CRÓNICA 18 XOR LNB NOROESTE PONTECESO

0
99
      O Museo etnolúdico Galego acolleu a última xornada da LNB NOROESTE 2018-2019. Un terreo de xogo especialmente preparado para a ocasión e como experiencia piloto para desenvolver un campo de billarda autóctono que nun futuro servirá de modelo a exportar a outros lugares do planeta. O deseño deste terreo foi encargado a unha das personalidades máis sobranceiras do mundo da investigación sobre o patrimonio lúdico galego e internacional, Ricardo Pérez y Verdes, quen é, ao mesmo tempo, ideólogo do MELGA. 
       Ricardo quere poñer o nome de Herbamento a este tipo de superficie mixta herba cemento, que está a carón do MELGA. Dicir que a idea é fantástica e a materialización fenomenal. Non obstante, a pesar das moitas virtudes que ten este campo non podemos obviar pequenas deficiencias como traballo adicional das toupeiras sobre a terra que a deixaron para facer barranquismo, así como, a presenza dun silveiral detrás dos varais que intimidaba bastante. Con comprobar que Juanca volveu para Soandres con 1 quilo menos de peso na súa bolsa deportiva, entenderedes que regresar sen sete billardas non é de agrado para quen as fai coas súas propias mans. Porque despois está o caso de Edu, quen non tivo esa preocupación, pois cada vez que embarcaba unha billarda, rapidamente a recuperaba do bolso de billardas colectivas de Collazo. De todos os xeitos, deberíase buscar unha alternativa ás silvas, por exemplo, plantación de fresas. Así, a recuperación das billardas sería máis doada e a achega de vitaminas ao organismo maior. 
      En definitiva, deixando estas pequenas cuestións loxísticas, Juanca ganou a xornada, por diante de Óscar Ponte e Collazo, en Feminina ganou Lu e en Infantil Migui. As puntuacións estiveron á altura dos mediocres golpes vistos en Ponteceso. Algunha persoa dicía que o terreo estaba ruín, outra que con cualificalo de canalla chegaba. Tamén, algún campión chegado das Rías Baixas non encontrou excusas e, humildemente, tivo que rectificar a súa afirmación inicial de que o Noroeste era a segunda división B da LNB . Tal foi o fracaso que na comida comentaba que durante estas dúas semanas previas á FinaLNB 2019 volvería á dieta carnívora. Seica o empacho de herba seca lle fixera reflexionar.

        Despois de sumar os puntos xa se coñecen as poucos cousas que faltaban por dedicir. Edu mantivo a terceira praza de Podio, aínda que Lito apretou ata o final. Cotelo non obrou a miragre e queda como primeiro suplente para ir á FinaLNB 2019. Migui mantivo a distancia con Abel e contra todo prognóstico fíxose co título Infantil. A cuarta praza de finalista na Categoría de Varados, como estaba previsto, houbo que decidila nun desempate entre Roi, Kevin e Edu. Despois de 5 golpes e non haber ningún varado, ganou Kevin por deixar unha das súas billardas máis preto da entrada do varal. Neste caso tivo que intervir a tecnoloxía de medición a pasos para aclarar que billarda estaba máis preto. Kevín superou a Roi en 7 cm, pé arriba pé abaixo.

       

          A trece días da Gran FinaLNB 2019, podemos confirmar que o entusiasmo das xogadoras e dos xogadores do NOROESTE é unha arma poderosa. Este ano queren demostrar que a historia lles debe un recoñecemento e ese recoñecemento que lles debe, vano cobrar. Non foi doado o camiño que percorreu o Noroeste para manter viva a práctica da billarda na provincia da Coruña, e non está sendo sinxelo facer visible este deporte marabilloso. Daquela, “esta é a nosa, este ano si, a Coroza vén para aquí“, berraban a coro os compañeiros e compañeiras do Noroeste na comida de fraternidade que tivo lugar en Ponteceso ao rematar a última xornada.
        Agora ben, tanto LNB Norleste como LNB Rías Baixas non van ter compaixón. Se finalmente, o Noroeste consigue por vez primeira algún título, vai ser por méritos deportivos e non por piedade ou misericordia das outras conferencias fartas de títulos. Dos 9 xinetes que van vir do Noroeste, podemos confirmar que calquera deles ten potencial para entrar en cruces e unha vez aí, calquera cousa pode pasar. Na Feminina, Merche ten potencial para poñerllo difícil ás grandes favoritas das Rías Baixas e a superpoderosa Geni do Norleste, Cruz ten menos golpes enriba dos seus brazos e vaino tomar como aprendizaxe para seguir mellorando o seu xogo. En Infantil a calidade dos Feiriños é evidente, tanto Abel, Migui, como Marc poden optar ao Campionato Nacional, sempre que Manu Caldeiro, Óscar Caldas e Hugo non teñan o seu día. Por suposto, co permiso de Xián, O Raio Verde. En varados presentan a catro bombardeiros de categoría, Collazo, Juanca, Lito Pena e Kevin. E por equipos Campo da Feira ten 7 xogadores de garantías.
     En resume, hai que ter en conta que a LNB NOROESTE, a quen alguén cualifica de Segunda División da LNB, presentará unha candidatura moi sólida ás eleccións LNB do 26 de maio. Aquí vos queda o audiovisual sobre a xornada de Ponteceso. 

(Quen homologaría ese terreo de xogo para a práctica da billarda?)

LU  con experiencia contrastada en excavacións arqueolóxicas 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome