CRÓNICA 9 XOR LNB NOL Riotorto

0
428

A prensa independente e imparcial eloxia os logros deportivos dos equipos da Chaira, especialmente, a fazaña de Carabullo. Ademais, temos as duras, pero, sinceras e francas declaracións de Ismael García, “Xa era hora. Foron moitas xornadas sufrindo un trato irreverente desde os xornais da Mariña. Agora, deixamos de ser o equipo invisible para ser o equipo invencible. Prometemos traer o primeiro Título de equipo para Ponte de Outeiro. Este ano iremos preparados para superar o ambiente hostil que sempre nos preparan en Remourelle”.

 

Sen dúbida os equipos da Chaira están animando a Competición e de que xeito. Estes son as cifras de participación de cada equipo. Parte do éxito do aumento de participantes encontrámolo en CHA e en TRA, que forman o cadro de xogador@s máis numeroso da Conferencia.

Chaínzos-Cadaval presenta a media de xogador@s por xornada máis alta, con bastante diferenza. E xa ten 22 xogador@s no seu cadro de persoal. Os resultados están confirmando o enorme acerto de Kiko ao pedir ese crédito persoal para afrontar a incorporación das fichaxes estrela de Javier, Bonxe, Lucho, Delia, Vero, Vivi e Caski. “Estarei pagando o crédito ata o 2025, mais pagou a pena“, afirmaba Kiko satisfeito coa súa xente.

 

Troitas continúa coa súa filosofía de… a Guti rogando e co palán petando. O equipo troiteiro tomou unha arriscada decisión hai 4 temporadas, a de incorporar a Navallo, unha aposta persoal de Sachas, coa que Guti non estaba de acordo, nun principio. Pouco a pouco, o palanador asturianogalego demostrou que arredor del podíase construír o proxecto TRA 2021. O mago de Castropol ten maxia no palán e cando non a ten, téñena os seus compañeiros e compañeiras. A “Varita” ten poder.

 

Billardeiros Musicais segue a ser o Tricampión Nacional e 10 veces campión de Conferencia, algo que o fai único e inimitable. Ademais, esta temporada conseguíu dar o relevo a Juan e Coedo coas incorporacións de Felix, Basilio, Paco e Julio. Con estes veteranos xogadores chegou unha nena que ten algo especial no seu golpeo. Sería moi arriscado dicir que será o relevo de Geni, non obstante, tomando o seu exemplo poderá namorarse deste deporte e chegar a dar golpes máis espectaculares aínda.

 

Esta temporada Xan Bagaria está tirando do equipo, como xogador con máis temporadas de experiencia, non obstante, Madia Leva ten un fenomenal equipo de futuro, pois, achega 4 xogador@s en idade infantil, d@s 9 que hai competindo na Conferencia.  A alegría que manifestan Maré, Mateu, Diego e Moraima  é alimento para os espíritos das persoas adultas que xogan ao seu carón. Por favor, seguirdes agasallándonos con eses sorrisos inocentes cada xornada. Desde o sábado, é coñecido como o equipo Billardín.

 

Carabullo é o eterno candidato a un título que sempre se lle escapou. Perdeu o Título de Conferencia na última xornada da temporada pasada, e o Título Nacional tívoo perto dúas temporadas nas que foi segundo e outras dúas nas que foi terceiro. Este ano será… ou non será, aquí está a cuestión! De momento, están poñendo todo da súa parte. Incluso, neste mercado de inverno, reforzaron o equipo coa incorporación do mediático corredor de rallys, Sandamil. O copiloto chairego promete velocidade nas curvas e entrar por diante das demais billardas na meta.

 

A franquía histórica de Remourelle está atravesando o deserto do desacerto nas fichaxes. Hai un par de temporadas Suso, puxo un aval de 2000 euros para fichar a Flores e a Xermán. Pois ben, a Xermán xa se lle coñece polo Dembelé galego. Xogou menos da metade das xornadas desde que fichou polos Bulls. O caso de Flores é diferente, pois a súa fichaxe pretendía ter un efecto psicolóxico sobre o resto de xogador@s. En fin, o único que mellorou no equipo foi a bodega de Suso, que xa ten os 3000 litros de Ribeiro.

 

Billarda Verde conseguiu as incorporacións de Sara e Manu e mantén unha presenza por enriba de 4 en cada xornada, e olliño cando Leda poida agarrar o palán. De momento, xa se fixo cun Billardín. Esta temporada Seixas está desatado e despois de subir ao podio da xornada vai camiño de clasificarse para a finaLNB 2020. Sara é terceira na categoría feminina. Lola Eiras e Iván Alonso faltaron a 3 xornadas e isto impediu que o equipo teña unha media de participación máis elevada.

 

Castiñeiro Milenario é o benxamín da Conferencia e debe superar este primeiro ano de adaptación. Ten 5 xogador@s e sabemos que van comezar a dar cursos formativos de billarda desde a Asociación. Ademais, xa están preparando o Festival 27373 Begonte 2020 e queren ter ao coroceiro 2020, que aínda non se sabe quen será, dando unha conferencia. Ademais de organizar o Aberto Festival 27373 Begonte preparan un reto-concurso. Este consistirá en que calquera asistente ao Festival poderá retar ao Coroceiro e se consegue derrotalo levarase un agasallo.

 

Sachas, pola súa parte, estivo tan ocupado preparando os billardíns que se esqueceu de cerrar a ventá do seu taller e o frío da madrugada luguesa non tivo clemencia coas súas cordas vocais. O Billardín é froito do seu esforzo e talento gráfico. Sachas, rexistra pronto o prototipo que xa se sabe de varias imitacións de billardín que se venden en bazares chinos.

 

 

Charly camiña cara ao seu cuarto título e converterse, deste xeito, no palanador con máis títulos LNB NOL, incluso por enriba do tricampión Nacional Markytos, quen ten 3 Títulos NOL. Markytos é un valor seguro e a pesar de faltar 2 xornadas está entre os 10 primeiros. Seixas está nun momento de forma fantástico e desta vez si que si, que logra praza de finalista LNB 2020.

 

Os trofeos entregados foron froito da colaboración dos ferreiros de Riotorto con Sachas. Unha perfecta combinación entre a madeira e o ferro cun acabado brillante e sobrio. Vemos na imaxe como Flores está facendo fotos para que Muriego poida copiar o modelo e, así,  nas vindeiras xornadas entregar sempre agasallos a tod@s @s pícar@s participantes. Que brillante idea tivo Sachas, Sachas!

 

Cremos que a iniciativa de ter petiscos ao final da xornada é xenial para aumentar a participación. Incluso se podían repartir algún pto para quen entre primeiro na mesa… non temos dúbidas que Troitas acadarían moitos ptos por diante de Chaínzos. Observade a imaxe de abaixo.

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome