CRÓNIPARDIÑAS

0
146
     Estas fotos sintetizan visualmente os tres acontecementos salientables do
Aberto de Pardiñas. A primeira instantánea por orde de relevancia é,
sen dúbida, a foto de ALFONSO BLANCO TORRADO con representantes da
LNB. Este incansable home de paz colleu o palán coma quen arrola unha crianza, con amor e determinación, e, polo baixiño, musitou:
                    “billarda sempre, adiante co varal!”
     
 Quen é Alfonso?, pois non temos espazo suficiente para resumir a súa vida e obra, daquela, servirannos as verbas de Ismael G., “Noutros deportes fanse as fotos con políticos… Nós facémolas co maior dinamizador e referente cultural que ten o país a día de hoxe.”  
    Para quen queira saber máis sobre este fillo adoptivo de Guitiriz, mestre, dinamizador cultural, conferenciante e, por riba de todo, un crego de aldea, que vaia á paxina web de xermolos.

 

 

    A segunda das fotos ten que ser o podio do Aberto coa sorprendente e meritoria vitoria de Bieito, un novato, fronte a unha representación importante de palanador@s LNB. A participación foi de 42 persoas. Bieito sorprendeu cunha actuación impecable. Os seus compañeir@s de APB estouparon de ledicia. Bieito é máis dado a alegrarse para dentro e, como bo e xeneroso galego, sabe que na alegría sempre hai engarzado un anaco de tristeza. Neste caso, o de Ferrol igual ten que deixar o país para ir formarse noutros territorios do estado. Unha mágoa que un talento coma o del teña que deixar a LNB. De todos os xeitos, pode ser o xermolo da expansión da billarda cara ao leste.

2º-Xan Rodiño       1º-Bieito Rodríguez      3º-Albino Mou

  Non menos importante é esta foto na que vemos os efectos que produce o Festival de Pardiñas nas persoas. Segundo nos confirmou Alfonso B.T., o Festival ten o poder de quitar anos de enriba dun xeito sorprendente, case milagroso. Este ano cumpríu o 40 aniversario e seica esa é a cantidade de anos que rexuveneceron as persoas que acudiron a Guitiriz a fin de semana pasada.

Collazo

Neste documento audiovisual poderedes apreciar a habilidade que tiveron xogadoras e xogadores para golpear os coches coas billardas como se de pratos dunha batería se tratasen. Os marabillosos sons de percusión e metal mesturáronse coa música de Zënzar nunha maridaxe celestial.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome