ALL STARS 2017

0
160
   Aínda non temos os datos de participación no ALL STARS LNB 2017, pero sabemos por informantes locais que a hostelaria e restauración de LAXE tivo unha ocupación por enriba do habitual para estas datas. Cando teñamos os documentos oficiais publicaremos os números. 
   A Costa da Morte estaba melancólica e magnífica, a auga movíase en azul marino, a vexetación florecía en verde constante e o aire respiraba apacible.
A praia de Laxe esperaba inquieta ás 11.30. O bulir de xogadoras e xogadores xa se empezaba a escoitar, ou mellor dito a sentir e presentir, xa que os vehículos a motor ocupaban o aparcadoira do areal. Desde as Rías Baixas chegou un grupo expedicionario con intención de asoballar deportivamente, cousa que segundo se veu despois non puideron facer.  
   Toda a simboloxía que acompaña á LNB alá a onde vaia, tamén se presentou en Laxe. Faixas, bandeiras, posters e logos brillaron en Laxe. 

   A Liga Nacional de Billarda ocupou o areal de Laxe dun xeito pacífico e mesmo semellaba que nada alteraria esta tranquilidade. Mais, todo trocou pola tarde. Despois da comida, a expedición das Rías Baixas facía prognósticos de cantos trofeos se levaría, sen contar coas artimañas (segundo eles todas legais) dos locais da Conferencia Noroeste.

   Antes de ir comer celebrouse o concurso de Triplos, cunha participación por enriba de 40. Houbo que competiu descalzo e que o fixo calzado. De 25 billardas que estaban preparadas para ser golpeadas desde distintas posicións o ganador conseguiu meter 11. Este foi o gran palanador de Paiosaco Pepe Collazo. Aquí, non houbo queixa por parte do equipo Rías Baixas. Foi pola tarde cando se veu sorprendido polo equipo Noroeste, e non polo seu xogo. Despois falaremos diso.  

   Durante a comida o entendemento foi total. Cada un e cada unha comeu no seu prato e co seu garfo e coitelo, algún con culler, por aquilo da dieta branda. Cadanseu vaso ou copa, cadansúa botella. En definitiva, a comida e a bebida resultou excelente. Sempre hai algún comensal veciño que fala máis que come e outro que come e non fala, porén, todos e todas tiveron un comportamento cívico, incluso Serxio “Milhouse” e Xosé Miguel “Ble”.

   Pola tarde, celebrouse o Aberto das Estrelas 2017. Había en xogo, ademais dos trofeos, unha praza para participar no PLAY OFF LNB 2017. O ganador do aberto ou a ganadora conseguiría unha praza para a Categoría Individual Absoluta da final LNB 2017.

 

   Os participantes en categoría infantil foron Oscar Cambón, Marc e Abel, da Conferencia Noroeste, e Geno e Juanma da Conferencia Rías Baixas. Probablemente, entre eles está o vindeiro Campión Nacional 2017.
   
   O Aberto ganouno IVÁN de Furabolos (O Pino), que aínda non xogou ningunha xornada esta temporada, para que vexades o nivel de rendemento que houbo en Laxe. Tamén, dicir que Iván non comeu coas outras expedicións do Noroeste e Rías Baixas. Tería algo que ver este feito?
   No Aberto houbo unha Conferencia Ganadora que foi a das Rías Baixas. Levouse un fantástico trofeo elaborado polo extraordinario artesán da madeira, Gándara. Pódese ver na imaxe de abaixo o poder tribal e mitolóxico do obxecto.

 
   Para acabar, o portavoz do equipo Rías Baixas que quere manter o anonimato, (JM C.) envíalle unha mensaxe ao equipo da Noroeste:

    “a pesar de subirnos a marea para invadir os campos e dificultar o noso xogo, a pesar de activar un vento de forza 15, a pesar de alimentarnos con carnes tóxicas, a pesar de facernos xogar as últimas carreiras sen luz… en definitiva, a pesar dos obstáculos o noso equipo saiu vitorioso. Para o ano organizaremos nós… ídevos preparando.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome