CRÓNICA domingo 13 NOROESTE

0
180

     O Campo da Feira de Paiosaco foi o sitio elixido para a disputa da xornada 10 da Conferencia Noroeste. Este lugar quedará na memoria da LNB como escenario da primeira vitoria no Noroeste dun xogador en categoría infantil desde que a billarda chegou á provincia da Coruña (2007). Tiveron que pasar 11 anos e moito esforzo de divulgación e fomento da práctica deste xogo centenario. A vitoria de Abel Ponte Castiñeiras indica que esta aventura chamada LNB chegou ao limiar do século XXI coa firme intención de quedarse. Durante moito tempo, a conferencia Noroeste sobreviviu grazas a un grupo pequeno de persoas que fixeron a milagre de espallar este deporte e que non se deixara de practicar na provincia. Os medios que usaron e usan son humildes, pero moi eficaces, xa que, están compostos de amor e paixón. Unha das claves da supervivencia desta conferencia foi que empezaron a xogar nenas e nenos, cousa que durante moitos anos foi imposible ver. Parabéns compañeir@s ! Nunca antes se vira 9 xogador@s competindo nunha xornada de liga Noroeste.
     

      Abel é un dos talentos infantís de Campo da Feira, e esta temporada vai poñer en apretos a Manu Caldeiro, gran favorito para o Título Nacional da Categoría, nas finais de Compostela. Ademais, Kevin continúa a súa progresión e xa se sitúa no quinto posto. Roi apretou nesta xornada, despois de ver como na anterior a puntuación de corte para as finais LNB se acercaba á del. Na loita polo título, Juan Carlos restoulle 6 ptos a Collazo. Magníficas as prestacións de Lito que o fan chegar na xeral ao terceiro posto. Andrade estivo a un nivel excelente. Collazo e Xulio Ponte acadaron os 15 ptos que lles permiten manter as posicións privilexiadas que ocupaban. Gándara empeza a tensar a musculatura, pois faltou a unha xornada e o perigo de quedarse fóra dos postos de finalista é evidente. 

     Coma en anos anteriores os postos de finalista van estar emocionantes ata o final, aínda que semella que as única prazas que estarían no aire serían a oitava e novena que ocupan os dous filloeiros, L. Fontán e Gándara. De todos os xeitos, unha mala xornada e o que parecía seguro vólvese incerto, como lle sucedeu nesta xornada a Edu, que obtivo a puntuación máis baixa da temporada con 10 ptos e veuse superado por Lito e Kevin situouselle a un pto. En canto ao título, será cousa de dous, e desta vez Juan Carlos quere aguantar ata as dúas últimas xornadas con posibilidades. O todo poderoso Collazo cando non está fino non baixa dos 15 ptos e cando ten o brazo nas brasas supera folgadamente os 20. Daquela, misión (im)posible para Juan Carlos? Verase e oirase.

     Na categoría feminina Merche continúa en cabeza e sen ameazas cerca. A pugna importante vai estar por ver quen ocupa a segunda e terceira posición do podio. Cruz supera en 2 ptos a Mariña, pero claro, tendo en conta que a puntuación media da de MAC é superior á xogadora de FEI, intúense emocións fortes para certificar estes postos. O cuarto e quinto posto tamén terá dúas xogadoras interesadas en conseguilo. Carmela avantaxa a Aurelia en dous ptos. Xuventude contra veteranía, inquietude contra serenidade, fortaleza contra seguridade. En fin, guerreiras bergantiñáns en busca do podio prometido. 

   Abel e Miguel seguen nas dúas primeiras posicións. Abel é gran favorito, tanto por potencial como por idade. De todas as maneiras, Miguel evoluciona o seu xogo en cada xornada e cando encontra un terreo que favorece o seu xogo estilo araña acada moitos ptos. Marc estaría tamén na loita se non tivera faltado a 3 xornadas. O xenial desta categoría infantil é que todos os equipos da Conferencia teñen algún xogador ou xogadora en idade infantil. Sinalar tamén, que nunha hipotética final de Equipos Infantís, Campo da Feira tería as de ganar. Ningún outro equipo LNB ten este potencial infantíl, tal vez, se lle acerca un anaquiño Armadiña.

      Os equipos manteñen as súas posicións. FEI non ten rival á súa altura. APB e MAC continúan desfollando o millo, pois só pode ir un dos dous ás finais LNB. APB, co asesoramento do exitoso director deportivo de Troitas Bravas (SACHAS), está reforzando o equipo de xeito acertado. Tanto na súa sección feminina con Antía, como na infantil con Joaquín. Ademais, no seu día, J. Vilas, apostou por Kevin, unha fichaxe arriscada, pois o mozo non procedía de ningunha escola de billarda, e agora está recollendo os froitos do seu xogo. 

    Destacamos a incorporación de dúas promesas da billarda, Joaquín e Iago. Proveñen das dúas escolas de billarda da Laracha. Como se pode apreciar, cada escola ten a súa técnica de golpeo moi definida. Observade senón as fotos de Joaquín e Iago. O primeiro arma o brazo desde a posición “Collazo”, en cambio Iago faino desde unha posición máis alta. Isto lévanos a facer a seguinte reflexión: se Joaquín (escola APB) arma o brazo ao xeito Collazo (FEI), será que o Lenin de Gabenlle está no GULAG de APB formando a futuros marxistas-leninistas billardeiros?
    Tamén, nos parece reseñable a pobre actuación da araña de Paisaco, EGASA. 10 ptos para un xogador da súa categoría interprovincial non son puntos. As causas desta mediocre actuación hai que encontrala nas fotos da súa asistencia a un convite enolóxico-gastronómico ata altas horas da madrugada do domingo 13. 
     Finalmente, Kevin continúa nun estado de forma excelente e non nos estrañaría nada que se fixese co recoñecemento como xogador de maior progresión da LNB.
JOAQUÍN APB SANTA MARTA

IAGO CAMPO DA FEIRA

EDU CAMPO DA ARAÑA

KEVIN APB SANTA MARTA

ABEL CAMPO DA FEIRA

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome