CONFERENCIA NOROESTE ANÁLISE DA CLASIFICACIÓN

0
183
   Faltando 3 xornadas para rematar a Liga Regular na Conferencia Noroeste, podemos afirmar e facémolo, que Pepe Collazo revalidará Título. Aínda que se confunda co GPS e non acuda ás 3 últimas xornadas, con toda probabilidade sería campión igual, xa que, faltan por xogarse 39 puntos e leva 20 puntos de vantaxe a Viqueira, quen é segundo. Daquela, tería que ganar Viqueira os 39 puntos e que Collazo non sumase 19 puntos entre as tres xornadas, algo impensable a día de hoxe. O de Paiosaco domina a Conferencia Noroeste con brazo de granito desde a temporada 2014-2015. Conquistou os Títulos nas 3 categorías: Individual Absoluta, Varados e Equipos nas dúas últimas temporadas e nesta vai camiño do mesmo. Só na modalidade de varados vai ter algunha dificultade se a choiva non fai que teñan que xogar en pavillón, pois, Berdillo ten 2 varados máis. 
      

 

   Outro xogador que cremos estará o 28 de maio intentando probarse a Coroza será Viqueira. O xogador número 1 de Cochikeiros mantén unha regularidade que fai del un temible adversario para calquera. 
VIQUEIRA 

   Todos os demais xogadores van ter que loitar por entrar nas prazas de PLAY OFF. Unha loita aberta ata o último aberto, que boa redundancia! A Laracha, Cerceda e A Coruña queren levar algún palanador ao olimpo da Coroza Nacional. De momento, os xogadores máis noveis da Conferencia, do equipo de Santa Marta, están axexando aos xa consolidados palanadores do Campo da Feira e de Filloas de Sangue. A sorpresa é a de Juan Carlos, un palanador novel, pero que está rendindo a un alto nivel. Certo que xogar no Campo da Feira é un apoio moi grande. Gándara e Andrade son dous veteranos que amodiño, amodiño e ás veces de vagar están apuntando as súas proas ao Play Off. Berdillo é un dos históricos da Conferencia e sempre estivo presente no Play Off, co cal apostamos polo de Cerceda como firme candidato a estar en Terras do Pino. Os irmáns Ponte, Xulio e Oscar, son candidatos moi cualificados para entrar nos 8 elixidos, mais non deben descoidarse pois os APB están preparando billardas “velutinas” para dar medo nestas 3 xornadas que faltan para o final da Liga Regular

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome