LNB números de lenda

0
411

Desde que naceu a LNB (outubro 2005) ata a actualidade lévanse organizado 573 xornadas de liga, ademais dos Torneos Abertos de Billarda (TAB) que se celebraron fóra do calendario de liga. Isto significa que neses 573 días houbo un grupo de persoas xogando billarda baixo o modelo LNB, tanto no país como fóra, xa que, desde o 2012 ao 2015 houbo unha Conferencia en Andalucía. Na actualidade sobreviven 3 conferencias das 7 que en algún momento foron creadas. Aquela primeira temporada 2005-2006 houbo 8 xornadas. Nesta temporada haberá 50 xornadas.

En definitiva, este universo billarda consegue que a práctica deste deporte marabilloso estea viva cada fin de semana en algún lugar do noso territorio. Ademais, como a LNB é unha liga aberta e transversal, calquera persoa pode participar en calquera momento e en calquera das conferencias ou en varias ao mesmo tempo. Este intercambio favorece a interacción entre seres humanos que viven lonxe. Abaixo aparecen uns gráficos con números e nomes para que coñezades a aquelas persoas que máis se moven para actuar no escenario LNB, desprazándose moitos quilómetros e poñendo en risco o seu patrimonio persoal.

Sabemos de casos como o de Pirucha que deixa de comer 3 días da semana para aforrar e así poder pagar o desprazamento da fin de semana ata onde se xogue unha xornada LNB. Xan Rodiño tivo que empeñar o coche para mercar unha bicicleta eléctrica, menos contaminante e máis económica no seu consumo. Luís Camiña xa adquiriu terreos edificables en Castro de Rei e A Laracha, epicentros das Conferencias do norte. Daniel Rguez e Geni teñen tarxeta “dourada xuventude” que ofrece descontos en todos os restaurantes e hoteis da costa atlántica. E tantas outras persoas que están comprometidas con esta práctica tradicional de xeito indefinido… grazas por manter a respiración desta actividade deportiva, lúdica e cultural.

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome