FinaLNB 2019

0
151

   Brutal, bestial, poñédelle o adxectivo que máis vos praza. A obra de arte elaborada por Seixas simboliza ao invencible e andróxino pobo galego, que cunha Coroza e un Palán defenderá o seu gran.
















     Este marabilloso proxecto social, cultural e deportivo chamado LNB conseguiu unha temporada máis (desde o 2005) manter viva unha práctica tradicional lúdica e deportiva chamada BILLARDA. Despois de 9 meses de competición en tres Conferencias LNB, con 300 xogador@s, con 19 equipos e 49 xornadas, chega a FinaLNB 2019. Nesta final participarán as persoas clasificadas para disputar o Título Nacional en cada unha das 5 Categorías: Infantil, Varados, Equipos, Féminas e Absoluta.
    Desde as 11 h., co Título Infantil en xogo, ata as 20 h., momento no que alguén se proclamará Coroceir@ Nacional, o espectáculo está garantido sobre a terra do campo de fútbol Manuel Paz do Castiñeiriño, Compostela. As mellores xogadoras de billarda do planeta estarán golpeando billardas en busca da gloria. Os mellores xogadores de billarda do universo poñerán afán e forza nesta misión grandiosa que é a de vestir por uns minutos a Coroza LNB…, pero que instantes eses… eternos !
      Agora xa pasamos a significar as novedades dos equipos de cara ao 26M. As novas das últimas horas van alterando o favoritismo dalgúns equipos. Desta vez, podemos confirmar a baixa de Fari en Corredoiras. Deste xeito, o equipo bicampión de Bueu, descende nas expectativas de Título. O seu obxectivo era repetir por terceira vez consecutiva o título, algo que ningún equipo conseguíu ata o momento, non obstante, xa suma dúas baixas do seu equipo titular. Tanto Bego como Fari non van xogar. Entón, se a ausencia de Bego diminuía o potencial do equipo corredor, a de Fari fai que as casas de apostas xa sitúen a COR na quinta posición como candidato ao título, por detrás de BMU, LÚA, CAR, FEI e GHA. As casas de apostas conformaron estas probabilidades baseándose nos equipos titulares de cada formación. Entón,  deberedes estar atentas e atentos, pois conforme se vaian producindo baixas os prognósticos irán cambiando, e se queredes acertar a QUINILLARDA… 

      Falando de quinillarda e de previa da FinaLNB… están chegando ao buzón de correos do bunker de TDLNB vídeos motivacionais elaborados por eminentes e virtuosos palanadores que buscan amedrentar, atemorizar ou acolloar ao resto dos equipos rivais. Sempre coa saudable intención de que se vexa reforzado o  rendemento propio e mingue o dos outros equipos. Hoxe emitimos o que nos chegou desde a Conferencia Noroeste na voz e no corpo de Edu García, A araña de Paisaco. Tamén, temos a confirmación de que desde Troitas Bravas están preparando un explosivo audiovisual. Finalmente, emitiremos mañá a mensaxe institucional do Coroceiro 2018, quen a 4 días de poñer o seu título en xogo, non encontra o Santo Graal (trofeo histórico que durante un ano custodia quen viste a Coroza LNB). 


    



Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome