PREVIA das xornadas LNB NOR e RÍAS. Conmoción na Chaira…

0
272

LNB NOROESTE

O Aberto das cereixas vai ser o escenario doutra encarnizada disputa deportiva entre palanador@s da Laracha e outr@s do resto do mundo.

 

Os asuntos clasificatorios están desta maneira… naquelas posicións que aínda non están definidas. Sempre coa prudencia necesaria nun deporte como a billarda, onde unha mala tarde, ou unha mañá con poucas horas de sono enriba, pode supoñer un chimpacarneiro na clasificación, diremos que as dúas primeiras posición da xeral están definidas, salvo accidente de circulación ou contaxio do SARS CoV 2. Entón, a terceira praza do podio estará en xogo. Óscar Ponte tomouse en serio a preparación física e psicolóxica durante a corentena e volveu intratable, 2 vitorias en 2 xornadas. Lito vese acosado pola Ponte máis sólida e fiable da LNB e tamén por Berdi e Roi.

 

Despois, aparece a zona na que 3 xogadores revelación están separados por 3 ptos. Ademais, nesta zona a tensión percíbese sen usar lentes. A demostración deste ambiente é o incidente da xornada pasada que fixo que Abel tivera que ser atendido polos servizos sanitarios. Añón intimida aos rivais coas súas ceremonias de budú e Cotelo reza a Santa Marta.

 

Aquí chega a zona de temperatura máis elevada e onde os raios UVA aconsellan dar unha man de protector solar sobre as carnes. Dúas prazas de finalista están no aire e baixo o sol. Viqueira e Enrique senten a respiración acelerada de Gándara, Xulio e Edu. Julito Vilas está lonxe, non obstante, como devoto da Santa ten o firmamento do seu lado…e os cirios acendidos na capela.

 

Se no plano individual hai ata 12 palanadores implicados, no colectivo son dúas escadras as que se xogon o Pan de landra. Calquera incidencia, detalle ou circunstancia pode ser definitiva. Os equipos implicados están usando métodos propios da empresa capitalista. Campañas agresivas nas redes e intimidatorias. Chegaron á nosa redacción as imaxes que están circulando de satélite en satélite. APB quere potenciar o aspecto sobrenatural dalgún dos seus palanadores e MAC, ante a ausencia dos MATO busca aliados doutros equipos que lle boten unha man nesta recta final.

 

O masa de fariña de landra con cereixas está fermentando e mañá cocerase sobre o forno de terra de Paiosaco, será ás 16:30h. Quen será o que lle meta o primeiro bocado ao PANDREIXAS?

 

 

LNB RÍAS BAIXAS

A poucas horas da xornada de Marín, Gharaboto, equipo campión LNB 2019, aínda lembra o ocurrido na Estacada. Non é un equipo ao que lle dure moito o sentimento de rabia e cólera. Aínda así, o que sentiron ante o comportamento antideportivo de Corredoiras na xornada pasada de Bueu serviulles para afrontar esta nova xornada, como locais, con ansia para acercarse na xeral ao equipo líder. Non gardan rencor e preparan un recibimento cordial para ofrecer a Corredoiras.

 

As últimas prazas de finalista e as 2 prazas de podio son as zonas nas que haberá emoción, traxedia, drama e algún principio de lipotimia.

 

Na Categoría de equipos GHA está dando algo de interese ao triunfo de Corredoiras, xa que, ganou as dúas últimas xornadas e situouse a 40 ptos do equipo de Bueu. Mañá faltará Fari e Charri sempre baixa moito o rendemento cando acude ao terreo de Gharaboto. Ademais, hai preparado no sorteo un grupo da morte para Ricar e Bego. Polo tanto, se nada se torce e funcionan as mañas do equipo marinense, este pode ameazar o liderado.

 

LNB NORLESTE

Chegáronnos as primeiras novas dun feito aterrador e terrorífico. Na Terrá Chá sucedeu o inconcebible, a substracción dun animal que pacía tranquilamente nunha propiedade privada por algunha persoa sen escrúpulos. Había 79 anos que non se producía ningún acto delitivo (o último fora a desaparición do marco dunha leira) na Comarca e tivo que ser en Ponte de Outeiro. De momento, o que sabemos é pouco. Que a Chousa desapareceulle un cabaliño. Cabaliño que conseguira ganar nun sorteo en Sobradelo, Xunqueira de Ambía, a onde se desprazara a xogar o Aberto de Billarda que alí se celebrou durante o Tangaraño Cultural. Esta pouca información queda ilustrada con estes dous documentos que circulan polas redes sociais. Desde Carabullo afirman que “non conseguirán desestabilizarnos de cara á FinaLNB 2020, este ano seremos Campións Nacionais”.

 

Sen sospeitos, pero con algúns indicios, como o desta foto sacada durante o Tarangaño cultural do ano pasado. Seguiremos perseguindo a verdade ata que se mostre espida.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome