Xornadas da SANTA LNB. Norleste e Rías Baixas

0
144
       Xa está preparada a herba da Bretoña para recibir un ano máis a LNB. Desta vez, as previsións meteorolóxicas son precisas, pode que chova ou pode que non o faga. Daquela, a incidencia deste factor atmosférico vai dar vida a máis dunha persoa que prefire o pavillón, pois nesa superficie podese sacar unha maior tallada de puntos, e vai abafar a outras persoas, que non se adaptan a terreo tan esixente coa precisión dos golpes. O ceo decidirá!
      Outro acontecemento a suliñar é a presentación oficial do logotipo de Chaínzos-Cadaval. O único equipo da LNB que non tiña emblema por fin o encontrou. Despois de anos de traballo de investigación o equipo da Terra Chá dou coa silueta do primeiro xogador de billarda da Comarca, esta descuberta seica está datada no primeiro cuarto do século XVII. Polo momento, manteñen en secreto o nome desta persoa para non incumprir a Lei de protección de datos. Realmente, o contorno elegante do xogador indica que pode ser devanceiro de… vós mesmas, vós mesmos tirade conclusións.

       Fantan 3 xornadas por xogarse, ou sexa, 75 ptos en xogo. Polo tanto, facer prognósticos é arriscado. Non obstante, as clasificacións mostran tendencias case irrefutables. Así, para o título Individual podemos aventurar que o campión será un destes cinco xogadores: Chousa, Daniel, Manu Pozo, Regueiro ou Sachas. Os postos de finalista LNB 2019 estarían asegurados, practicamente, para 13 xogador@s e dúas prazas estarían aínda no aire. Así, Jorge, Pepe Vidal, Franco, Muriego, Rubén, Paula, Manolo e Noé, deberán loitar ata a última carreira na búsqueda do billete para Compostela. Ademais, ollo que ao coincidir as Finais LNB con eleccións municipais, pode suceder que algunha persoa clasificada teña que renunciar a esa praza por compromisos electorais. Polo tanto, que ninguén perda a esperanza. 
       Na Categoría Feminina, Geni e Paula son as únicas que teñen posibilidades reais para ser campioa de Conferencia, aínda que, a supercampioa Geni ten 18 ptos de vantaxe e semella moita distancia para que a de Chaínzos sexa quen de superala. As prazas de finalista, tamén parecen claras para as dúas xogadoras anteriores máis para Sara e Lorena.
     Na Categoría de Equipos, Carabullo que se mantén ao fronte da táboa clasificatoria desde a segunda xornada deixouse 10 ptos con referencia a Billardeiros nos dous últimos abertos de liga, cousa que comprimiu a distancia entre os dous equipos a 8 ptos. Desta maneira, todo está aberto e dependerá moito do estado de forma dos Catro magníficos de CAR, Chousa, Albino, Charly e Ismael, e de que poidan contar coa presenza de Santi, Manu Caldeiro, Migho, os irmáns Morán e Irea, que por motivos diversos faltaron a algunhas xornadas. BMU tamén se sostén grazas aos seus Catro magníficos, Daniel, Manu Pozo, Markytos e Geni. Franco tivo unha lesión que o penalizou, pero está acercándose ao seu rendemento normal. A ausencia de Coedo é difícil de cubrir e Miguel e Luís Saavedra fan o que poden. En definitiva, equipos moi equilibrados. Troitas Bravas construíu un equipo de presente e de futuro. Esta temporada propuxéronse clasificarse para a final LNB e para o ano van intentar asaltar o Título de Conferencia. Tampouco é que desboten dar a sorpresa en Compostela, pois van presentar un sexteto de moito nivel. 
       Na categoría de varados o Norleste é unha potencia. Non hai máis que mirar a foto do podio da Final LNB 2018 para decatarse que as tres prazas foron para palanadores da Conferencia Mai. As 7 prazas que corresponden á Conferencia aínda non están decididas, xa que, a distancia entre o sétimo posto e o 12 é de 2 varados soamente. Entón, veremos se a choiva obriga a xogar en pavillón e deste modo clarifica as cousas, ou se haberá que esperar a Remourelle para a decisión final.

CONFERENCIA RÍAS BAIXAS

      O marco incomparable da Praza de Fefiñáns será escenario da 16 xornada da Conferencia Rías Baixas. O tempo vai acompañar e o sol axudará a pasar unha tarde formidable de billarda e conversa. A pugna nas clasificacións é o outro ingrediente que condimentará o sábado santo. Na Individual Absoluta, os postos de podio parecen decididos e só falta saber quen ocupará cada posto. O que indica a clasificación actual é que Xan Rodiño ten o título ao alcance da man, pois avantaxa a Ricar en 38 ptos. A segunda e terceira praza, que ocupa Juanma, están separadas por 10 pts, polo tanto, haberá que esperar as prestacións do de Corredoiras e o de Lúa de Forza sobre a pedra centenaria de Fefiñáns. Despois, podemos afirmar sobre as posicións de finalista que hai 22 prazas seguras, salvo ausencia a algunha xornada dos xogadores e xogadoras que as ocupan, e que hai dúas prazas sen definir. E ollo que algunha persoa clasificada pode renunciar, polo que xa comentamos da coincidencia coas eleccións municipais o mesmo día da Final LNB 2019. 
     Na Categoría Feminina, o Título aínda está ao alcance de Adriana, xa que, acurtou a distancia con Bego, despois da última xornada. Agora, son 7 ptos os que ten de vantaxe a de Bueu. Isto vai facer que a Campioa de Conferencia actual teña que esforzarse ata a última xornada, pois a Campioa LNB actual está certificando o seu potencial cunha temporada soberbia. Veremos se lle chega para evitar que Bego se faga co sexto título consecutivo de Conferencia. As prazas de Final LNB están moi decididas e só unha praza estaría en xogo e loitarían por ela Tania, Mónica, Lita e Ainhoa. 

         As Categorías de Equipos mostran dúas facianas ben diferentes. Así, en Equipos está todo decidido e será de novo campión Corredoiras. As outras prazas de finalista serán para Lúa de Forza e Gharaboto. Por contra, en Equipos Femininos, o título está difícil de descifrar, pois aínda que Gharaboto ten máis xogadoras, Valpaços ten 3 xogadoras de moito nivel. Entón, veremos se a consistencia do equipo de Marín é quen de superar ao talento da Terra Quente. De momento, o cadro máis amplio de xogadoras de Gharaboto está superando ao actual campión da Conferencia, mais só por 8 ptos.

         A categoría, sempre espectacular, de varados depende moito das superficies nas que se xogue. Desta maneira, as 9 prazas de finalista LNB poderían variar en dúas ou tres posicións, como moito, porque a vindeira xornada de Cambados vaise xogar en pedra e haberá poucos varados. Despois, sempre que o tempo acompañe, o campo de fútbol de Soutomaior é moi esixente e poucos ou ningún varado se verán. Finalmente, a xornada de clausura será en Marín e os dous lugares que se barallan para xogar son moi diferentes, a primeira opción é o campo de herba da Escola Naval e o segundo o parque Eguren. En fin, pensamos que quen ten 7, 8 e 9 varados pode ver ameazada a súa posición, sobre todo, tendo en conta que Daniel, Chicho, Luís Camiña, Álvaro e Manu están ao axexo.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome