A Federación Galega DEPAU Billarda iniciou a súa andaina. Billarda en Labañou.

0
199

A billarda iniciou unha nova andaina, agora co acubillo da Federación Galega DEPAU.Pois ben, a terceira xornada da Liga Atlántica de Billarda, Conferencia Noroeste, disputouse no campo de Fútbol Nosa Señora do Carme, Labañou A Coruña. Xuntáronse 42 participantes, integrados en 5 equipos. A mañá presentouse con boa cara e mellor corpo. Día previa ao Día das Letras Galegas houbo agasallos literarios en galego para tod@s participantes. Colaboraron coa DEPAU Billarda, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña e a AAVV Francisco Rodríguez Otero de Labañou, San Roque, Cidade Escolar e Os Rosales.

 

 

Agora, a billarda é modalidade deportiva federada, polo tanto, xogouse baixo a seguridade da aplicación do protocolo FISICOVID. Máscaras, distancia de seguridade, non compartir material nin comida e hixiene hidroalcólica.

 

Ben, entremos en fariña. Palanadoras e palanadores notaron a falta de adestramentos durante a época de hibernación covídica. Certo, algúns máis que outros e algunhas menos que outras. O Area Coliseo de Labañou presentaba un aspecto inmellorable, zonas de terra compactada a carón de pequenos oasis de herba, xunto coas beiras enchoupadas polo paso da borrasca durante a madrugada do sábado ao domingo. No aire de Labañou respirábase incerteza, ilusión e curiosidade. FEI era o equipo da incerteza, pois os seus xogadores non sabían se perderan ou non o golpe de palán invencible de antano. FIL era o equipo da ilusión, posto que o segundo posto na xeral, conseguido de maneira sorprendente despois das dúas primeiras xornadas disputadas no outono de 2020, era un reto que afrontaban con entusiasmo e alegría. APB era o equipo da curiosidade, como queira que volvían a encontrar os vellos fantasmas dun pasado recente de discrepancias intestinas sobre que camiño debe emprender o novo Club de Billarda APB, se o laico ou o católico, ou se optar pola vía catalá. Pois si, tamén estaba o equipo somnámbulo do Noroeste, COQ, que segue soñando cunha liga en horario de tarde. Vaia, non queremos esquecer que un equipo procedente das Rías Baixas tinguiu de verde Labañou, mais non foi quen de vencer na categoría de equipos, o poderoso FEI impediullo.

Estas son as actas da xornada.

 

Salientar que FIL presentou o seu novo calzado deportivo 2021-2022, A zocandra. Vós mesmas, vós mesmos, poderedes comprobar a eficacia deste calzado deportivo creado polo talentoso artesán polifacético renacentista, Landras. BIGAL captou unhas imaxes a cámara lenta-lentísima dos beneficios destes pés de madeira que van supoñer un punto e aparte na biomecánica deportiva.

Sen máis, aquí vos queda a reportaxe fotográfica e o audiovisual resume da xornada (música de Fanny&Alexander, Lipe lape, CD República Billarda), xunto co audiovisual de presentación da Zocandra (musica de Ollo lóstrego, Caducifolia).

 

 

Resume da xornada

 

 

A zocandra, a zoca deportiva

que dura toda a vida