle resulta sorprendente o seu nivel competitivo. Así, os líderes actuais, Charli, Norleste, Collazo, Noroeste e Xan Rodiño, Rías Baixas, son 3 dos mellores da LNB e acarrexan no seu currículo títulos e marcas que xa forman parte do Alboio da Fama. Charli ten 3 títulos de Conferencia, 2 en Individual e 1 en Varados, ademais de subir ao terceiro chanzo do podio Nacional a temporada pasada. Collazo ten 5 títulos de Conferencia, 3 en Individual e 2 en Varados e subiu ao podio Nacional no 2016 en Individual (2º posto) e en Varados (3º posto). Xan Rodiño ten 2 Títulos Nacionais, 1 en Individual e 1 en Varados, e 14 títulos de Conferencia, 9 en Individual e 3 en Varados. En definitiva, os primeiros postos seguen ocupados por xogadores e xogadoras que sempre están entre os favoritos para vestir a Coroza Nacional. 
       Ben, pois ademais desta elite deportiva debemos salientar a progresión que están tendo aqueles outros palanadores e palanadoras que queren chegar algún día a ocupar esas posicións de privilexio, e por que non, vestir a Coroza. Como xa sabiamos, na Conferencia Norleste é David Navallo, de Troitas Bravas, o xogador que máis progresou desde o ano pasado, na Conferencia Noroeste é Lito, de Malpica. Agora temos a información sobre a Conferencia Rías Baixas. Xosé Rial é o xogador que máis mellorou, e non só da súa Conferencia, senón de toda a LNB. Mellorou 126 postos, Impresionante! 

       
       Xosé Rial forma parte de Armadiña (Poio), equipo que se integrou na LNB o curso pasado e nun ano convertiuse no equipo máis numeroso de Galicia. Afianzados os alicerces con 29 xogadores/as, agora pretenden ocupar tamén os postos relevantes das clasificacións. Comezaron por Oscar, quen na categoría infantil, en poucas xornadas do ano pasado xa alcanzou o nivel de podio Infantil. Nesta temporada pretenden conquistar prazas de Finalista Individual Absoluta e Individual Feminina. Polo momento, estano conseguindo con 4 dos seus integrantes, Elena (en categoría feminina), Cho, Manu e Rial. Este último, ten o honor de ser o xogador LNB de maior progresión.  

      Faltan 87 varados para chegar aos tres mil. Se o inverno obriga a usar pavillóns de seguro que para febreiro ou marzo chegarase a esta cifra. Cada vez máis persoas xogan á billarda e cada vez están máis preparadas para superar a liña do varal cun só golpe de palán. Quen será e en que Conferencia se conseguirá? Os mil foron conseguidos por Xan Rodiño na Conferencia Centro e os dous mil por Che na Conferencia Rías Baixas.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome