10ª XOR LNB NORLESTE Mosteiro-POL PREVIA

0
186
      10ª xornada LNB Norleste do vindeiro sábado 30 de marzo vai ter o escenario magnífico do campo de fútbol de Mosteiro (Pol). Unha nova importante na Conferencia Norleste, sobre todo para Billarda Verde, é que o seu xogador franquicia, Iván Alonso, vai centrarse exclusivamente na billarda, xa que, ata hai un par de semanas compatibilizaba o posto de adestrador do Sevilla CF e o de palanador do equipo de Castroverde. Adoptou o nome de Pablo Machín para iniciar unha aventura nos banquiños de fútbol que apenas durou 8 meses. O castroverdés non se adaptou ás altas temperaturas e á falta de choiva da zona sur da península ibérica. En definitiva,  Iván tomou a decisión de deixar o fútbol e dedicarse á billarda ao cento por cento. Está a 24 ptos da última praza de finalista LNB e quere dalo todo nestas 4 últimas xornadas. 



       Pensamos que entre os xogadores da zona cinco da Clasificación Individual Absoluta (cinco primeiros postos) vai estar o campión 2018-2019. Sobre a superficie de herba de Mosteiro imos ver se Chousa, Sachas e Regueiro son quen de acercarse aos Billardeiros Musicais, Manu Pozo e Daniel. Destes cinco palanadores que están realizando unha temporada sensacional, Chousa é o que menos habituado está a estas posicións, xa que, desde que iniciou o seu camiño na LNB (2013), nunca se clasificara por postos para a Final Nacional. A única vez que o fixo foi cando se clasificou a través da praza que daba o Aberto das Estrelas. Curiosamente, a única vez que participou na Final LNB ganou. Foi Coroceiro 2016. Daquela, ten un 100% de efectividade nas súas participacións. Esta temporada pode ter a súa grande oportunidade para ser Campión Norleste, pois, quedan 3 xornadas en campos da Terra Chá e da Comarca de Meira, un territorio que coñece moi ben e son terreos moi favorables para a súa técnica de golpeo. De todos os xeitos, Daniel é un valor seguro e adáptase a calquera superficie con enorme facilidade. Manu Pozo é o caso excepcional dun xogador que no seu primeiro ano xa quedou 4º na xeral final, o mesmo posto que repetiu ao ano seguinte. A temporada pasada xa foi segundo e esta temporada se continúa coa súa progresión e regularidade podería ser campión. Sachas e Regueiro teñen o golpe potente como para ameazar a estes 3 claros aspirantes ao título, mais, precisarían que eses pouquiños centímetros de espazo que hai aos lados das varas do varal non fosen tan avarentos das súas billardas. 
      Os demais cremos que están demasiado lonxe como para optar ao título. Así, Albino, Ismael, Pepe Outeiro, Charly, Cortón e Markytos están en zona tranquila de finalistas LNB e só unha calamidade ou unha ausencia podería ameazar a súa participación na Final LNB 2019. 
      Despois, veñen as posicións delicadas. Geni, Jorge, David Navallo e Noé están actualmente nos postos de finalistas, pero Pepe Vidal está a 4 ptos, Franco e Paula a 9 ptos, Muriego a 10, Manolo a 12, Santi a 13 e Rubén a 15. Tod@s est@s saben que Noé está mancado e que vai ter moi complicado defender a súa praza de finalista, entón, van apretar os dentes e baterlle forte para esgotar as súas posibilidades nesta xornada de Pol, pois, Noé conta con estar totalmente recuperado para a xornada de Bretoña. 
       Na categoría feminina Geni ten 13 ptos de vantaxe sobre Paula, cousa que a fai clara favorita para conseguir o seu oitavo título de Conferencia consecutivo. As outras prazas de finalista LNB están en poder de Sara e Lorena. Ana e Lola Eiras teñen potencial para optar a esas prazas, pero ao faltar a varias xornadas van ter moi difícil recuperar a distancia que as separa do cuarto posto. 
      Na categoría de Equipos o título e as posicións de finalista LNB están moi disputadas. Deste xeito, o título é cousa de Carabullo e Billardeiros con lixeira vantaxe para os de Ponte de Outeiro (11 ptos). Xa chegou a primavera e con ela os campos de herba, cousa que en principio parece que favorece a Carabullo… veremos! Na última praza de finalista está Troitas Bravas cunha cómoda distancia de 37 ptos sobre Chaínzos-Cadaval, polo tanto, non deberá ter problemas para conseguir entrar nesa Final Nacional que o ano pasado se lle escapou. 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome