FIN DE SEMANA de Billarda

0
119
     Fin de semana de Abertos de Billarda. As provincias galegas do norte ofrecen a posibilidade de gozar deste deporte tradicional marabilloso que se lle di Billarda.
    O Festival da Chaira xa vai na súa catorce edición e desde hai dez conta entre as súas variadas actividades musicoludicas cun dos míticos Abertos de Billarda do país. Este misticismo veulle dado polo extraordinario lugar onde se xoga, a praia fluvial da Riboira e polo divino nome da parroquia, San Pedro Fiz de Baltar. Deste xeito, quen acuda á Pastoriza poderá gozar dunha programación musical formidable e dun prodixioso escenario para mandar as billardas Miño abaixo.
      A Asociación Cultural A Chaínza organiza este festival para promover a defensa, protección e divulgación do patrimonio cultural galego. E todo comeza ás 11 h. coa Ruta da Espiga, que percorrerá os arredores da contorna onde se desenvolve o Festival. Despois, comezarán as actuacións musicais.
     A máis de 100 quilómetros da Pastoriza tamén se xogará billarda. Será na Laracha. O aberto do Churrasquiño está enmarcado dentro das exaltacións que se extenden por todo o país para homenaxear a columna vertebral dos porcos. A algunha persoa astuta deulle por aplicar lume ás costelas que forman o eixo vertebral do corpo destes animais de cortello e comprobou que a carne que une estas costelas adquiría un sabor gorentoso. A partir dese día, mellorou a vida destes animais, pero, curiosamente abrevióuselle moito máis do recomendado pola OMS (Organización Mundial da Saúde). En definitiva, outra ocasión magnífica para xogar billarda sobre a herba da Cheda e respirar o efluvio que desprende a carne exposta durante un tempo prudencial ás brasas. Por outra beira, será Julito Vilas quen se encargue das brasas, tamén coñecido por ser autor do libro “Como asar o unto? Espera que pregunto!
    En conclusión, as brasas do churrasco faranse coas billardas de Campo da Feira, pois despois dos resultados da FinaLNB 2019, decidiron cambiar o deseño e desfacerse do material que non deu o resultado agardado. Collazo deixará de facer as billardas para o equipo e xa se abriu un concurso para contratar novo suministrador.Lembrade que o vindeiro 25 de xullo en Compostela celebrarase o ABERTO DÍA DA PATRIA (aínda non temos dispoñible o cartel, no comezo da semana que vén publicarémolo)

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome