CRONICÓN LNB Rías Baixas e Noroeste

0
129
      Faltan unicamente dúas xornadas para rematar a temporada 2018-2019 e xa temos o primeiro equipo das tres Conferencias LNB clasificado de xeito matemático para disputar o Título Nacional o vindeiro 26 de maio en Compostela. Campo da Feira revalida o título e xa é tetracampión da LNB NOROESTE. O equipo de Paiosaco paseouse polos campos de billarda da provincia, unha temporada máis, pois de 16 xornadas ganou 15. Esta vitoria inapelable debería refrendarse cunha sobresaínte actuación na Final LNB, senón analistas de todo o país volverán a expresar o argumento de que é un equipo para andar por casa e nada máis. Veremos que sucede a finais de maio. 

      Belmira calou bocas e abreu ollos facendo un varado na final. Enfrontouse a Ricar, Lito e Hugo (infantil). Nin a casa de apostas menos conservadora tiña ofertado cantidade algunha pola vitoria da de Valpaços. Quen pillara esa aposta!! O certo é que Belmira entrou por méritos propios no Alboio da Fama da LNB. O seu nome xa forma parte de aqueles xogadores e xogadoras que ganaron algunha xornada LNB. Extraordinaria fazaña para unha palanadora de raza e que non se acovardou ante os potentes xogadores de Corredoiras. O infantil Hugo tivo unha actuación notable e situouse por vez primeira nunha final de xornada. A canteira de Gharaboto empeza a espertar. Se queredes ver o vídeo da xornada pinchade enriba deste enlace (VÍDEO da xornada 15ª xogada en Poio).


    






LNB NOROESTE


      Viqueira, vencedor en Laxe, e Berdillo, segundo, manteñen vivas as poucas esperanzas de MAC para alcanzar a segunda praza de Equipos que ocupa APB e que daría dereito a participar nas Finais LNB 2019. Os dous ex-COK confirman que seguen entre os grandes da Conferencia e de non ser pola crise de fe que os tivo lonxe dos campos durante 1 mes, outro galo cantaría, incluso 4 veces se fixese falta. Edu desprazou a Lito Pena da terceira praza do podio. Polo demais, as prazas de finalista (9) cada vez están máis definidas e Lois Fontán dou unha alancada, case definitiva, para facerse con esa última posición que semellaba estar no aire. De todos os xeitos, non podemos descartar que Enrique e Cotelo fagan un esforzo sobrehumano e … consigan que renuncie alguén dos que está por diante deles na xeral e poidan facerse cun billete para Compostela.
     Este ano a Conferencia máis mediática adiantou a súa recta final para chegar descansados a Compostela. Xa está ben que se rían de nós!, afirmaba Ladito mentres mastigaba a carne asada nun restaurante de Laxe. Ao rematar a xornada de Laxe a comitiva do Noroeste dirixiuse a un negocio de restauración do Concello para conxurarse e rachar co meigallo que acompañou á Coferencia desde a súa creación (2007). Nunca, en ningunha das categorías que se disputan nas Finais Nacionais, ninguén do Noroeste conseguiu o triunfo. Xa vai sendo hora!, dicía Vilas remoendo a dúas fazulas a caldeirada de peixe. 
      Veremos se os conxuros que se realizaron, ao finalizar do xantar, arredor dunha queimada servirán de algo. Non podemos esquecer que o Noroeste este ano ten na categoría Infantil a dous moi serios candidatos ao título, Abel Ponte e Marc Varela, sempre co permiso de Manu Caldeiro e Óscar Caldas. Ademais, Miguel Cancela estará ao axexo por se fallan os catro magníficos, pois por idade, crecemento e forza non pode competir con aqueles, mais si en habilidade e destreza. Entón, veremos que sucede. Nas demais categorías, por suposto, que coma outras temporadas, o Noroeste levará grandes candidatos á Coroza, pero por uves ou por bes nunca levou un Título Nacional.

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome