CRÓNICA FIN DE SEMANA RÍAS NOROESTE

0
107
      A xornada
celebrada en Vigo tivo varios protagonistas individuais e un
protagonista colectivo, este último non foi outro que o equipo de
Valpaços Terra Quente. Este equipo creado no ano 2012, con sede
central en Vigo, aínda que as súas orixes están na vila de Valpaços (distrito de Vila Real, Rexión Norte, Subrexión do Alto Tras os Montes, comunidade intermunicipal do Alto Tâmega),
 ten a singularidade de contar con máis
mulleres que homes no seu cadro de xogadores. O equipo morado sempre
se moveu, en canto á clasificación se refire, na zona medio baixa
da xeral. Sempre? Este adverbio é moi mentireiro e detrás da súa
rotunda adverbiación agáchase, a miúdo, un dubitativo case sempre,
cando non, un tímido moitas veces. En definitiva, moitas veces
Valpaços conviviu nos postos baixos da xeral, cousa que confirman os
seus resultados en xornadas de liga.
       Con estas
referencias a ninguén lle pasaba pola cabeza o triunfo do equipo de
Vigo. Pois ben, sucedeu! Diversas circunstancias se xuntaron para
construír a vitoria do equipo morado. Unha, que Salgue fixo pleno
nas carreiras de grupo, 25 ptos, que Adriana obtivo 22 ptos totais e,
finalmente, que Taxeiro e Alfonso tomaron a beberaxe máxica traída
da fonte da xuventude que hai na Terra Quente e conseguiron, 19 e 17
ptos, respectivamente.
       Polo tanto,
ganou a xornada con 85 ptos, seguido de Armadiña con 83, Gharaboto
con 78, Corredoiras con 76, Lúa con 65, Rino con 57 e Laxe con 43.
Esta irrupción no podio da xornada dos equipos do cambio xeracional
indica a boa saúde competitiva da Conferencia. Xa se intuía que
Armadiña sería un serio candidato ao podio de Conferencia, agora
tamén afirmamos que Valpaços dou unha sorpresa, daquela, poderá
dar máis se se descoidan os tres grandes da Conferencia.
        No plan
individual salientar a vitoria do neno prodixio de Armadiña, Óscar
Caldas. Este neno da xeración 21, aprendeu a xogar na LNB, e desde
un primeiro momento destacou pola alegría dos seus golpes e por un incansable exercicio desta actividade. O podio da xornada estivo tinguido da cor azul e branca do equipo de Poio, mesmo Ricar se rendiu á marea celeste e axudou a soster a Armadiña para inmortalizar o momento. Desculpade a pouca calidade das fotos, pero é que o fotógrafo oficial, Charri, despois da agotadora vitoria en Castrelo tivo que pasar dúas semanas nun Balneario para recuperar os 12 quilos que perdeu pola pata abaixo.

        Os gráficos de puntuacións da xornada indican que o morado escudo de Valpaços encabezou todas as clasificacións. A maioría d@s comentaristas deportivos buscan a xustificación deste rendemento inesperado nun licor da Terra Quente que Taxeiro trouxera, hai tempo, a unha Gala da Billarda e que quen o provou notou uns efectos enerxizantes e supervitaminantes. De todos os xeitos, ata que a LNB decida introducir os controis antidopaxe non poderemos saber se o nivel de hematocrito (volume de células vermellas do sangue) de Alfonso e Taxeiro estaban dentro dos parámetros permitidos, nin se Vixo botou man da farmacopea para preparar a beberaxe que o levou a subir por vez primeira a un podio LNB.
       De todos os xeitos, recolléronse mostras de líquidos corporais de varias persoas cuxa puntuación estivo moi por enriba do rendemento normal, pois, cando a LNB aprobe o estatuto de boas costumes igual se poden denunciar estas prácticas e, con efecto retroactivo, desposuír dos títulos acadados a est@s defraudadores deportivos. Vixo, non durmas tranquilo, xa que está cerca a tecnoloxía que permitirá demostrar se ese corpo foi adulterado coa inxesta de substancias prohibidas. Lau, ti tampouco estás libre de sospeitas. Estes dous xogadores de Armadiña, ademais dos mencionados Alfonso e Taxeiro, golpeaban as billardas como se non houbese un mañá, como quen bate nunha alfombra. Ademais, sospeitosamente, acertaban coa billarda. A pesar das sombras da pista cuberta e dos raios solares da pista exterior e a pesar da súa deficiente técnica e do pouco adestramento est@s xogador@s estiveron rabuñando a excelencia… cousa rara, rara, rara… Mais e todo, imos garantir a presunción de inocencia dest@s magnífic@ palanador@s.

Chegada de parte da expedición morada

   

Santiago mostrando o seu poderoso palán
A infantilada continúa fiel a festa que supón para el@s xogar á billarda
Paquiño mollando o palán para ganarlle peso e que o golpeo sexa máis potente (técnicas innovadoras do Grove)
       
       Despois de sumados os puntos as clasificacións de Equipos quedan deste xeito. 

Equipo
Total
1 CORREDOIRAS BUEU 621
2 LÚA DE FORZA SANXENXO 607
3 GHARABOTO MARÍN 588

ARMADIÑA POIO 531

RINOCERONTE PONTEVEDRA 450

VALPAÇOS TERRA QUENTE VIGO 435

LAXE DE RONS O GROVE 404

ANDARELA MEAÑO 9
       Corredoiras empeza a tensar a corda e xa está 14 ptos por enriba de Lúa de Forza. Ata cando seguirá en pé o reto de superar ao todopoderoso Corredoiras? Gharaboto acelera para atrapar ao equipo de Sanxenxo, agora son 19 ptos os que separan a estes dous equipos, e entrar nesa loita de titáns. Armadiña non renuncia ao seu obxectivo de principio de temporada de conseguir unha praza de finalista LNB. Así, o rendemento por debaixo do seu potencial de Manu e Cho, non impediu que Armadiña se quedara a só 2 ptos de ganar a xornada. Aparececeron Óscar, Vixo, Peque (o home invisible) e Diego para completar unha das mellores puntuacións históricas da franquicia celeste. Rinoceronte xa escoitas os Val-pasos que se acercan por detrás. Laxe baixa moito o seu rendemento cada vez que teñen que visitan a Ría de Vigo. Afirman que xa teñen bastante con soportar as augas medicinais da de Pontevedra. Este equipo prefire os fondos da Ría de Arousa. 


EQUIPOS FEMININOS
Total
1 GHARABOTO MARÍN 277
2 VALPAÇOS TERRA QUENTE VIGO 275
3 CORREDOIRAS BUEU 181
4 ARMADIÑA POIO 170
5 LÚA DE FORZA SANXENXO 114
6 LAXE DE RONS O GROVE 21
7 RINOCERONTE PONTEVEDRA 1
      Está preciosa a loita entre Gharaboto e Valpaços polo primeiro posto. As mulleres de Gharaboto conforman unha escadra sensacional, por iso alcanzaron por primeira vez o liderado a xornada pasada, mais, o gran favorito e actual campión é o equipo morado de Vigo. Xogando en territorio coñecido, Vapaços acercouse ata 2 ptos do equipo de Marín. Na zona media, Armadiña tivo unha estupenda actuación, sobre todo, coa inesperada puntuación de Lau (13 ptos) e a presenza de Machi, quen sempre suma para o equipo cando participa. Ainhoa e Elena completan un cuarteto de moito futuro. Lúa queda en terra de ninguén. A quinta praza é a súa correcta posición.

NOROESTE

      Fantástica participación na xornada da Sardiñeira. Salientar a presenza dun grupo de inspectores LNB que supervisaron en todo momento que as medidas e distancias foran as oficiais e que o sorteo se realizase coas garantías de calidade esixidas pola LNB. APB presentou en sociedade aos reforzos de Nadal e estiveron cerca, en algún momento da xornada de ameazar a vitoria de Campo da Feira. Malpica-Cochiqueiros apareceu con 10 xogador@s e APB con 9 xogador@s, as súas participacións máis numerosas dos últimos anos, cousa que contribuíu a que as puntuacións estiveran máis repartidas.
      A Conferencia Rías Baixas achegou 7 competidor@s que intentaron estar ao nivel desta esixente Conferencia. Conseguiron o triunfo dun dos seus representantes, sobre todo, debido á milenaria xenerosidade da xente do Noroeste, que cando recibe visita de extranxeir@s saben tratal@s. Acordádevos que tamén foran xeneros@s coa visita dunha expedición do Norleste.
      Despois desta xornada, a clasificación queda moi emocionante nos postos de finalista LNB. En canto ao título, Collazo aumentou a distancia sobre Juan Carlos. Edu afianzouse no podio e Xulio empeza a acelerar. Roi e Lito están de momento en zona tranquila, igual que Kevin. A partir do oitavo praza todo pode suceder.

ABSOLUTA EQU TOT
1 COLLAZO FEI 159
2 JUAN CARLOS FEI 140
3 EDUARDO FEI 129
4 XULIO FEI 118
5 ROI APB 117
6 LITO MAC 116
7 KEVIN APB 114
8 ENRIQUE FEI 102
9 LOIS FONTÁN FIL 102
GÁNDARA FIL 98
MERCHE APB 98
COTELO APB 98
LUÍS MATO MAC 93
ABEL INF FEI 90
ELADIO FEI 88
MIGUEL INF FEI 85
OSCAR PONTE FEI 83
JULIO VILAS APB 83
CHARLI VARELA FEI 82
ANDRADE FIL 81
VIQUEIRA MAC 75
BERDILLO MAC 74

   

Andrade baixo a atenta mirada dun dos inspectores LNB (Luís Gon) que chegaron das Rías Baixas. Unha inspección rutinaria para ver se se cumpren coas medidas regulamentarias en paláns, billardas e varais.

Novas fichaxes de APB. O equipo da LARACHA tivo que cambiar a súa filosofía de contar só con xogadores da Comarca de Bergantiños e abrir as fronteiras a xogadores nacidos no estranxeiro. Roi descubriu en Ferrol Terra uns diamantes en bruto: Iván, Bieito e Cesar.

O internacional de MAC volveu do seu retiro espiritual e estivo a piques de acadar a final, quedouse en semis. O internacionalmente famoso golpe coñecido como Berdillazo volveu á praza da Sardiñeira. Igual que fixera na Tartini Square de Piran, este demoledor golpe volveu a ser mortal para os seus rivais.

Carmela

Óscar García

Pablo

EGASA xustificando o uso dun apoio debaixo da billarda nunha superficie de asfalto ante outro dos inspectores LNB (Luís Camiña) que asistiu á xornada da Sardiñeira. 
Dúo Deno

Confidencias entre Edu e o Comandante Collazo: 

“-Estes pelotudos de APB avisaron aos mercenarios das Rías Baixas para tocarnos as …”.

       -Comandante, non te raies… aquí estou eu… “.


E realmente Edu estivo, pero estivo só ata chegar á final, na cal se desfondou como barril vello.


Miguel Cancela. A posición de golpeo do Home Araña de Paiosaco está causando sensación, ata Miguel está imitándoa.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome