Os equipos do Salnés fixeron PONTE no Morrazo. CRÓNICA 6ª xor LNB R.B. Domaio-MOAÑA

0
425

O nome propio da xornada é o de Manolo Fariña, o palanador de maior idade que gana unha xornada LNB RÍAS BAIXAS. Ademais, obtivo o triunfo dun xeito grandioso, pois, tivo que ir a un golpe de desempate contra o seu compañeiro de equipo, Piru, quen estaba disposto a atravesar o varal usando o medio de transporte máis barato e rápido, o Piruchazoaero. Mirade por onde, o de Ribadumia usou un medio terrestre máis lento, pero moi efectivo para desprazarse en pavillón, o Es…Varado, e ganou a xornada de xeito sorprendente e meritorio.

 

Na Categoría Feminina, ganou Adriana. A de Vigo semella renacida. Xa apuntara unha lixeira recuperación na xornada pasada en Marín. Nesta xornada acadou 20 ptos e xa está na cuarta posición da xeral. Que ninguén a esqueza para loitar polo título. Mónica Padín estivo soberbia liderando o seu grupo con 20 ptos. Yu foi outra das destacadas acadando 18 ptos.  Agora, a xeral mantén a Bego en primeira posición, a moita distancia da segunda, Tania, quen superou a Elena Glez. A de GHA cerra o podio. María Caride segue firme na quinta posición. Sexta sitúase Belmira e sétima Lu. Elena Sabarís é oitava, novena Chefa e cerra as posicións de Finalista LNB Mónica, que deu un salto importante na xeral.

Na Categoría Infantil, Óscar Caldas de Armadiña (Poio) foi moi superior e ganou por diante de Abel Ponte de Campo da Feira (Paiosaco) e de Hugo de Gharaboto (Marín). O xogador de Poio chegou a disputar a final da xornada. Ao final quedou cuarto. Na Xeral, Óscar continúa líder, Hugo é segundo e Ainhoa é terceira. 

Clasificacións Individuais nos seus primeiros postos quedan deste xeito.

Este pavillón ten a superficie máis rápida que do circuíto de xornadas LNB Rías Baixas. Xa o ano pasado se establecera a marca histórica LNB de varados. Pois ben, esta temporada superouse aquela cifra de 52, e agora queda establecido en 54 o número de varados conseguidos nunha xornada. Foron 32 persoas as que conseguiron algún varado. Daquela, era obrigado o esforzo orzamentario de BIGAL para inmortalizar esta xornada. Nun alarde de medios materiais e humanos sen precedentes, a xornada de Domaio tivo a presenza de 4 cámaras móbiles e 4 operarios (dous dos cales eran do equipo de operarios de cámara da produtora audiovisual EGASA e outros dous da produtora local BIGALSA). Hoxe publicamos o primeiro audiovisual do resume da xornada. Cámara lenta, efectos especiais e “o que o ollo non ve mentres está xogando”. Mañá publicaremos dous vídeos especiais sobre varados.

Na Categoría de equipos, Gharaboto dominou a xornada sumando os ptos dun Piru intratable, de Luís Gon o especialista de pavillón, de Mónica e de Manolo Fariña, despacio, pero camiña. Por outra beira, visitounos o equipo dominador absoluto da LNB NOR, Campo da Feira. O equipo da Laracha tivo unha actuación sobresaínte, quedando na segunda posición final. Abel Ponte subiu ao segundo chanzo do podio infantil. Juancar e Óscar Ponte tiveron actuacións magníficas, por enriba dos vinte ptos. Collazo sumou 18 ptos e Abel Ponte 12 ptos.  Certo que nos cruces eliminatorios o universo non compartiu con eles a vitamina da fortuna e quedaron eliminados no primeiro deles. Iso si, achegaron sete varados para establecer esa nova marca. Corredoiras notou os inesperados esvaróns de Charri e Bego e Lito, Outeiro e Fari estiveron ben, pero non brillantes, como se esperaba de palanadores do seu nivel. A nota positiva deuna Yu, que achegou 18 ptos para o equipo e foi terceira en categoría Feminina. Ricar segue soportando o peso do equipo e Beni sumou 20 ptos. Valpaços conseguiu un cuarto posto coa súa maior puntuación da temporada, cimentada na destacada puntuación de Adriana. Tania, Taxeiro e Belmira tamén sumaron para o equipo. Lúa de Forza notou a ausencia de Juanma, Chicho e Xián e continúa o distanciamento cos dous primeiros clasificados. Non periga de momento a súa terceira praza, xa que, Armadiña e Laxe de Rons tampou tiveron boa xornada. Rinoceronte sumou os ptos dun efectivo Che, de José Manuel , Daniel e Cris. Laxe de Rons non se adaptou coma outras veces ao pavillón. Só Martín estivo por enriba dos 15 ptos. Ricardo Lois, Gerardo Torres e Paco Vidal sumaron o resto dos ptos. Armadiña ocupou a última posición. Definitivamente, o pavillón non é o mellor lugar para o xogo de grandes artilleiros como Cho, Manu, Papi, Diego e Vixo. O único que se adaptou ben foi Óscar Caldas, quen chegou á final a catro.

Resumindo, magnífica xornada dos equipos do Morrazo e de Vigo, e xornada para esquecer ou para ter pesadelos con ela dos equipos de Pontevedra e O Salnés.

Na Categoría de Equipos Femininos, Valpaços Terra Quente Féminas ganou a xornada e empata na xeral con Gharaboto Féminas. Que loita máis bonita imos presenciar. Queremos resaltar que a actuación de Carmen Pazos foi fundamental para que o equipo da Terra Quente ganara a xornada. Carmen, a xogadora máis lonxeva da LNB, con 84 anos, séguenos demostrando que a vida precisa de moitos ingredientes e que algún deles debemos achegalo nós, como é o da actividade física, a interacción social e o optimismo, outros ingredientes veñen dados no mapa xenético que condiciona a nosa existencia bioquímica finita. Corredoiras  Féminas baixa moito cando Bego ten unha mala actuación, e nesta ocasión coincidiu que Chefa tampouco tivo boa xornada. Menos mal que Yu brillou, senón podiamos estar falando dunha verdadeira desfeita. Armadiña Féminas estivo ben. Lúa de Forza Féminas non pode dar máis debido a que o seu cadro reducido de xogadoras. O mesmo lle sucede a Laxe de Rons Féminas

AGORA A XERAL QUEDA DESTE XEITO

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome