Crónica social da xornada 11 LNB RÍAS BAIXAS Vilagarcía de Arousa sábado 1 febreiro

0
552

O sábado 1 de febreiro xogouse por vez primeira unha xornada de liga de billarda en Vilagarcía de Arousa. O tempo foi de choiva e vento o que dificultaba o xogo da billarda en exterior, polo tanto, noutra sapiente decisión da organización utilizouse o pavillón de Faxilde para celebrar a 11 xornada da LNB RÍAS BAIXAS. A participación foi de 62 persoas, o que sitúa a media destas 11 primeiras xornadas en 70 participantes. Unha referencia importante é que a participación feminina está situada nun 37 % do total. Algo fantástico se consideramos que a billarda é un deporte de competición mixta. Tamén, nestas primeiras 11 xornadas xogaron ata 8 nenas e 13 nenos en idade infantil, para un total de 21 participantes que naceron no século XXI, algo significativo e esencial, pois, recuperouse a transmisión entre xeracións desta práctica lúdico deportiva. Temos que pensar que esta transmisión foi debilitándose durante o tercio final do século XX e a comezos do XXI a billarda só se practicaba de xeito moi puntual no noso país, como lembranza dos seus momentos de esplendor durante o século XIX e primeira metade do XX.

 

No aspecto deportivo, as forzas igúalanse moito cando se compite en pavillón. Este espazo caracterízase pola velocidade que acadan as billardas no desprazamento sobre a súa superficie. Deste xeito, os tiros directos ou VARADOS son a mellor ferramenta para sumar moitos ptos. O sábado houbo 41 varados, non está mal, nada mal, aínda que está lonxe da marca histórica de 54 varados conseguidos en Domaio, na sexta xornada desta mesma temporada. Unha marca ou circunstancia especial que nunca na historia da LNB se dera foi que no grupo B, a segunda carreira rematou no primeiro golpe, xa que 5 xogador@s entraron no primeiro golpe, ou sexa, cun Varado. Tendo en conta estas características, a competición deixou a CORREDOIRAS (Bueu) como equipo triunfador, dado que ganou nas categorías de Equipo Absoluto e de Equipo Féminas. Nas categorías individuais subiron ao máis alto, Adriana de Valpaços Terra Quente de Vigo na categoría Feminina, Nerea de Armadiña de Poio na categoría infantil e Xan Rodiño de Lúa de Forza de Sanxenxo na categoría Absoluta.
Agora as clasificacións xerais quedan preparadas para iniciar a fase decisiva de campos a ceo aberto, sempre que as nubes o permitan, que o van permitir… “nunca choveu que non…se puidese xogar billarda ao aire libre“.

 

 

 

Non podemos ocultar certas circunstancias acontecidas o sábado en Faxilde que poden ser relevantes para entender as paixóns que levanta este deporte. Así, a realización dun varado en exterior está ao alcance de poucos elixidos, pois, as dimensións do campo de xogo de 50 m de longo e cunha superficie de terra ou herba dificultan lograr esta proeza. Deste xeito, contadas persoas poden acadar este clímax e a correspondente electricidade interna que as percorre. Non obstante, en pavillón democratízase, popularízase, este momento de éxtase místico-espiritual que é a reacción humana despois de conseguir un VARADO. Quen fixo algunha vez un Varado sabe do que falamos. Pon un Varado na túa vida!!

Como exemplo desta situación temos a foto de Albino Caneda co rostro requisado pola alegría e o gozo. O auténtico Albino cazou un Varado.

 

Outra vicisitude ou avatar do xogo levou ao auténtico, ao xenuíno, ao remeiro Fariña… O Fari, a protagonizar a xogada polémica da xornada. Vaia por diante que Fari conseguiu a maior puntuación da xornada (23ptos), a pesar de quedar eliminado no primeiro cruce de eliminatorias. Xa que logo, o verdadeiro Fari quedou sen xogar a final que tanto busca e, nalgunha xornada, incluso merece. No transcurso da final, Xan entrou en 2 golpes, Taxeiro en 3 e Álvaro e Carlos non entraron nos 4 golpes permitidos, cousa que os levou a un desempate a un golpe. Entón, ao rematar os 4 golpes, a billarda de Carlos quedou máis adiante que a de Álvaro e o indocumentado e inculto Fari meteuse no medio da pista reclamando a terceira posición para Carlos, compañeiro de equipo, por ter a billarda máis cerca do varal. Despois dunha demoledora demostración de descoñecemento absoluto do regulamento LNB, Fari desculpouse e retirouse a meditar a un curruncho do pavillón. Desde BIGAL, xa encontramos varias posibles solucións para o analfabetismo regulamentario de Fari. Nas fotos de abaixo vense as posibles clonacións que se poden facer co corpo de Fari para solucionar as súas deficiencias cognitivas.

 

Esta solución hai que aplicala canto antes, xa que, o paciente está grave. Observade senón o compartamento do audaz Fari na entrega de premios e como golpeou unha billarda durante o xogo.