Naufraxio de Corredoiras en Sanxenxo. Gharaboto gana a xornada e Armadiña renace das súas cinzas

0
323

A tarde do sábado 22 de maio de 2021 quedará na memoria do deporte galego. Un campo de billarda naceu para quedarse. O CABI de Nantes, en Sanxenxo, foi o lugar de saída da nova billarda federada. Ben, o clima foi favorable e a presenza de 56 xogador@s fixo que o espectáculo fora inigualable. Iso si, a dificultade do terreo de xogo levouse por diante as ilusións de moitas xogadoras e outros tantos xogadores, que consistían en entrar no varal en 4 golpes.

Ademais, temos que subliñar a desgraza que lle sucedeu a COR, equipo bicampión Galego e 7 veces campión da Conferencia Rías Baixas. Pois ben, as sensacións eran boas. O equipo estaba segundo na xeral a tan só 1 ptos do líder, Lúa de Forza Sanxenxo. Por outra beira, o equipo de Bueu presentou un cadro de xogador@s curto, pero moi solvente. Así, Charri, líder da categoría Individual Absoluta, Fari, cuarto clasificado, Bego, multicampioa de Conferencia e 1 vez Campioa Galega, Chefa, campioa Galega 1 vez, e Manolo Outeiro formaban un grupo de palanador@s moi fiable. Non obstante, a ledicia inicial que mostraban os Corredoiras foise transformando en berros de desesperación e xuramentos contra o campo, contra a herba e contra os varais monumentais e impoñentes do CABI de Nantes.

En fin, o bravo equipo do Morrazo naufragou en Sanxenxo.

Iniciada a xornada a cara de preocupación e as charlas de motivación foron continuas. Vemos a Outeiro e a Fari buscando explicacións a unha tarde sen acerto
O mexicano que mellor fala o galego, Charri, chegaba alegre e con intención de prolongar o seu liderado unha xornada máis,
Fari veu disposto a non deshidratarse e combinou a equipación deportiva do Club cunha neveira chea de botellas cun líquido amarelo no seu interior
Chefa e Bego estaban abraiadas pola envergadura dos varais do CABI de Nantes e pola magnífica vexetación arbórea que rodeaba o terreo de xogo.

Certo, as sensacións eran boas e a intención de superar ao equipo local xa se daba, máis como un feito que como un pensamento. As cousas comezaron a torcerse cando o modelo zoca de billarda, característico das xogadoras e xogadores de Corredoiras, non se daba posto en marcha. Vaia, que a Zocallarda de Bueu, non traccionaba ben sobre o terreo de Nantes. Xa desde o primeiro golpe se mascaba a traxedia. Finalmente, confirmouse o desastre deportivo de Corredoiras. Por vez primeira desde que o club Corredoiras formou a sección de billarda, xa van aló 10 anos, o resultado nunha xornada de liga foi… último clasificado. Si, ledes ben, con 34 ptos, o equipo todopoderoso de Bueu acadou a peor clasificación da súa historia. Causas desta desfeita competitiva? Varias son as causas, que ben seguro analizarán durante esta semana, xa que, o vindeiro sábado 29 de maio celebrarase a 4ª xornada, precisamente en Bueu. Estamos convencidas, convencidos, que Outeiro encontrará solución para recuperar desta calamidade, tanto a Charri, quen marchou bastante afundido emocionalmente e sen usar a megafonía para cantar algunha rancheira, como nel é habitual, como a Fari, quen rebentou a patadas a súa neveira portátil. Ánimo Corredoiras!

Esta xornada significou a inauguración en competición oficial do Campo de Billarda de Nantes, unha instalación de vangarda no concello de Sanxenxo, cualificado pola Federación Galega DEPAU con 5 estrelas. Así mesmo, o seu grao de dificultade está en 8 na escala LNB, que cualifica os campos de 0 a 10 ptos, segundo as súas características de terreo e dimensións do mesmo. Ben, aínda con estas dificultades na primeira competición federada xa se fixo un Varado (entrar no varal dun só golpe desde a saída). Non foi outro que o Ciclón de Moscoso, o Che. Un lategazo dos seus fixo voar a billarda bastante máis alá dos 50 metros e fíxoo na primeira carreira de cruce eliminatorio. Brutalísimo !

 

As outras novas destacadas foron as grandes actuacións de Gharaboto, Rinoceronte e Armadiña. Gharaboto ganou a xornada con 67 ptos, un menos que Rino, 66 ptos, e Armadiña situou a dous dos seus palanadores no primeiro e segundo postos do podio Individual, Cho e Manu, ademais de conseguir 57 ptos. Os demais equipos estiveron discretos e por debaixo dos 50 ptos. Corredoiras con 34 ptos foi o último clasificado.

Cho Carballa foi o ganador da xornada, por diante de Manu Maquieira e de Che Garrido. En féminas ganou Tania, por diante de Elena e de Bego. En Infantil ganou Hugo, segundo foi o Raio Verde Xián e terceiro Alexis.

PODIOS

 

ACTAS

 

FOTOS

Así quedan as clasificacións xerais nos seus primeiros postos.

CLASIFICACIÓN INDIVIDUAL ABSOLUTA

DANIEL RIN 67
XAN LÚA 67
CHARRI COR 62
FARI COR 50
CHICHO LÚA 47
CAROLO LÚA 38
CHO ARM 38
ÁLVARO GHA 35
ALBINO VEIGA VAL 34
CHE RIN 34
LANDRAS FIL 33
ALFONSO VAL 32
XULIO FEI 32
HUGO INF GHA 31
JUANCHI LÚA 29
RICOY LÚA 29
PIRU GHA 29
TANIA VAL 29
ELADIO FEI 26
GELÍN GHA 26
BENI COR 25
ADRIANA VAL 25
RICARDO LOIS LAX 25
TAXEIRO VAL 24
LUISGON GHA 24
GONZALO RIN 24
JOSÉ MANUEL RIN 24
ELENA GHA 23
SUSO GHA 22
CRIS RIN 22
LUÍS CAMIÑA GHA 21
ABEL FEI 20
OSCAR FEI 20
PEQUE ARM 18
GERARDO LAX 18
OUTEIRO COR 17
DIEGO ARM 17
MARTIÑO COR 16
MANU ARM 16
MARTÍN LAX 15
CHICHÍ LAX 15
LU LÚA 14
MARÍA CARIDE GHA 14
RICARDO BAS LÚA 11
XIÁN LÚA 11
EDU FEI 10
SANTIAGO VAL 9
ANA GHA 9
MARISA LÚA 9
BEGO COR 8

 

CLASIFICACIÓN INDIVIDUAL FEMININA

TANIA VAL 29
ADRIANA VAL 25
ELENA GHA 23
LU LÚA 14
MARÍA CARIDE GHA 14
ANA GHA 9
MARISA LÚA 9
YOLANDA VAL 8
BEGO COR 8
BELMIRA VAL 8
ROSA VAL 7
IRENE VAL 7

 

CLASIFICACIÓN EQUIPOS

LÚA DE FORZA SANXENXO 193
CORREDOIRAS BUEU 178
GHARABOTO MARÍN 167
RINOCERONTE PONTEVEDRA 164
VALPAÇOS TERRA QUENTE VIGO 138
CAMPO DA FEIRA PAIOSACO 116
LAXE DE RONS O GROVE 79
ARMADIÑA POIO 58

 

CLASIFICACIÓN EQUIPOS FEMININOS

VALPAÇOS TERRA QUENTE VIGO 71
GHARABOTO MARÍN 55
LÚA DE FORZA SANXENXO 23
CORREDOIRAS BUEU 11
ARMADIÑA POIO 6
RINOCERONTE PONTEVEDRA 4
LAXE DE RONS O GROVE 2