PREVIA XORNADAS FIN DE SEMANA Noroeste e Norleste

0
165
      
      Este vindeiro domingo, 16 de decembro, celebraranse as últimas xornadas do ano na Conferencia Noroeste, pola mañá, e na Conferencia Norleste, pola tarde.  O Campo da Festa de Castelo (Culleredo) e o Campo de Fútbol da Faxarda son os escenarios elixidos para xogar. A situación das borrascas sobre o Cantábrico mantén aos equipos adestrando en superficie cuberta para estar afeitos a estas superficies máis rápidas, por se ao final a choiva fai acto de presenza. 

NOROESTE
      Estase chegando ao ecuador da competición e as clasificacións non dan tregua. No Noroeste a Categoría de Equipos está dominada por Campo da Feira e a máxima emoción está en ver se a unión temporal de equipos chamada MAC é quen de manterse cerca do segundo posto, que tamén daría dereito a ser finalista LNB 2019. De momento, APB ocupa a segunda praza con 17 ptos de vantaxe sobre MAC. Filloas cerra a clasificación con humildade e confiando en que a descendencia de Tere medre con rapidez. 
       A Categoría Feminina ten unha clara dominadora en Merche, que este ano está loitando tamén por entrar nos finalistas da Individual Absoluta. 
      Na Categoría Individual Absoluta o campión 2018-2019 terá que saír de Campo da Feira, xa que, as catro primeiras posicións están ocupadas por xogadores de Paiosaco. Ademais, este ano FEI está consolidando un equipo temible, construído co ambicioso obxectivo de traer o Campionato Nacional. 
    A Categoría Infantil decidirase entre xogadores do equipo filial Campiño da Feira. Ademais, Abel, Miguel e Marc son claros candidatos ao Título Nacional da categoría, sempre contando coa resistencia doutros talentos da LNB como Manu Caldeiro (Norleste) e Óscar Caldas (Rías Baixas).

NORLESTE
        Na Categoría Absoluta, a revolución iniciada co triunfo de Albino en Castroverde e continuada co liderado de Chousa na Pontenova, mantén no podio a eses dous carabullos xunto con Sachas, outro elemento sorpresivo. Por detrás están os sólidos e sempre eficaces Billardeiros Musicais, Manu Pozo, Daniel e Coedo. Regueiro ocupa a sétima praza a 17 ptos do líder. Podemos dicir que de entre estes 7 magníficos sairá o campión de Conferencia, pois vai ser moi difícil que alguén poida recuperar tantos ptos que xa separan ao resto do título. Outra loita fabulosa vai estar na zona de prazas de finalista LNB. Sobre todo, tendo en conta quen está fóra destes postos a día de hoxe: Jorge, Milio, Iván Alonso, David Navallo, Pepe Vidal, Markytos, Manu, Franco, Oscar Trade, Rafa…  
        Na Categoría de Equipos, Carabullo domina con autoridade, aínda que non se debe fíar de BMU. O equipo ribadense mantén firmes os paláns e non desespera ante a irrupción da xuventude noutros equipos, “xa fallarán”, é o que din os integrantes do equipo número 1 da historia da LNB. Troitas está moi preto dos dous primeiros, e coa incorporación do americano Brandon queren dar ese salto de calidade que lle faltou outros anos. Chaínzos-Cadaval fíao todo ao seu xogador franquicia Cortón. “Cando el fai ben a dixestión o equipo nótao, para mellor”, afirma Kiko. “Entón, debemos darlle o alimento 5 horas antes do Aberto, se queremos que rinda a tope, pois é de boca grande e dixestión lenta e pesada”, di Pepe Vidal. 
     En Categoría Feminina, Paula está nun estado de forma excelente e cada vez acércase máis a posibilidade de que Geni non consiga o título, despois de 7 temporadas facéndoo de xeito ininterrumpido. De todas as maneiras, a super campioa de Ribadeo é perigosa incluso mancada, canto máis cando recupere as condicións físicas óptimas. Ana de Chaínzos e Sara de Polka cerran as prazas de finalista LNB. Lorena faltou a dúas xornadas o que fai que estea a 17 ptos desta última praza de finalista, mais é unha distancia salvable para a da chaira. 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome