CONFERENCIAS LNB

0
111

     
VÍDEO DUN GOLPE INCRIBLE, tanto por quen o realiza como pola dificultade intrínseca do mesmo.

       As xornadas da fin de semana pasada deixaron pegada nas instantáneas fotográficas e nos vídeos. A modo de exemplo vemos o golpe espectacular de Suso o número 23 da clasificación da Conferencia Rías Baixas. A dificultade do golpe está en que ten pouco ángulo de varal e que golpea de revés. Imaxinádevos o nivel dos xogadores de billarda da LNB, pois se isto o fai o número 23 que non farán os que están mellor clasificados!
CONFERENCIA NORLESTE
       O triunfo de Albino aínda está sendo estudado polos analistas especializados. Incluso se fixeron comparativas do seu golpeo co doutros consagrados palanadores. Nas fotos de abaixo descúbrese o misterio do xogador de Muimenta. Mirando o moneco do logo da LNB e comparándoo coa figura de Albino encontramos unha semellanza asombrosa. Acaso usou o modelo do xogador de Carabullo o deseñador do símbolo identificativo da LNB?

CONFERENCIA NOROESTE
        A vitoria de Añón, tamén analizada polos expertos e expertas investigadores da billarda, débese, segundo, se tira das conclusións destes, ao sorriso que acompaña cada golpe do palanador de Campo da Feira. Repasando as fotos que nos chegaron do director de prensa e redes sociais da Conferencia Noroeste, EGASA, vemos como o xogador sempre amosa un sorriso cando vai golpear. A alegría será o ingrediente determinante para golpear con puntería a billarda? 
       Investigador@s da Universidade da Coruña que iniciaron un estudo sobre os efectos do bo humor nos resultados deportivos xa se puxeron en contacto coa LNB para facer o seguimento daqueles e daquelas palanadores que usen esta variable (o riso e o sorriso) no seu golpeo de billarda. 

       A cobertura que están facendo os medios escritos e dixitais das actividades da Conferencia Noroeste está sendo fantástica. Informan da previa de cada xornada  e tamén da crónica da xornada, ademais de anunciar calquera aberto de billarda que se organice na provincia, e incluso fóra dela.  O impacto dos medios de masas está axudando a que xente que non practica billarda desde a súa infancia saiba que este xogo centenario segue vivo. Ao mesmo tempo, está contribuíndo a consolidar a participación nunha Conferencia que pasou anos moi difíciles. Sensacional o traballo dos compañeiros e compañeiras do Noroeste. 
CONFERENCIA RÍAS BAIXAS


       Nas Rías Baixas o alto número de participantes (91) contribuíu a que o nivel de esixencia fora moi elevado. Ademais, a pista tiña pozas de auga nalgunhas zonas laterais, como se pode apreciar nas fotos de abaixo. A magnífica condición atlética das xogadoras e dos xogadores evitou que houbese lesións graves. Temos que salientar a lesión de Rosana, quen confiando demasiado no seu físico, pousou un pé na poza sen importarlle demasiado e, ao golpear, este pé non suxeitou o resto do seu corpo erguido. En definitiva, zapatazo e pernas abertas en 180 graos. Resultado, lesión  muscular que a terá de baixa 15 días, Mais, este acontecemento desgrazado non desluciu a estrea da equipación do seu equipo, Armadiña. Un chandal sobrio, discreto, acolledor e, non por isto, baleiro de elegancia. Varias empresas de moda vén no mundo LNB un mercado de futuro, xa que outros equipos necesitarán roupa de inverno que soporte as temperaturas dos pavillóns que se aveciñan.  

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome