COMEZOU A ÉPOCA DOS PAVILLÓNS

0
97

       Coa primeira xornada LNB en pavillón chegaron os varados (cun único golpe superar a liña do varal coa billarda, cando esta está situada na liña de saída). A análise da eficacia suprema da billarda, que é usar ún só golpe para introducir a billarda entre as dúas varas do varal, debe pasar, necesariamente, polas dimensións do terreo de xogo e pola superficie deste. Certo que para transformar un golpe de saída en sublime deben confluír varias circunstancias ambientais, amais dun potente golpe. 
       As estatísticas son evidentes en canto á dificultade de realizar un varado en terreos de xogo con dimensións olímpicas (50m x 20m), e a dificultade convértese en proeza se a isto lle engadimos unha superficie de herba ou area, pois a billarda apenas ten recorrido despois de caer ao chan. Cando os campos son os dun pavillón, as circunstancias xogan a favor. Así, as dimensións redúcense a 40m x 10m e as superficies son rápidas, moi rápidas ou rapidisimas. 
       As persoas máis puristas din que non debería ter o mesmo valor un varado feito a 50m de distancia que un feito a 40m e nunha superficie artificial. As persoas máis solidarias din que deste xeito, usando pavillóns, democratízase máis o rendemento e o éxito, xa que máis xogador@s teñen ao seu alcance facer un varado. 
       Calquera das dúas posicións sitúa ao palanador e palanadora ante un enorme reto, ser máis precisos que potentes no golpeo. Por suposto, para xogar billarda precísase destas dúas cualidades humana, polo tanto, aceptamos varado de pavillón como logro extraordinario!
        
        Os datos históricos confirman que cantos máis participantes na xornada máis posibilidades de facer un maior número de varados totais. Así, a Conferencia Rías Baixas (a máis numerosa da LNB) ten a marca absoluta de VARADOS nunha xornada cun total de 41, moi cerca están os 38 da Conferencia Norleste, feitos en Meira a temporada pasada. Despois estaría a Conferencia Noroeste con 25 varados. Outras conferencias desaparecidas quedáronse en 33 Sur e 30 Centro.
       

     
     

       Esta vindeira fin de semana vai ser unha oportunidade para superar o record absoluto LNB de varados, pois o pavillón e a superficie do mesmo así o indican. Será na xornada 6 da Conferencia Rías Baixas, que se disputará en Soutomaior. O pavillón deste concello da Ría de Vigo reune as condicións precisas para que se supere esta marca, xa que ten unha superficie rapidisima. A temporada pasada (a primeira vez que se xogou nel) fixeranse 34 varados. Mais, nunca se sabe como se desenvolverán os acontecementos ante tal reto. Ás veces tanta responsabilidade inflúe negativamente nos competidores. Ademais, as clasificacións están moi axustadas como para arriscarse a que un tiro inicial se vaia pola liña de fondo, sobre todo, tendo en conta que neste tipo de superficie hai carreiras que rematan en 2 golpes. Daquela…, golpear forte ou non golpear forte, aí está a cuestión!

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome