A Billarda de Turquía en Pontevedra, Aberto de Fin de Ano en Paiosaco coa decisión de Landras e grave accidente de Muriego

0
421

Os xornais das provincias atlánticas informan dun acontecemento de repercusións mundiais, a celebración do TAB Mestría de Billarda 2019. Ademais da participación de equipos das dúas Conferencias LNB do oeste de Galicia, sobre a herba do estadio do CGTD de Pontevedra houbo dous xogadores e unha xogadora de orixe turca, cousa que nos levou a indagar na patrimonio lúdico turco para encontrar o Çelik çomak un xogo tradicional que é similar á billarda, á Txirikitxa de Euskalerría, ao Belit catalán, ao Pandolo esloveno, a Lipa e ao Scianco italianos, á Tzurca rumana, ao Gili Danda, hindú, etc, etc… en definitiva, un xogo coas raíces na orixe da humanidade que se practica ou practicou en todos os currunchos do planeta. En todos os lugares se xoga con dous anacos de madeira, un máis grande que se agarra coa man e co cal se golpea, e outro anaco de madeira máis pequeno que é golpeado para que se desprace no espazo. Entón, esa utopía da LNB de facer da billarda un deporte olímpico está máis preto.

 

Estas son algunhas imaxes do xogo Çelik çomak. Pódese apreciar a semellanza coa billarda xogada en Galicia polas nosas antepasadas, polos nosos antepasados.

 

Aquí vos quedan algunhas imaxes artísticas da Mestría de Billarda 2019 sacadas dos pinceis e das acuarelas de Muriego. A pesar das fracturas sufridas este Nadal. Ao final da entrada podedes encontrar o audiovisual deste desafortunado accidente do Da Vinci de Tapia. Esperamos a súa pronta recuperación.

 

E sen solución de continuidade, mañá o Aberto de Fin de Ano de Paiosaco. No epicentro da billarda na provincia coruñesa reuniranse para cerrar o ano billardeiro e dar a benvida ao 2020 xogadoras e xogadores do país. O ritmo de percusión da madeira dos montes galegos escoitarase en toda a Comarca de Bergantiños. Billarda de Toxo organiza un ano máis este magnífico Torneo. Pero, o realmente impactante destas horas previas ao fin de ano é o audiovisual de Landras onde aclara por fin a súa decisión.

 

Landras é un palanador recén chegado á LNB. Debutou na sexta xornada da LNB Noroeste en Caión, o 24 de novembro. Soubo que aínda se practicaba billarda no país polas redes sociais e decidido, como é o das Somozas, apareceu o pasado e húmido novembro en Caión coa intención de xogar. Chegou cun material deseñado por Van Helsing.

 

Non obstante, o talento silvestre do Anacoreta Norteño non deixou indiferente a ningún equipo LNB. As ofertas foron múltiples e cunhas condicións inmellorables. Pois ben, o novato Landras tivo que reflexionar ben, moi ben a súa decisión, xa que, foi tan ben recibido e tratado que non quería decepcionar a ningún equipo dos que confiaba nel. Os delegados dos equipos LNB NOR puxeron todo da súa parte para levarse a Landras, mais, finalmente as súas razóns tivo o Anacoreta Norteño para aceptar a oferta de …

 

Non todas son boas novas para o mundo da billarda. O virtuoso da pintura con acuarelas e mellor palanador, Muriego e a súa familia víronse envoltos nun macabro suceso. Da nosa redacción en Tapia de Casariego enviáronnos as imaxes do tráxico accidente de Muriego. O fatídico incidente aconteceu mentres Muriego saía cara ao encontro do seu fillo que chegaba a casa por Nadal. Nestes dramáticos feitos tamén se viu afectado o seu vástago. Advertimos a aquelas persoas sensibles e que empatizan demasiado que o vídeo contén imaxes reais dos feitos, sen cortar, nin maquillar fotogramas. Ánimo Muriego, a LNB está con vós. Toda a nosa solidariedade coa familia Álvarez.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome