Última xornada na LNB NOROESTE. Arredor do MELGA haberá que encontrar os últimos ptos da temporada. Algúns deses puntos serán decisivos para resolver varias das incógnitas que están sen aclarar.
O Título da Categoría Infantil está entre dous monstros da billarda, Abel e Miguel. Non vos perdades o desenlace deste duelo baixo o sol. Temperaturas previstas para o domingo 12 maio entre 20 e 25 graos, cousa á que non están habituados os dous xogadores que proveñen das frías terras da Laracha, polo tanto, veremos que técnica de golpeo se adapta mellor, a “posición araña” de Miguel ou a posición “Ponte elevado” de Abel. Por outra beira, aínda que Miguel teña 3 ptos máis que Abel, este ten unha porcentaxe de ptos por xornada mellor que o de Soandres, xa que, o palanadorguitarrista de Paiosaco faltou a cinco xornadas. Miguel fai 11 ptos de media por xornada e Abel 15 ptos por xornada, daquela a cousa vai estar moi apretada ata a última carreira. Ademais, hai que ter en conta que Miguel progresou de xeito brillante no seu xogo.
Outra pugna interesante, e que igual precisa dun desempate final a tres, é unha praza de finalista LNB VARADOS 2019. Están empatados Roi, Kevin e Edu. Considerando que o campo de Ponteceso non é propicio a que se fagan varados, pois, igual ao finalizar a xornada as cousas quedan como estaban. Polo tanto, habería que proceder a un desempate espectacular entre tres maneiras diferentes de golpear a billarda. Mentres, o home araña de Paisaco usa a potencia da rotación dun tronco traballado en longas sesións de pesas e abdominais, o fino bailarín de Kevin utiliza o movemento xiratorio de pés con compás 6/8 que lle permite rapidez e vivacidade no golpe. Roi pertence a unha tradición artilleira de moitos séculos, entón o seu golpe é coma un disparo de canón. Cal destes complexos e precisos sistemas de golpeo de billarda acadará o varado en Ponteceso? Se queredes vivilo en directo, domingo 12 maio, 10:30 h., arredores do MELGA.
Outra posición que haberá que decidir en Ponteceso é a terceira posición do Podio Final da Conferencia. Edu avantaxa a Lito en 8 ptos, distancia que pode ser suficiente… ou non. Edu ten dous frontes abertos, esta posición de honra que quedará na estatística da LNB e a praza de finalista na Categoría de Varados. Tamén, deberá atender a gravar as imaxes das xogadas máis espectaculares. Isto significa que gastará moita enerxía e non sabemos se a deshidratación lle provocará a consecuente redución de forza.
Finalmente, e non por iso menos importante, para que Cotelo acade a última praza de finalista que ocupa Lois Fontán, Santa Marta, ou algún familiar, tería que realizar un milagre ou algo semellante… a proeza de que Cotelo faga 19 ptos. Proeza que habería que complementala cunha desafortunada indisposición de L. Fontán que lle impedise puntuar en ningunha das 5 carreiras. Case todo é posible na billarda, entón, haberá que estar presentes para presenciar o milagre ou a realidade.
Certo que na Categoría de Equipos MAC aínda ten posibilidades matemáticas de alcanzar a APB, pero, unha xogada mestra (hai quen usa outro adxectivo, raposeira) do equipo larachino fixo que a xornada comece ás 10.30h., horario incompatible co bo rendemento de varios xogadores de Cerceda que forman parte do equipo MAC. Ou sexa, non cremos que APB teña dificultades para manter a segunda praza de finalista LNB.
Certo, tamén, que en varados, amais dos tres mencionados xogadores empatados a 4 varados, hai outros con 3 varados, Óscar, Berdillo e Iván, que poderían ter posibilidades de acceder a esa última praza, mais a historia dinos que no campo híbrido de Ponteceso é moi improbable que se fagan varados. Por iso, formulamos a hipótese dun evidente desempate final entre Edu, Roi e Kevin.