LNB RÍAS BAIXAS, vindeira xornada BUEU. LNB NOR, ecos de EIRÍS

0
190

Vindeiro fin de semana en Bueu xornada LNB RIB. Será no campo da Estacada. O actual líder en equipos, Lúa de Forza, prepara cambios na súa formación, coñecedor do recibimento que lle ten preparado o equipo local, Corredoiras, segundo clasificado a un só pto de distancia. O equipo de Bueu encabezado polo seu número un, Charri o mexicano, leva varios días enviando burofaxes intimidatorios ao local social de LÚA. Amais de difundir polas redes sociais esta foto que aparece aquí debaixo.

 

Que cada quen valore as intencións que hai detrás desta imaxe. Pola súa banda, o equipo de Sanxenxo está adestrando no seu campo de billarda de Nantes cun equipo máis sólido defensivamente. Tamén temos unha foto deste feito.

 

Desta loita aberta entre os dous equipos que mellor comezaron a temporada poden aproveitarse o resto de escadras. Así, GHA, RIN e VAL están nun brazado de catro ptos que fai que calquera deles poida meterse no podio. LAX semella que quere erguerse e coas incorporacións de Ricardo Lois e Lita, xunto con Gerardo e Martín, forman un cuarteto de madeiras que este ano van ter que verse as caras co último posto, mentres non recuperen máis efectivos.

 

Da LNB NOR chégannos agradables noticias sobre un dos aspectos máis controvertidos da pasada xornada de Eirís, a arbitraxe. Por fin, o Comité Técnico de Árbitros de Billarda vai participar nun CLINIC internacional de formación.

 

Ademais, o COTELO (Comité Técnico da Laracha e Ordes) iniciou unha campaña de boas prácticas na arbitraxe. A campaña ten o lema ASÍ SI, COTELO ! En Eirís xa se notou que certos árbitro leron as circulares 23 e 24 que describen cales son as posicións correctas d@ xuíz/a de campo e o/a xuíz/a de varal.

 

Bravo pola LNB NOR. Esta conferencia non só innova no aspecto arbitral, senón que o fai no eido técnicodeportivo. Sabemos, e temos fotos que o confirman, de varios atletas da billarda que están probando o golpe cos dous pés no aire. Sempre se pensou que tendo os pés afincados no terreo de xogo se golpeaba máis forte e máis dereito. Ben, observade as fotos e vós mesmas, vós mesmos, decidiredes se convén que probedes ou non este método novedoso. Iso si, hai que estar en condicións físicas óptimas, como o están os dous atletas que están usando esa nova técnica.

 

Para finalizar cos ecos da xornada segunda LNB NOR, imos traer a esta narrativa o que sucedeu coa utilización dos xeles hidroalcólicos. O xa coñecido como Caso XABÓN tivo como protagonistas a dous equipos que non é necesario nomear, pois as imaxes falarán ben alto e nítido. Entón, o protocolo da Billarda contempla que hai que ter xeles á disposición d@s xogador@s e hai que usalos cada vez que se vai tocar algún obxecto de uso compartido, como actas e bolígrafos. Houbo dous equipos que trouxeron xeles para uso común e resulta que un deses xeles era hidroalcólico e outro, seica, semella, segundo din…, tiña unha cantidade sospeitosa de xabón. Substancia que ao ser usada e non secar ben as mans despois provocou que algún e algunha palanadora tivera dificultades no agarre do palán. Vaia, esvarávalles o palán da man no momento de golpear. Acusacións mútuas… Que foi o voso equipo, que nós non trouxemos ese xel, que secaras ben as mans, que sempre con argucias e estrataxemas… En fin, abaixo tendes a imaxe do momento no que dous representantes dos equipos implicados e expertos bioquímicos analizan os xeles.

 

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome