PREVIA FIN DE SEMANA

0
209
     

CONFERENCIA NORLESTE



     Xa está aquí, a presentación oficial do Aberto da Bola de Liscos (Muriego) e con ela a resurección de Muka e Piluka. Non esperaron ao domingo e xa se levantaron do seu letargo invernal. Quen non as coñeza non ten máis ca pinchar enriba dos seus nomes (Muka e Piluka) e coñecerá o xeito feminino de ver o mundo da billarda. 

      Esta xornada de Bretoña pode ser decisiva, non definitiva. Polo cal, os equipos están preparando a conciencia a estratexia de xogo. Deste modo, os rezos de varios equipos da chaira para que o tempo lles permitise xogar en herba semella que foron efectivos, pois as previsións son de temperatura primaveral e ceos abertos. Os motivos desta repentina devoción hai que buscalos na táboa clasificatoria. Así, Carabullo, Chaínzos-cadaval e Troitas Bravas aliáronse para preparar un terreo de xogo antiBillardeiros. Desta maneira, van cortar o céspede a uns 10 cm de altura para dificultar os movementos de Franco, Manu Pozo e Geni. Ademais, fixeron varios buracos preto das liñas de saída para que Markytos non se apoie ben á hora de golpear esas billardas que levanta tanto. Como saben que Daniel bebeu de neno da apócema máxica de Panoramix, pois a el non hai nada que facerlle. Billarda Verde tamén se sumou a ese trío maléfico de equipos e acudiron, xunto con Carabullo, a un convento bieito para orar. Temos as imaxes deste complot devoto… 

     Outro feito que non debemos esquecer é que nesta xornada o noso querido Flores cumpre 100 partidas LNB. Convértese nun dos centenarios que coa súa presenza contribuíu e contribúe a recuperar a práctica da billarda no noso país. Todas e todos os que compartiron con el momentos únicos saberán valorar a esta magnífica persoa que é Manolito Flores. En fin, grazas Flores.

CONFERENCIA RÍAS BAIXAS

     Nas Rías Baixas o tempo mantén a tipo e as temperaturas previstas para o sábado en Cambados son dunha máxima de 27 graos, polo tanto, levar unha cantimplora non estará de máis. De novo a billarda volve a un dos lugares emblemáticos do Salnés como é a Praza de Fefiñáns, situada no corazón de Cambados. As persoas de maior idade do concello lembran como neste lugar se xogaba á billarda antes dos anos escuros do século XX. Pois ben, para a LNB é unha satisfacción que nenos e nenas, que adultos e maiores, homes e mulleres eleven de novo os seus soños sobre o pazo de Fefiñáns nas alas dunha billarda.


     

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome