CRÓNICA XOR 11 LNB NOR A Silva e datos estatísticos da LNB

0
342

Xa está perto a Super Findebillarda do 15 e 16 de febreiro, fin de semana na que coinciden xornadas das 3 Conferencias LNB, despois, xa non haberá outra Super Findebillarda ata o  18 e 19 de abril. Mais, antes diso temos que concluír a crónica da xornada LNB NOR da Silva do pasado domingo.

Pois ben, na Silva sucederon os acontecementos tal e como os imos narrar, sen quitar nin engadir dramatismo nin épica. Empezando pola épica, Abel Ponte puido cos dous primeiros da xeral e dominadores da Conferencia, Collazo e Xan Rodiño, e coas pozas de auga que se instalaron sobre as baldosas da Praza da Feira das Nenas da Silva.

Sumados os ptos da xornada, Abel xa está entre os clasificados para a FinaLNB 2020, agora deberá defender esa posición de privilexio, pois están empatados con el a 161 ptos, Añón, Xulio e Viqueira, ademais de ter a Enrique a 9 ptos e a Gándara, Andrade e Lois Fontán lonxe, pero, estes son xogadores de prestixio e non van abandonar a súa pretensión de que Filloas teña representación na FinaLNB 2020 do último domingo de maio en Compostela.

 

APB ten dificultades con este horario matutino, sobre todo, este afecta aos seus xogadores máis novos e con vida nocturna licenciosa e disoluta. Kevin non está rendendo esta temporada como merece a súa habilidade e capacidade para o golpeo de billarda. Non obstante, igual hai que encontrar este baixo rendemento nas horas de descanso do bailarín amasador, polo tanto, Vilas está preparando unha iniciativa que retrasaría o inicio das xornadas 2 horas. “Se no fútbol hai partidos que comezan ás 13 h, por que non na billarda? A comida pode esperar,… que estades obsesionad@s con tanto comer e tanto nutrirse”,  dixo Vilas mentres se metía entre parede abdominal e columna vertebral un costelar de cordeiro.

 

Filloas continúa cos desencontros entre os dinosauros do equipo e a nova incorporación, Landras. Este pide un trato igualitario en canto ao acceso á equipación do equipo. O bo de Landras, a xeito de reivindicación, presentouse cun camiseiro co escudo de Filloas bordado a man e elaborado con fariña de landra. 

Non obstante, este acontecemento queda en anécdota comparado co acto que protagonizou Gándara, o mestre artesán. Este gran escultor da madeira regalou unha fantástica representación da Torre de Hércules a Lois Fontán, por representar o ideal dunha persoa comprometida coa recuperación da práctica da billarda e ser un dos iniciadores desta aventura LNB NOROESTE. Certo que a reclamación de Landras estivo presente nas mentes dos dous grandes palanadores de Filloas. “Na seguinte xornada, probablemente Landras xa teña a súa equipación oficial… ou non!“, asegurou Lois.

 

Añón padeceu un palanazo na súa perna esquerda. O suceso está sendo investigado, xa que, a fixación do cordel de seguridade do palán dun xogador de Lúa de Forza, cuxo nome non queremos lembrar, saltou polos aires e o palán tomou a dirección do inocente Añón, que nun alarde de axilidade e acrobatismo encaixou o impacto coa naturalidade de quen recibe un aloumiño. Xa que logo, esa suxeición estaba ben fixada ou todo se debeu a unha sabotaxe de dito cordel de seguridade? De momento, non hai sancións disciplinarias na espera do informe do perito da LNB encargado da investigación. Campo da Feira pediu que unha perita externa poida analizar os materiais que están inmobilizados ata que rematen estas pescudas.

 

Aleixo o xogador máis novo da LNB NOR está dando os seus primeiros pasos. Con esta incorporación MAC quere poñer os alicerces dunha franquicia que fixo historia no pasado e soña con repetir laureis.
Edu, pensa que a súa etapa en FEI está esgotada e xa comeza a acercarse a outros equipos que poidan acubillar o seu potencial, agora que está entre os clasificados para a FinaLNB 2020.

 

Aproveitamos que FEI igualou unha marca histórica da LNB, xornadas sucesivas encabezando a clasificación xeral (54), para lembrar datos e marcas LNB.

Billardeiros Musicais, Campo da Feira e Corredoiras dominan as cifras de vitorias en xornadas nas súas Conferencias con bastante claridade, no caso dos dous primeiros equipos, e algo menos, no caso de Corredoiras, quen coincide na Conferencia Rías Baixas con outro dos grandes, Gharaboto. Unindo as vitorias en todas as Conferencias, tanto as actuais como as desaparecidas Sur, Centro e Bezouqueira, a clasificación histórica queda deste xeito.

 

No tocante á LNB NOR, temos, tamén, a clasificación de vitorias individuais. En Marelo xogador@s de equipos non adscritos á LNB NOR.

 

Clasificación de xogador@s segundo as xornadas de liga disputadas

 

Para finalizar estes son os equipos actuais LNB co ano da súa fundación e as xornadas totais que a LNB organizou desde a súa creación en outubro do 2005 (incluídas todas as Conferencias que nalgún momento foron, Sur, Centro, Bezouqueira e Andalucía).

 

 

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome