PREVIA LNB NORLESTE e RÍAS BAIXAS

0
173
         A Taberna de Lola xa ten as neveiras cargadas e o coello leva un mes a dieta carnívora. Carabullo está realizando as últimas probas na Ría de Pontevedra co Trimorán. Se todo vai ben pensan remontar o Eo e facer trasbordo en Ría de Abres (Trabada) cara ao Maurili. En definitiva, están apostando forte por conseguir o que sería primeiro Título de Equipos para a Terra Chá. 
          O Campión desta temporada vai estar entre dous Billardeiros, Daniel e Manu Pozo. Resultado incerto, pois o campo de Remourelle adáptase perfectamente ao golpeo seguro e preciso de Manu, mais, Daniel ten o poder da beberaxe dos druídas e o virtuosismo de Mozart. Daquela, xa se verá. 
       
       En equipos o todopoderoso BMU ten un reto importante en recuperarlle 3 ptos ao emerxente CAR. Cremos que todo vai depender do plantel que presente o equipo chairego. Se consegue remontar o Maurili en TRIMORÁN a vitoria está na súa man. 

        O Título da categoría de Varados está entre tres artilleiros dos mellores da LNB. Regueiro ten un Título Nacional nesta categoría, Charly ten un Título de Conferencia e Santi dous. Polo tanto, dependerá da climatoloxía, se chove e se xoga en pavillón… o resultado é máis incerto e aínda terían opcións os xogadores que teñen 5 varados. 
        En canto ás prazas de FinaLNB a cousa está moi decidida. De todos os xeitos, é importante quedar como primeiro suplente ou segundo por se hai algunha baixa de última hora. 
         En canto a finalistas na categoría de varados, porbablemente haxa que desempatar algún dos postos, pois hai empate de 8 xogadores para 7 prazas, e aínda haberá que sumar os que se fagan en Remourelle. 
       Na categoría Feminina as catro prazas están decididas desde hai tempo. Serán Geni, Paula, Sara e Lorena quen se enfronten á poderosa e favorita armada das Rías Baixas, este ano debilitada pola baixa de Bego.  

RÍAS BAIXAS

     

            Na LNB RÍAS BAIXAS, os títulos están decididos en todas as categorías e o misterio por descubrir en Marín na última xornada é quen ocupará a última praza de finalista e o primeiro suplente. Este posto é importante e incluso o segundo suplente, xa que ocuparían os postos de quen cause baixa por algunha circunstancia. 

        Na categoría feminina a ausencia de Bego na final e a operación de xeonllo de Belmira (non se sabe se estará recuperada para o 26 de maio) abre as portas a unha loita emocionante en Marín de varias xogadoras, Lita, Ainhoa, Machi, Ana e Casilda. 

        Na Categoría de varados todo dependerá se se xoga en exterior ou en interior para que poida sufrir cambios a clasificación. A día de hoxe hai 9 prazas asignadas que rematan en 8 varados conseguidos por Ricar. Daniel e Luís Camiña terían aínda posibilidades de acadar esta cifra, que pensamos será a que marque o límite para clasificarse. De todos os xeitos, Daniel tería que facer dous varados, pois en caso de empate o criterio que se usa para desempatar é o mesmo que no empate a ptos da xeral (maior número de ptos feitos nunha xornada), maior número de varados feitos nunha xornada. En cambio, Luís Camiña se chega a 8 varados pasaríalle a Cris, a Lito e a Ricar, pois, fixo 4 varados nunha xornada.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome