CRÓNICA LNB NOROESTE 17 xornada Leiloio-MALPICA

0
157
        A xornada disputada na pradeira do Campo de fútbol de Loiloio (Malpica) volve a sementar a polémica pola posible utilización de material ilegal. De todos os xeitos, imos deixar este tema para o final da crónica, xa que, isto non pode diluír a consistente vitoria e non menos apoteósica exhibición da Araña de Peisaco, o indescifrable palanador, anarquista e amante do licor café, Edu García, quen para a ocasión tivo a ben botar man das súas antilentes de visión diurna que non teñen cristais, pero intimidan ao sol.
       Pois ben, no terreo verde de Loiloio a herba e as flores primaverais chegaban aos xeonllos cousa que dificultou os golpes. Un único home soubo superar estes atrancos. Este foi o heroe que toda a poboación infantil quere imitar, o home araña de Campo da Feira. Edu extendeu a súa arañeira sobre o aire de Malpica e nela foron caendo rivais e compañeir@. Mesmo, na final, atou de mans e pernas aos seus compañeiros Añón e Óscar Ponte que non foron quen de entrar en ningunha das tres carreiras desta final. En definitiva, non hai quen estea á altura de EGASA en prados, pradeiras, veigas e gándaras. En Categoría Infantil ganou Abel e na Feminina Merche.  

        As puntuacións foron  baixas, só Juanca e Edu estiveron en números que podemos considerar magníficos. A dificultade do terreo, a proximidade das Finais LNB, a fatiga do final de temporada, o día electoral… todo se xuntou para favorecer unha xornada mediocre en canto a produtividade de puntos. Isto fixo que poucos ou ningún cambio se producisen na xeral. Collazo faise co seu 5º título consecutivo de LNB NOROESTE e co 4º de Varados. Merche consegue o seu 3º título na Categoría Feminina, tamén de xeito consecutivo e Cruz asegúrase a segunda praza de finalista LNB 2019. Na Categoría Infantil Abel Ponte adiantou a Miguel Cancela e agora supérao por 4 ptos. Vai estar emocionante a última xornada. Na categoría de Equipos Campo da Feira xa se fixera co Título na xornada anterior e nesta estaba no aire o segundo posto de finalista LNB 2019. Despois de sumar os ptos, APB mantense nesa praza con 37 ptos de vantaxe, unha cifra que consideramos máis que suficiente para non pasar apuros en Ponteceso o vindeiro 12 de maio. Na Categoría de Varados unha das prazas está no aire e decidirase no aire do MELGA en Ponteceso entre Roi, Edu e Kevin. Faranlle a pinza os xogadores de APB para afogar á Araña de Peisaco ou, pola contra, o superheroe envolveraos coa súa tea de araña? Haberá que acudir á última xornada para comprobalo.
     Ase mesmo, as prazas de finalista LNB 2019 na Categoría Individual Absoluta, consideramos que están decididas, salvo, accidente, enfermidade, indisposición ou sabotaxe que lle impida a algún dos 9 primeiros clasificados achegarse o 26 de maio ata Compostela. Para que Cotelo alcanzase a novena praza de L. Fontán necesitaría a axuda divina e Santa Marta xa hai tempo que non fai un milagre na zona. Daquela, Collazo, Juanca, Edu e Xulio de FEI, Roi Rey e Kevin de APB, Gándara e Lois Fontán de FIL e Lito Pena de MAC darono todo en Compostela para acadar a tan cobizada Coroza Nacional.

     Como diciamos no comezo da reportaxe, a polémica estivo presente en Leloio e a sona da LNB NOROESTE mantense no máis alto. Para mostra esta nota que chegou á nosa redacción. Nota asinada cunhas misteriosas iniciais. Vós mesmas, vós mesmos tirade as vosas conclusións. 

       Outra cousa, os vídeos gravados polo noso corresponsal EGASA están outra vez retidos no Comité de disciplina da LNB. Non se poderán publicar ata que este decida sobre a irregularidade cometida por un xogador ao usar un calzado, presuntamente irregular.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome