LNB Temporada 2016-2017 Participación

0
184

        A falta de tres xornadas LNB, unha en cada Conferencia, as cifras de participación son magníficas. Tendo en conta o número de Conferencias actuais, podemos afirmar que o nivel de participación aumentou en relación ao ano pasado, onde había unha Conferencia máis. Tamén, podemos comprobar como a tendencia é claramente ascendente. Polo tanto, pensamos que algo se está facendo ben desde a LNB para atraer a máis de 350 persoas do noso país a practicar un deporte tradicional que semellaba esquecido a principios do século XXI. 
       Esta aventura chamada LNB iniciouse co firme propósito de que unha parte moi importante do noso patrimonio lúdico, como é o xogo da billarda, puidese ser practicado coa mesma normalidade coa que se practican outros deportes. Deste xeito, a finais do 2005 en Lourenzá celebrouse a primeira xornada LNB da historia. Desde aquela, o camiño foi longo, e aínda non se vé o horizonte. Mais o esforzo e dedicación de tantas e tantos para lograr o obxectivo de recuperar este xogo centenario está dando froitos. Hoxe, a maio de 2017, moitas rapazas e rapaces, cativos e cativas, pícaras e pícaros, homes e mulleres teñen a oportunidade de xogar á billarda ao abeiro da LNB. Ademais, os medios de comunicación están axudando a dar visibilidade a un deporte que ten un potencial enorme como actividade que fomenta a vida saudable e a relación interxeracional. Daquela, adiante co varal!
        

       A tendencia de participación en cada xornada é ascendente en todas as Conferencias. Este dato é sorprendente e extraordinario, pois indica que hai un grupo de persoas fieis a xuntarse cada fin de semana nun recuncho do noso territorio para divertirse xogando á billarda. 
       A Conferencia Mai mantén unha participación media de 57 xogadores/as. Está nun dos mellores momentos da historia, xa que desde o 2005, ano no que se creou, só na temporada 2013-2014 tivo unha media de participación máis elevada. 
        A Conferencia Noroeste está no seu mellor ano histórico, pois en ningunha temporada desde o seu nacemento, 2007, tivo unha media de 28 xogadores/as por xornada, como a ten na actual temporada. 
       A Conferencia Rías Baixas (2011) non parou de medrar desde o nacemento e chegou ao teito de 82 xogadoras/es esta temporada. Daquela, tamén está en marca histórica de participación media. 
      En definitiva, temporada excepcional en canto a participación. 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome