2ª XOR LNB RÍAS Sanxenxo

0
396

A segunda xornada da LNB Rías Baixas tivo como ganador a Fari, de Corredoiras de Bueu. A pesar do tamaño do material que utiliza Fari, cada billarda é máis pesada que Charri con dúas copas de albariño, foi quen de golpealas e que atravesaran a liña do varal con gran facilidade. Juanchi foi a revelación da xornada e quen sabe se da temporada. O xogador de Pontesampaio que xoga con Lúa de Forza está experimentando unha metamorfose sorprendente. A irregularidade que o caracterizaba semella que dou paso a uns golpes firmes e potentes. No equipo confirman que o tratamento hormonal que está seguindo para modificar a voz pode estar na raíz deste progreso meteórico. Houbo que chegar a un golpe de desempate entre Fari e Juanchi para decidir o ganador.

Só cinco xogadores conseguiron 20 ou máis ptos. Ademais dos dous primeiros clasificados que superaron esta cifra, Juanma e Álvaro chegaron aos 20. Caso aparte é o de Cho, que fixo pleno de ptos na fase de grupos e só un golpe fantástico de Tania no desempate do primeiro cruce deixou fóra da carreira polo podio ao xogador de Armadiña.

Para tomar conciencia da dureza e dificultade do campo de Montalvo sinalar que 26 xogador@s non conseguiron entrar en ningunha das 5 carreiras, ou sexa, un 36 %. 20 competidor@s acadaron entre 1 e 9 ptos, ou sexa, un 28 %. 21 competidor@s estiveron entre 10 e 19 ptos, un 29%. E só o 7% obtivo 20 ou máis ptos (5 xogadores).

 

En canto ao rendemento dos equipos, podemos considerar que houbo sorpresa, tanto en equipos femininos como absolutos. Deste xeito, Lúa de Forza, fíxose coma vitoria grazas á enorme actuación de Juanchi, secundado por Juanma, Xan e Carolo. O todopoderoso Corredoiras tivo que baixar as orellas e consolarse coa vitoria individual de Fari. O equipo de Bueu tivo mellor rendemento das súas féminas e coa participación de Golo e Yu conseguiron derrotar ao actual campión Valpaços Terra Quente, por un único puntiño.

Tania estivo fenomenal e subiu ao primeiro posto na categoría feminina, deixando no segundo e terceiro posto ás Campioas LNB de Corredoiras, Bego e Chefa. A xogadora de Vigo ten un gran potencial de golpeo e pode disputarlle o triunfo a calquera. O que precisa mellorar é a concentración nos golpes decisivos, pois puido estar na final, se non fora porque no golpe de desempate de semifinais golpeou o aire.

Ainhoa dominou a Categoría Infantil, seguida de Hugo e de Nerea. Nun campo tan complicado o poderío dos brazos de Ainhoa, musculados en prolongados adestramentos de ximnasio e nutridos por unha monacal dieta a base de algas con crema de cacahuete, non tivo rival. Hugo continúa sendo un valor seguro e demostrou que avanza no seu xogo. Nerea é imprevisible, parece que medra ante as dificultades e, así como no campo de herba artificial non conseguiu puntuar, en herba natural logrou superar a liña do varal.

 

Na Categoría Feminina, sumados os ptos da xornada Bego xa se sitúa de lider. Detrás dela aparecen as xogadoras que lle poden facer sombra, Tania, Ainhoa, Elena, Adriana, Lu e Chefa. Pensamos que entres estas 6 palanadoras está a futura Campioa de Conferencia. A sorpresa agradable deste sexteto é a presenza de Ainhoa, xogadora en idade infantil e que nas dúas primeiras xornadas en campos esixentes tivo unha media de 10 ptos. Realmente, vai ter difícil acceder ao podio, pero ollo coa de Combarro, que como chova moito esta temporada, vai ter as súas opcións, xa que é unha especialista en pavillón.

 

Na Categoría Absoluta tamén se empezan a situar os favoritos para o título nas primeiras posicións. O destacado é que Cho lidera a táboa por vez primeira. Non sabemos se a súa regularidade poderá ser a necesaria para ter opcións de título, mais coñecemos o seu potencial enorme. Cho ten un dos golpes máis duros da Conferencia, agora deberá adaptar o seu descomunal golpeo a outro tipo de superficies máis rápidas. De todos os xeitos, o seu bo comezo pode ser preludio de algo grande, que un Armadiña teña reais posibilidades de título en Categoría Absoluta.

 

Na Categoría Infantil Óscar xa se ve ameazado por Ainhoa e como falte a algunha xornada ben seguro que a súa compañeira de equipo vaillo poñer difícil revalidar título. Hugo, Xián e Nerea son os outros aspirantes que cando cheguen a pavillóns van dar moitas alegrías.

 

Nas Categorías de equipos non hai novidades con relación ao das últimas temporadas. As posicións finais do ano pasado mantéñense despois das dúas primeiras xornadas de liga. Corredoiras domina con claridade, Lúa é segundo e Gharaboto terceiro. Armadiña xa consolida a cuarta posición e pretende dar o salto definitivo á terceira praza na vindeira xornada que xogará de local. A distancia con Gharaboto é de unicamente 11 ptos.

 

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome