CRÓNICA 10ª xor NORLESTE en POL

0
211
     A xornada de Pol deixounos cinco fotografías para a historia da LNB. A primeira a de Troitas Bravas, quen despois do esforzo organizativo do Día das Estrelas 2019 acadou unha vitoria máis no seu palmarés, e xa van dúas. A presenza de Noé, aínda co brazo dereito inutilizable, forneceu dos azos necesarios aos seus compañeiros e compañeiras de equipo para alcanzar de novo a gloria. Xa lle chaman o efecto Noéssi, que é aquel temor que senten os demais equipos cando miran sobre un campo de billarda ao troita Noé, e que lles fai tremer brazos e pernas antes de golpear a billarda.
     Outras tres fotos son as dos palanadores que subiron ao podio da xornada. Markytos alimenta máis a súa lenda e xa son 22 vitorias en xornadas LNB. Navallo continúa a súa progresión meteórica, despois do segundo posto no Aberto das Estrelas da Pontenova 2019. Agora queda saber se está agardando á Final LNB para subir ao máis alto e levar a Coroza para Asturies. David é unha seria ameaza ao dominio galaico nesta modalidade deportiva. Incluso, anda dicindo por Castropol que LNB significa Liriu Non Billarda. Regueiro xa consolida o seu liderado dentro do equipo, despois de que Sachas tivera, desde o comezo de temporada, unha mellor posición, cousa que o levou a considerarse o número 1 do equipo. “Agora xa saben quen manda nas Troitas, que o Sachas andaba moi subidiño de feromonas“, afirmaba Regueiro camiño da Pastoriza. 
      A última das fotos que pasarán á historia da LNB é a de Manu, Sara e Leda recibindo as Tarxetas celestes de mans dun artista multidisciplinar E.A. Muriego.

NOÉ-NAVALLO-SACHAS-CARME-SANDRA-REGUEIRO-MARI CARMEN-TOÑO-MANOLO-JOSÉ ÁNGEL

1º-MARKYTOS

2º-DAVID NAVALLO

3º- REGUEIRO
MANU-MURIEGO-SARA-LEDA
      Mentres tanto, 150 km máis ao oeste, na Laracha os compañeiros e compañeiras da Conferencia Noroeste recibiron o recoñecemento do concello polo esforzo e dedicación empregados en difundir e espallar o xogo da billarda, en definitiva, por manter vivo un deporte tradicional tan fermoso. A ACD BILLARDA DE TOXO recibiu, nas mans do seu presidente Xosé Collazo, un agasallo e o aplauso dos asistentes. 





      Se as cinco fotos da xornada de Pol foron as anteriores, despois de actualizar as clasificacións na Conferencia Mai, debemos tamén destacar dúas cousas, que Chousa xa conseguiu a regularidade que lle faltaba para ser un claro candidato ao título de Conferencia. Conseguiu superar aos dous tenores de Billardeiros Musicais e posiciónase como o rival máis temible para o equipo de Ribadeo. Conseguirá o de Ponte de Outeiro levar por terceira vez consecutiva o Título para a Terra Chá?
CHOUSA sitúase como líder da Clasificación Individual Absoluta
     


 Na categoría de Equipos, Billardeiros non dá por perdido o título e sitúase a 8 ptos de Carabullo. Troitas consolida a terceira praza de finalista LNB e supera en 50 ptos a Chaínzos-Cadaval. O equipo de Ponte de Outeiro está buscando financiación a través dun crowdfunding para traer a Tomás desde Suiza para estas 3 últimas xornadas. O equipo ponteiro non se fía de Billardeiros, pois saben que o equipo máis laureado da LNB está peneirando as rúas de Ribadeo e arredores en busqueda de palanadores de talento, xa que, a súa masa social esíxelle renovar o título. En Pol probaron a Paco. Conseguiu 12 pts, entón, non sabemos se terá unha nova oportunidade ou se quedará cortado e terá que buscar acubillo noutra franquicia con menos esixencias clasificatorias, por exemplo, en Remourelle Bulls.


           Finalmente, aquí tendes o documento audiovisual da xornada de Pol. 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome