FinaLNB 2019 … posible amaño de resultados na Quinillarda

0
94
     Este documento audiovisual mostra a excepcional beleza do golpeo de xogadoras e xogadores deste deporte marabilloso chamado Billarda. As espléndidas fotos foron tiradas por Charri. 

 

 

        Este outro documento audiovisual mostra os vídeos gravados por Edu durante a FinaLNB Infantil e de Varados. Ao final do vídeo veredes 7 segundos dun fenómeno difícil de comprender, o varado de Sachas narrado na voz pausada e inconfundible de Noé. Pero, realmente entrou a billarda ou Noé estaba a outra cousa?

 

 

       Continuando cos sabios comentarios das nosas analistas deportivas diremos que a concentración de palanadores e palanadoras por metro cadrado foi a máis elevada desta temporada. A celebración das finais LNB é un momento único e grandioso. A participación total foi de 92 persoas, da cal 25 foron xogadoras e 67 xogadores. Na Categoría Infantil participaron 16. En definitiva, unha xornada fantástica de convivencia.


 

       Por suposto, como en calquera acontecemento de masas, suceden circunstancias raras, extravagantes, estrañas e infrecuentes. Entre elas o comportamente inexplicable de Cortón, quen nunha arroutada foise cara ao parasol de Troitas Bravas e esnaquizouno con toda naturalidade. Cousas do Raposo Prateado de Ponte de Outeiro. 
       
 
 
     Por outra beira, tamén houbo algunha que outra actuación polémica dalgún xogador. Neste caso, estamos facendo referencia ao sistema de apoio que usou Sachas para calzar a billarda. Un sofisticado e laborioso aparello elaborado polo departamento de Enxeñaría Forestal da USC, no seu Campus de Lugo que levantou as sospeitas de certos prestixiosos palanadores das Rías Baixas. Algún deles, incluso chegou a afirmar que non era unha billarda, como así esixe a regulamentación LNB. Pois ben, ante a demanda de xustificación da legalidade de dito utensilio, que a todas luces semellaba un anaco de madeira e non unha billarda, o de Riotorto contestou, con esa simplicidade e franqueza da xente riotortega, “Ai oooou!”
 
    E tamén se abre outra fronte coa investigación dun posible amaño de resultados na quinillarda. Hai sólidas sospeitas de que varios xogadores de Lúa de Forza tiveron un mediocre rendemento intencionadamente para favorecer a vitoria de Gharaboto e, deste xeito, rachar todos os prognósticos. De momento, sabemos que a Unidade de Delitos fiscais da LNB está investigando os últimos movementos na tarxeta de débito dos integrantes de Lúa. Seguiremos informando.
        

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome