CRÓNICA 9 xor LNB NOR Paiosaco. Viño de Riveiro para APB e rexuvenece FILLOAS

0
403

A xornada de Paiosaco estivo marcada pola resolución dun conflito interno nun dos equipos da Laracha, APB. Para introducir o tema dicir que APB decidiu, mellor dito, unha parte do equipo, decidiu modificar o seu nome para esta temporada, cousa que sentou mal a outra parte do equipo. Na súa fundación APB denominábase APB Santa Marta. Pois ben, este ano perdeu a Santa, non sen unha división interna que está afectando ao rendemento do equipo. O equipo finalista LNB nas dúas últimas temporadas está fóra deses postos e non podía esperar máis a solucionar este mal entendido ou atranco funcional. Antes de empezar a xogar un negociador LNB fixo de intermediario para resolver o problema. E ben que se notou. APB recuperou 7 ptos de desvantaxe con relación a MAC e xa se sitúa a 9 ptos desa tan ansiada praza de finaLNB 2020.

Comezou a intermediación co recoñecemento por ambas partes do conflito
A primeira proposta de solución non foi aceptada por APB Santa
Finalmente, chegouse a un acordo intermedio grazas á intervención de Araña “O NEGOCIADOR”

 

Outro acontecemento destacado foi a incorporación como novos practicantes de 4 xogadores e 4 xogadoras, ademais da recuperación para a LNB de Martín Bocixa e Riveiro. Filloas de Sangue continúa coa súa política de fichaxes para este mercado de inverno, xente nova e con proxección. Así, desde A Coruña e da Cooperativa Fontán e Bestilleiro chegaron media ducia de persoas cunha media de idade sorprendentemente menor que a dos outros integrantes de Filloas. Campo da Feira recuperou a Martín Bocixa despois dunha grave lesión que o tivo no dique seco desde a temporada pasada. O equipo necesitaba un zurdo para afianzar as súas opcións ao Titulo Nacional. Tamén, incorporou a unha nova xogadora, Estel e a un infantil máis, Marcos. En fin, que ledicia ver como a familia LNB medra e medra.

Na pista, a contenda foi, desta vez, bastante equilibrada entre os equipos. O único que tivo un rendemento baixo foi Filloas de Sangue. O equipo da Coruña debe acoplar a tanta fichaxe e, ademais, Landras, Fontán e Gándara chegaron bastante cansados, xa que, o día anterior competiran na Conferencia Norleste. Era o momento de usar as Billagras, pero o capitán do equipo non se decidiu por ese modelo e a pista costa arriba de Paiosaco penalizou o fino golpeo de Filloas.

 

Así, as cousas quedan a lume de Viqueira… e de Berdillo. En equipos, a segunda praza de finalista LNB está ocupada por MAC e a 9 ptos xa se sitúa APB. O equipo sen santa leva dúas xornadas competindo con poucos efectivos e, curiosamente, nestas dúas xornadas restoulle 12 ptos a MAC. Tamén, coincidiu que faltou a estas dúas xornadas Kevin… que cada quen tire as súas conclusións. Riveiro é a incorporación máis mediática de APB. Riveiro escolleu APB no canto de FEI, por algo sería.

VILAS con Riveiro. “Penso que nun equipo cun vestiario menos problemático que o de FEI podo xogar máis tranquilo e evolucionar o meu talento natural“, dixo ante o noso reporteiro o alegre Riveiro.

MAC xa ten a Litopótamo recuperado e a Berdi e Viqueira entre os 8 mellores da categoría individual, mais a cuarta puntuación que suma para o equipo é súa debilidade. Están preparando con sixilo o campo de Pontoxo-As Encrobas. Estanse asesorando con Chaínzos-Cadaval, xa que lles pareceu acertada a decisión de meter area no campo de herba de Castro de Ribeiras de Lea. Van facer coma o equipo chairego e meter trampas de area na zona de herba do campo de Pontoxo, xa de por si complicado, pois hai unha primeira parte en cemento e unha parte final en herba. Filloas deberá seguir adaptando a tanto palán novo que incorporou. Campo da Feira só pensa na FinaLNB 2020 e cren que este ano si traerán o Título. O que sucede é que hai unha variable que igual se volve contra eles… van ter unha loita interna para ver quen viste a zamarra. Nestes momentos están fóra dos 6 primeiros do equipo grandes palanadores como Charly, Juan Carlos, Abel e Migui…

MIGUI CANCELA e LUCAS VARELA

Nas categorías individuais, os líderes están moi sólidos e tanto Lu como Xan Rodiño non mostran debilidades. Onde está o interese real é nas prazas de finalistas. Grandes palanadores están fóra destas prazas por diferentes motivos. Añón, Enrique, Juancar, Charly, Gándara e Abel perdéronse algunha xornada, pero son xogadores que manteñen as súas opcións intactas. En féminas, as prazas están en posesión de Merche e Mariña. Non obstante, Mariña vai ter imposible acudir á final o último domingo de maio, entón Cruz e Aurelia deberán loitar por esa praza. En Infantil, Abel sitúase líder despois do seu triunfo nesta xornada. Migui e Marc continúan moi cerca de Abel, e polo tanto, con todo por decidir.

 

Nestes vídeos de embaixo vemos GOLPEOS MAGNÍFICOS. Poden servir para obxervar os diferentes xeitos de golpear e todos eficaces… Golpes como O Castiñeirazo, O Cotelazo, O Laico, O Litopótamo…

 

 

Despois, estarían outros vídeos moi didácticos para mostrar os erros cometidos na execución da noble arte de golpear unha billarda…

 

E finalmente, está este vídeo pedagóxico-espiritual onde se atenta contra o segundo mandamento da Lei da Billarda: “Non tirarás o palán contra o chan nin consentirás ter pensamentos de facelo”.

Vindeira xornada Pontoxo- As Encrobas, Cerceda, 26 xaneiro.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome