Resultados da 3ª xornada da Conferencia Noroeste

0
260

O temporal que chegou a Galicia trouxo auga, vento e … figos. Si, eran as nove da mañá e Ladito foi apañar unha cesta de figos para ofrecer a todos os participantes na xornada terceira da LNB Noroeste celebrada en Caión. Os figos tiveron diferentes efectos nos comensais. Así como lle sentaron ben a Campo da Feira, Lúa de Forza e Marpica-Cochiqueiros, non podemos dicir o mesmo de APB e Filloas de Sangue.

Destacar a participación de 43 persoas, entre as que estiveron dúas novas palanadoras, Mercedes e Silvia, da factoría de Campo da Feira. Xogaron 10 mulleres e 7 infantís, algo que xa está sendo habitual e que nos alegra moito. No aspecto competitivo, Collazo non tivo compaixón e na final a tres carreiras fixo un varado en cada unha delas para deixar o honor do Noroeste no máis alto ante a mirada sorprendida e o rostro desencaixado de Piru e Xan Rodiño, palanadores do Sur do país. Despois de ganar, Collazo confirmounos que vai contratar os servizos dunha dietista para o equipo de Paiosaco, xa que, nin a empanada de nécoras, nin os bocadillos de figo, son do seu gusto e non quere que o equipo se relaxe ante a seria, moi seria, ameaza verde que procede das Rías Baixas.

Xornada de pavillón e, polo tanto, con elevadas puntuacións. Campo da Feira defendeu moi ben a xornada e con 100 ptos ganou, por diante de Lúa de Forza e de MAC. Ademais, agranda a súa xeira de xornadas seguidas no liderado. Na categoría feminina Lu quedou por diante de María Caride e de Merche. En infantil, Migui estivo inmenso, facendo 2 varados e conseguindo 27 ptos, a cuarta maior puntuación da xornada. Segundo foi Marc, tamén por enriba dos 20 ptos e terceiro foi Abel Ponte.

Víronse xogadas espectaculares como a que protagonizou Freire, máis coñecido polo Freiraster da Billarda, o palanador cos pés máis veloces e coa cadeira máis rítmica da LNB. Non tardará en aparecer o vídeo extraordinario da xogada da xornada que protagonizou o bailapalanador de APB. De momento teredes que contentarvos cunha imaxe de tan atrevida, inesperada e curiosa forma de golpear. Nas fotos de abaixo veredes tal circunstancia. Non queremos esquecer que tamén se produciu un xesto indecoroso e a todas luces incorrecto por parte de Edu, quen despois de recibir uns comentarios nada ofensivos dun rival antes de golpear a billarda… Non se poden perder as formas desa maneira. Temos as imaxes do suceso e serán publicadas proximamente, pois nin as presións de EGASA con toda a súa influencia mediática vannos impedir ser fieis á realidade.

julio vilas caion noroeste 2019

caion noroeste 2019 FREIRE apb santa marta caion noreste 2019 mariña caion 2019 noroeste caion noroeste 2019

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome