LNB RÍAS BAIXAS Con boa Fariña forneou Gharaboto

0
384

Espectaculares e artísticas imaxes das nosas deportistas, dos nosos deportistas, sobre o cemento do pavillón de Cabanas (Salcedo-Pontevedra). A billarda será olímpica algún día e quen consulte os arquivos históricos da LNB, alá polo século XXII, verá que o estilo destes pioneiros está moi próximo á excelencia. En fin, en Salcedo, Gharaboto de Marín continuou coa súa traxectoria de aproximación ao todopoderoso e noutro momento inalcanzable Corredoiras de Bueu. O equipo azul aínda está a 19 ptos das casacas vermellas de Corredoiras, pero nunca anteriormente a estas alturas de temporada estivo tan preto. Chegado o ecuador da competición a loita polo título de Equipos está aberta e veremos coa entrada do inverno que sucede co clima e cos terreos a ceo aberto. Tamén, veremos como o frío e a neve pode afectar nas articulacións do equipo máis veterano da Conferencia, Gharaboto. Lúa de Forza conseguiu un magnífico resultado coas achegas de 19 ptos, tanto de Ricoy como do Raio Verde Xián. O equipo de Sanxenxo continúa moi cómodo na terceira praza, sen ameazas por detrás e sen posibilidades de subir posicións. O cuarto posto si que está disputado, xa que, Armadiña de Poio nunca se despegou de Laxe de Rons do Grove. A distancia entre eles é de 10 ptos. O equipo celeste de Poio mantense nesta cuarta posición desde a primeira xornada, mais nos meses de choiva Laxe de Rons adaptouse moito mellor ao xogo de pavillón, menos potente e máis preciso. Agora, tamén se une á loita por esta cuarta praza Rinoceronte de Pontevedra. O equipo do corno reforzouse no mercado de outono e coas incorporacións de Manu e Sheila semella que conseguiu a dose de motivación suficiente para levantar o corno e mirar para arriba. O equipo de Pontevedra ten un legado suficiente como para seguir medrando, foi podio nunha FinaLNB de Equipos. Valpaços Terra Quente está nun cambio de ciclo e debe reforzar o seu cadro de xogadores, pois xogadoras ten e de moita calidade. A súa debilidade está na achega masculina.

 

CASILDA Gharaboto de Marín
SHEILA Rinoceronte de Pontevedra

Manolo Fariña é o xogador máis valorado do Outono. O veterano e tranquilo palanador de Ribadumia ganou dúas das catro últimas xornadas e noutra foi terceiro. Está claro que o seu xogo é bo en calquera superficie, pero en pavillón é temible. Agora sitúase quinto na xeral.

MANOLO FARIÑA Gharaboto de Marín

Ricar afianzou o liderado e xa lle saca 25 ptos ao segundo clasificado, Piru. A pesar de ter os mellores números das últimas catro xornadas, Piru non consigue acercarse ao líder de Bueu. Non obstante, semella que o de Gharaboto conseguíu estabilizar o seu xogo e esta temporada mantén unha regularidade asombrosa e de momento é a única alternativa seria ao golpeo seguro e preciso de Ricar. Álvaro continúa na terceira posición e mantén o pulso aos dous primeiros.

RICAR Corredoiras de Bueu
ÁLVARO Gharaboto de Bueu
CHE Rinoceronte de Pontevedra
RICOY Lúa de Forza de Sanxenxo

Na categoría feminina Bego non ten rival e continúa paseándose polos pavillóns da Comarca. Sácalle 40 ptos á segunda clasificada Elena González quen tamén domina as superficies de pavillón. María Caride está sendo unha das sensación desta temporada. A de Gharaboto xa presaxiaba boas cousas o ano anterior. Esta temporada está terceira e só a 4 ptos da segunda praza. Despois veñen Lu, Adriana e Chefa, tres campioas LNB, polo tanto, serias candidatas a meterse no podio. E ollo con Belmira, Mónica Padín e Marga Puente que no chan rápido dos pavillóns teñen moitas opcións de acumular máis de 15 ptos por xornada.

BEGO Corredoiras de Bueu
ANTÍA Gharaboto de Marín

En Infantil, O Raio Verde non perdoou e levouse a vitoria. O talento ventureiro do neno de Lúa de Forza non ten límite e en calquera xornada de pavillón pode subir ao podio absoluto. Óscar Caldas volveu despois de dúas xornadas sen xogar e foi segundo. A Nerea tamén lle gustan as superficies de cemento e foi terceira. Agora a xeral segue encabezada por Hugo, segundo Óscar Caldas a 17 ptos e terceiro xa se sitúa O Raio Verde a só 4 ptos da terceira posición. Ainhoa está a 7 ptos desa terceira praza e Nerea está algo máis lonxe, motivado pola súa ausencia a 3 xornadas, senón a celeste estaría loitando polo podio.

RAIO VERDE Lúa de Forza de Sanxenxo
FARI Corredoiras de Bueu
JUANCHI Lúa de Forza de Sanxenxo
NAIA Armadiña de Poio
CAROLO Lúa de Forza de Sanxenxo
ILLY Armadiña de Poiovolta
LITO Corredoiras de Bueu
PACO VIDAL Laxe de Rons do Grove

 

Agora haberá o parón de Nadal, daquela veremos se a nutrición destas datas inflúe no rendemento despois da chegada de aninovo. A vindeira xornada será o 18 xaneiro en Vilagarcía de Arousa.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome