CRÓNICA 9 XORNADA PONTEVEDRA

0
144

       Xornada magnífica de billarda no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (Pontevedra). Os campos de herba habilitados foron tan esixentes que houbo algún xogador que, literalmente, comeu herba. Pero, sobre todo, destacamos a presentación en sociedade da APALPADORA. Tiñamos novas da existencia do Apalpador, pero o que sempre se nos ocultou foi que, antes de que aparecera esta senlleira figura arquetípica da cultura galega, xa camiñaba por corredoiras e camiños a Apalpadora. Si, pode ser un terremoto antropolóxico de dimensións incalculables. Se demostramos que foi antes a figura feminina que a masculina, o patriarcado e con el a visión masculina da sociedade pode ter os días contados. Mais, como esta é unha misión de moitos anos, o que podemos afirmar con rotundidade a día de hoxe é que a APALPADORA existe e estivo xogando á billarda en Pontevedra. 

Fari acercouse a sumar os puntos, pero non lle deixaron, pois aínda está sancionado pola súa suma de Moscoso (5+4+4+5+4=20)

A boina do Apalpador tivo a competencia dos gorros nórdicos
ALBERTE Rinoceronte

Alimentación necesaria nunha xornada sen descanso entre carreiras

CATEGORIA ABSOLUTA do EQUIPO
CHE RINOCERONTE PONTEVEDRA
FARI CORREDOIRAS BUEU
XAN RODIÑO LÚA DE FORZA SANXENXO
CATEGORÍA FEMININA do EQUIPO
BEGO CORREDOIRAS BUEU
LU LÚA DE FORZA SANXENXO
MACHI ARMADIÑA POIO
CATEGORÍA INFANTIL do EQUIPO
JUANMA LÚA DE FORZA SANXENXO
OSCAR ARMADIÑA POIO
YAIZA VALPAÇOS TERRA QUENTE VIGO
CATEGORÍA EQUIPOS
CORREDOIRAS BUEU
LÚA DE FORZA SANXENXO
GHARABOTO MARÍN

PARTICIPACIÓN
TOTAL 87
Homes 55
Mulleres 32

      A tarde foi esplendorosa. Xogouse en 6 campos e, polo tanto, todos os grupos xogaron ao mesmo tempo. En hora e media rematouse a fase de grupos. Unha xornada máis, o equipo Campión Nacional fíxose coa vitoria. Nesta xornada houbo moita máis igualdade que na anterior xogada en pavillón. Así, entre o cuarto, Rinoceronte, e o primeiro, Corredoiras, houbo 9 ptos. Lúa de Forza quedou segundo a 3 ptos do equipo de Bueu e Gharaboto foi terceiro a 2 ptos do equipo de Sanxenxo. Despois, Armadiña chegou aos 54 ptos, Laxe de Rons aos 42 e Valpaços quedouse en 33. Andarela fixo 1 pto. O equipo feminino de Corredoiras tamén se fixo co triunfo na súa categoría, empatado co de Lúa de Forza. Valpaços foi terceiro e Gharaboto cuarto. Armadiña foi quinto e Laxe sexto. 
       O equipo de Poio segue aumentando o seu cadro de xogadores e xa son 29. Nesta xornada debutou Pablo Argibay. Toda unha marca LNB. Tamén, Valpaços, o segundo equipo máis numeroso de toda a LNB, fixo estrearse a Henry, e xa son 25. O mesmo fixo Lúa de Forza co infantil, Ángel Esperón, e xa son 16. Magníficas noticias que siga medrando a comunidade LNB.

       Che de Rinoceronte foi o triunfador da xornada. Ben certo que xogaba como local e nun terreo que se adapta perfectamente ao seu golpeo salvaxe e indomable. A pesar de que os seareiros do equipo pontevedrés quedaron descontentos polo último golpe do Rino (a poucos centímetros da liña de varal, en lugar de golpear a billarda como se merece, apenas deixou que a billarda golpeara no palán), debemos destacar a súa grande actuación durante a tarde. Unha vitoria que o eleva ata as posicións de honor, e agora xa non descarta optar ao título. Non podemos esquecer que atravesou uns meses de durmir pouco e facer moitos biberóns, cousa que afectou ao seu xogo. Porén, está de volta o guerrilleiro de Moscoso. Parabéns. 
2º-FARI                    1º-CHE                  3º-XAN
         O líder consolidou a súa posición, tanto pola súa boa actuación, 20 ptos, como pola mala de Ricar, que continúa mancado no lombo, e Luís Pirucha. A lesión de Ricar impídelle golpear correctamente e ademais prodúcelle dor cada vez que o fai. Pero, o palanador de Bueu quixo acudir a estas dúas últimas xornadas para conseguir algún punto que non o distancie definitivamente do primeiro posto e manteña a raia aos seus perseguidores, pois se chega a faltar non sumaría ningún punto e, así, polo menos, sumou 10 e 11. O caso de Pirucha é diferente, xa que, se na xornada pasada xogada en pavillón é comprensible que puidese ter dificultades, dada a súa técnica de golpeo, o que non ten explicación é o resultado desta xornada 9. Un campo perfecto para o seu golpeo e, non obstante, só sumou 7 ptos. Os servizos psicotécnicos de Gharaboto estanlle facendo probas diagnósticas para encontrar a causa deste baixón de rendemento. Por outra banda, están os beneficiados e a beneficiada desta xornada, que son Bego, Salva e Che. Bego alcanza o terceiro posto e non se alonxa das opcións de título. O rendemento da de Bueu é espectacular. Mantén as posibilidades de poder ser a primeira palanadora, na historia da LNB, que consiga un Título Absoluto de Conferencia. Salva continúa firme no seu empeño de loitar ata o final polo título. Os dous ameazan ao, noutrora, coroceiro, Ricar.  A subida de Che na táboa é comparada á do partido laranxa nas eleccións catalás. De todos os xeitos, non descartemos a Ricardo Lois, Manolo Fariña, Daniel e Juanma para entrar na disputa do título. Hai que esperar a ver se o inverno chega chuvioso ou non. E ollo que Luís Camiña, que alcanzou os 21 ptos, xa está no posto 12, aínda faltando a dúas xornadas.  
POLÉMICA DA XORNADA
     

          JUAN CARLOS                     XULIO PONTE                     COLLAZO
      Todo parecía transcurrir coa normalidade dunha xornada LNB Rías Baixas, pero o Virus Noroeste estaba preparado para actuar ao final da fase de grupos cando os puntos alcanzan máis transcendencia e as temperaturas baixan. Este virus é moi eficaz en ambientes húmidos, fríos e sombríos. Para empezar o relato cunha orde lóxica diremos o seguinte. Os nosos irmáns do Noroeste chegaron á hora prevista. Sorrisos e saúdos amistosos, incluso algunha palabra agarimosa. Viñeron a Pontevedra Juan Carlos, Xulio Ponte, Collazo de Campo da Feira, e Julio Vilas e Merche de APB Santa Marta. Ninguén podía aventurar o que sucedería máis adiante. O azar ten os seus obxectivos, algúns inofensivos, outros malévolos. Quixo que no mesmo grupo competiran Xulio, Collazo e Julio Vilas. Trémenme as mans sobre o teclado ao lembrar a xogada. A moitos e a moitas de vós viranvos á cabeza imaxes pasadas cando leades os feitos. Por favor, ide con coidadiño ao ler, pois as palabras poden ferir algunha sensibilidade.
       En  definitiva, a billarda golpeada por un palanador de Campo da Feira, seica bateu dentro da liña e volveu para fóra. Para vela habería que ter instalado o ollo de moucho, pois nin co VAR se podería tomar unha decisión acertada. De acordo, ata aquí é unha xogada que xa se dou nas finais 2016 e que se resolve sempre coa decisión do xuíz de campo. O que fixo mover os alicerces da Ponte dos Rirantes foi que seica o xuíz de campo veuse ameazado polo virus noroeste e non tomou a decisión libremente. O efecto deste virus é letal. En poucos minutos empezas a sentir un malestar intestinal e tes que buscar un escusado para solucionalo.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome