10 XOR LNB NOL MONDOÑEDO… Carabullada Infernal

0
526

Faltaban dous minutos para o comezo da xornada 10 da LNB NOL e no campo Viñas da Veiga de Mondoñedo aconteceu esta secuencia…Alquén podería supoñer que a insolación que colleron Migho a Javi Morán tería un efecto tan beneficioso sobre o seu rendemento? Pois ben, o certo é que a elevada dose de vitamina solar acelerou de tal xeito o biorritmo d@s xogador@s de Carabullo que foron imparables sobre a herba das Viñas da Veiga. Na imaxe de abaixo, na cal aparecen os podios das diferentes categorías, vemos o escudo de Carabullo dominando o taboleiro. A excepción veu na categoría infantil, que foi para Troitas (Marcos).

Sabemos que temos que chegar cunha marxe de 20 ptos a Remourelle para ter posibilidades de título, afirmaba Ismael García ao remate da xornada. Polo tanto, se o tempo acompaña e xogamos en campos de herba, este ano, por fin, levaremos o Título para a Chaira. A ver que inventan esta temporada os equipos da Mariña para evitar o inevitable? Ismael e o resto dos integrantes de Carabullo estaban eufóric@s e foron vistos nun local de restauración da zona cantando e repetindo o refrán “O Título da Billarda, vaise para a Chaira, o Título da billarda, vaise para a Chaira, o Título da billaaalda, vai pala a Chaiiiila, o Título da Biiiillaaaalda, vai pala Chaaailaaa“.

Javi Morán fixo pleno de ptos, Charly e Albino só deixaron de sumar un ptos. Irea ganou en Féminas.

Despois desta xornada, vai quedar na memoria colectiva da LNB o día no que sucedeu a Carabullada Infernal. O día foi espléndido no meteorolóxico, fabuloso no social, grandioso no cultural e Infernal no deportivo.

Ademais, Muriego deu un paso máis aló da xenialidade e conseguíu superarse. Sabíase que as súas acuarelas eran froito dun momento de inspiración divina e esta chegaba… cando chegaba. Moitas xornadas, esta inspiración tiña ocupado ao Da Vinci de Tapia ata minutos antes de iniciar o desprazamento ata o lugar onde se xogase a xornada. Mirade por onde, no día de Mondoñedo Muri alcanzou o climax pictórico e a acuarela naceu despois de finalizar a xornada. Desta maneira evitou chegar cos antebrazos demasiado cansados e os ollos fundidos en negro… Certo que non mellorou o seu rendemento deportivo, mais a acuarela naceu para quedarse. Toda persoa que botou en falta ese símbolo da Billarda que é a Muriacuarela aquí a tendes en primicia mundial ao lado das actas de grupo.

A luz clara, diáfana, transparente e brillante do sol de Mondoñedo sobre o fondo do tecido  verde do terreo deu oportunidade para retratar a prodixios@s deportitas da billarda. Grazas a aquelas persoas que dedican algo do seu tempo de descanso entre carreira e carreira a inmortalizar instantes do xogo, para que as demais, para que os demais, gocemos da súa contemplación.

A puntuación de Carabullo foi a máis elevada da temporada e a 7 ptos da xornada perfecta, que sería que 4 xogador@s acadaran o total dos ptos en xogo (25). Con este rendemento o equipo de Ponte de Outeiro sacoulle ao segundo clasificado 22 ptos, algo brutal. Entre os outros 3 candidatos ao título, TRA, BMU e CHA houbo diferenzas mínimas. O resto de equipos da Conferencia non alcanzaron os 50 ptos.

Sumados os pts desta xornada as clasificacións xerais quedan deste xeito… semella que o Título de Conferencia vai ser cousa de 3, Charly, Regueiro e Albino. Os demais están demasiado lonxe, aínda que isto é billarda. Na Categoría Feminina, Paula mantenlle o pulso a Geni. En Infantil, o Título vai estar entre Marcos e Aroa. En Equipos, o título colleu dirección Ponte de Outeiro e vai ser moi difícil que se perda polo camiño. Nas outras prazas de FinaLNB 2020 segue a emoción. Entre o segundo BMU e o cuarto CHA hai 9 ptos. Nesta xornada Troitas reforzou a estima de seu e sube a praza de finalista, iso si, un puntiño por enriba de CHA.

 

Algún microvídeo de deportistas da billarda.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Pon aquí o teu nome