CRÓNICA LNB RÍAS BAIXAS. Charri farto do seu papel secundario descubre as tensas relacións dentro de COR

0
288

Unha tarde calurosa nas instalacións do Colexio San Narciso en Marín. Nun lateral do terreo de xogo, un lugar en sombra foi o salvador dos participantes. E outro Salvador, Charri, foi o protagonista dun resultado extraordinario, 30 ptos, que axudaron a unha vitoria inesperada de Corredoiras. Pero, este suceso foi o detonante, a pinga que encheu a cunca e fixo mollarse a Charri. Reproches, críticas e queixas do Mexicano de Beluso.

“Mirade o que pasa cando non veñen xogar as figuras de COR, os números 1 do equipo, os catro xinetes da Apocalipse !! Arrasamos sen eles. Desta vez puiden xogar con liberdade sen deixarlles ganar como sempre me mandan. Si, as ordes de equipo son sempre as mesmas, hai que deixarlle ganar a Ricar, a Bego, a Fari ou a Lito. E os demais que somos? Estrume, compost? Veña home, eu para o ano vóume para Lúa de Forza”.

Duras e sinceras palabras do enorme palanador e monologuista de Beluso. Xa sabiamos que non era platino todo o que relucía en Corredoiras e por fin alguén se atreveu a poñer as cousas no seu lugar. Non podemos imaxinar que sucederá nas vindeiras horas no Bicampión LNB. Por se acaso a aventura de Charri como Corredoira se acaba mostramos a xeito de homenaxe as imaxes da evolución física que experimentou Salvador Solla Santos, Charri, desde que entrou na disciplina d@s atletas. Obvio que foi un deterioro permanente. A cor verde igual lle favorece e comeza un rexuvenecemento para a temporada que vén.

 

O outro protagonista foi Daniel O Rinoceronte, quen ganou a súa terceira xornada LNB, primeira desta temporada, despois de superar unha lesión de xeonllo que lle impedira participar na xornada anterior de Bueu. O Rino de Vilalonga ten un golpe moi potente e case tan brutal como o do outro Rino, CHE. Ademais, o seu golpeo é estético, aínda que cun alto grao de incertidume na súa execución. Ou sexa, a veces golpea ao aire de maneira impetuosa e salvaxe.

 

Estas son as actas de Grupo e as de Cruces eliminatorios. Sinalar que os campos de terra contaron co vento a favor, cousa que dificultaba máis a precisión. A pesar de todo, houbo varios golpes de Che o Rinoartilleiro que saíron por fondo de Varal. Nun deses golpes estratosféricos do de Moscoso a billarda entrou como cohete que leva o demo… AEREO VARADO. Martiño Castro fixo outro Varado máis humano, entrando a rolos polo chan. Desde que practica balonmán desenvolveu un brazo dereito máis musculado que o de Rafa Nadal.

 

A xornada presaxiaba unha devacle para Corredoiras, que presentou ao seu quinteto menos bo, ou a palanador@s non tan ben clasificados como @s ausentes. O gran beneficiado semellaba Gharaboto. Ben, as cousas sucederon ao reves.

 

Houbo palanadores noveles que conseguiron poucos ptos, mais amosaron gran técnica e vontade. Ademais, a Reserva Natural de Rinoceronte en Vilalonga produciu as primeiras especies de Rinos en cautividade e xa están incorporándose á LNB.

 

En fin, seguiremos analizando a actualidade da LNB RÍAS BAIXAS nos vindeiros días. Estaremos pendientes das reaccións que sucedan en Bueu.

 

En Féminas hai que estacar a actuación magnífica de Mónica Padín, quen estivo a piques de entrar na final a 4, só Daniel puido con ela no golpe de desempate das semifinais.

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome